ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O ´porta a porta´de San Sadurniño consegue unha...

05-02-2015

O ´porta a porta´de San Sadurniño consegue unha importante redución de residuos

O ´porta a porta´de San Sadurniño, funciona!

O pasado 29 de xaneiro persoal do concello de San Sadurniño e de ADEGA visitamos casa por casa aos participantes neste proxecto de recollida porta a porta e compostaxe. O proxecto atinxe á zona limítrofe de San Sadurniño e Naraío e a parroquia de Ferreira, unha rota de 40 Km para recoller o lixo de 60 casas.
A xente destes lugares sabe que ten que separar as diferentes fraccións do lixo e que non pode ir ao contedor nada de restos orgánicos. Esta fracción orgánica ten que quedar na vivenda ben como alimentación animal, nunha esterqueira ou ben nun composteiro que pode solicitar ao concello.

Os primeiros resultados deste proxecto son moi prometedores: a redución de residuos é moi significativa, xa que recolleuse só un contedor de fracción resto de todas a casas durante toda a semana. A calidade da separación das demais fraccións é tamén moi boa.

Excelente a colaboración da veciñanza

A colaboración de toda a veciñanza neste proxecto é excelente. Moitas e moitos opinan que o servizo mellorou xa que non se teñen que desprazar e agora están os contedores ao pé da casa. Tamén comentaron que antes era máis doado ao ir todo o lixo xunto e que nas primeiras semanas tiñan que pensar onde ía cada cousa. Mais agora xa coñecen perfectamente onde vai cada fracción e “se é bo para todos tampouco custa tanto”, comentou unha veciña.

A xente aproveitou esta visita para resolver dúbidas como por exemplo: un vaso roto onde vai, ao vidro ou ao resto? Agora xa saben que o vaso debe depositarse na bolsa do resto. Preguntouse tamén se no composteiro pódense botar restos de peixe ou plumas dos polos. A resposta é afirmativa, e nestes casos hai que botar unha bota cantidade de herba seca ou folla para que se descompoñan sen problemas.


Sermos conscientes da cantidade de lixo que producimos

Algo que comprobamos nesta visita é a toma de consciencia do lixo producido. Un dos comentarios máis repetido nesta xornada é que non eran conscientes da cantidade de restos orgánicos que ía para o contedor, de feito xa se recibiron novas solicitudes de composteiro a maiores dos xa repartidos.
Ao principio pódese pensar que no rural o orgánico vai todo para os animais, pero en moitos casos e por preguiza, vai todo no caldeiro do lixo. “Xa colleramos malos vicios nos últimos anos” comentou unha veciña, así como que é moito mais cómodo ter o composteiro á porta da casa.

Dende ADEGA concluímos que se hai vontade política para mudar o sistema como é o caso de San Sadurniño, e se proporcionan os materiais e información necesaria, a xente colabora e síntese orgullosa de facer as cousas ben.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal