ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A elevada contaminación das principais industrias...

04-11-2014

A elevada contaminación das principais industrias galegas duplica a media estatal

Un artigo de Ramón Varela, experto en contaminación ambiental

Meirama. Foto. Alberte SR

Veñen de facerse públicos (outubro de 2014) os datos do Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes (PRTR-España) sobre as emisións a atmosfera, auga e solo de substancias contaminantes das principais industrias e outras fontes puntuais e difusas, correspondentes ao ano 2012. A este rexistro teñen que ser notificadas obrigatoriamente polos titulares das industrias e complexos (varias instalacións co mesmo emprazamento e co mesmo titular) da orde de 100 substancias contaminantes incluídas no  Regulamento da Comunidade  Europea (CE 166/2006) e Reais Decretos (RD 508/2007), das cales 60 substancias considéranse contaminantes atmosféricos relevantes. A notificación tense que realizar si se superan determinados umbrais de emisión fixados con anterioridade e o titular debe indicar si os datos que comunica están baseados en medicións, cálculos ou estimacións. A información pública que ofrece en rede o Rexistro PRTR-España, aínda con certo atraso – case dous anos- e incompleta, é porén moi valiosa xa que permítenos coñecer, analizar e valorar as emisións e mesmo comparar as de Galiza con respecto ao Estado.

As industrias galegas, campioas en contaminación

Fonte: PRTR e elaboración propia

As grandes industrias instaladas na Galiza, a maioría multinacionais do sector da electricidade (centrais térmicas), sector do automóbil (Citroën PSA), petróleo (Repsol), aluminio (Alumina-Aluminio de Alcoa), madeira (Ence, Finsa), ferroaleacións (Ferroatlántica) etc. son as principais responsábeis de que ocupemos  hoxe igual que en 1990  o cuarto lugar no Estado  por emisión de dióxido de carbono, case o 12% de todo o dióxido de carbono que se emite na industria do Estado rexistrada no PRTR procede de Galiza, pero tamén  estamos no primeiro posto por contaminación de perfluorocarburos co 76% do total  e no terceiro en emisión de flúor co 21% , situación similar coa emisión de  partículas (PM10) co 15,7% .

Outras porcentaxes notables que fan que Galiza ocupe o terceiro ou cuarto posto no Estado ten relación cos seguintes contaminantes: dióxido de xofre (14,3%), mercurio (14%), cloro (13,5%), dióxido de carbono (11,98% xa mencionado), compostos orgánicos volátiles non metano (9,4%),  monóxido de carbono (8,8%), etc. Todas as porcentaxes son extremadamente elevadas tendo en conta o número e tamaño da nosa industria, a poboación, a extensión xeográfica, o noso nivel de vida... e temos que ter en conta que estes gases e partículas están implicados directa ou indirectamente en problemas de saúde e aumento de mortalidade, e no medio ambiente en problemas globais e locais sumamente importantes como efecto invernadoiro, destrución da capa de ozono, choiva ácida, etc.

Galiza segue a emitir unha contaminación que non merece

Galiza con menos 3% dos complexos industriais do Estado, representa para as emisións contaminantes (dióxido de carbono, dióxido de xofre, partículas....) valores extremadamente elevados comprendidos entre o 10-20% do total do Estado, e en casos excepcionais valores maiores. Porcentaxes inxustificables tendo en conta o número e tamaño da nosa industria e os rexistros no PRTR (3%), a poboación (5,9%), a extensión xeográfica (5,8%) o PIB (5,4%), o noso nivel de vida...,  temos que ter en conta que estes gases e partículas  están implicados  directa ou indirectamente en problemas de saúde e aumento de mortalidade e no medio ambiente en problemas globais e locais sumamente importantes como efecto invernadoiro, destrución da capa de ozono, choiva ácida...

Si observamos as emisións por grupos de contaminantes, comprobamos que temos un alto porcentaxe de emisión de gases de efecto invernadoiro da orde do 12% do total que se emite no Estado. Tamén apresentan porcentaxes elevadas comprendidas entre o 7 e o 10%, substancias acidificantes/eutrofizantes/precursoras de ozono, outros contaminantes distintos de dióxido de carbono e compostos orgánicos persistentes.   
Aínda sendo alta a contaminación os focos contaminantes son moi poucos. As principais industrias implicadas na contaminación atmosférica son: Térmicas (particularmente As Pontes), Alcoa, Refinería de petróleo de Repsol, ENCE, Ferroatlántica, FINSA… emiten a atmosfera  un volume de contaminantes moi elevado en dióxido e monóxido de carbono, dióxido de xofre, compostos de nitróxeno, metano... 

A saúde dos ecosistemas e a nosa propia saúde podería mellorar moito si  diminúen as emisións
 gases e partículas implicados en problemas de saúde  (asma, bronquite, alerxias, problemas cardiovasculares, ictus cerebral, cancro ...) e mortalidade. Lembremos a OMS no referente as partículas: "Non  se puido identificar ningún umbral por debaixo do cal no se observaran danos para a saúde". Temos  tamén a obriga de diminuír as emisións para contribuír a mitigar aínda que sexa unha moi pequena parte os grandes problemas ambientais da actualidade como quentamento global, a choiva ácida, a destrución da capa de ozono...  

Galiza segue a emitir unha contaminación que non merece. O beneficio duns poucos non pode ser o dano de moitos. Sempre nos lembramos de Castelao cos seus debuxos e o pé dun deles:  “As sardiñas volverían se os Gobernos quixesen”, que sen dúbida serve para aplicar perfectamente ao tema que nos ocupa. Cando se ocupará o goberno galego?

Ramón Varela Díaz, doutor en Bioloxía, experto en contaminación atmosférica e ex-presidente de ADEGA

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal