ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Día Mundial da Eficiencia Enerxética: SOGAMA,...

05-03-2014

Día Mundial da Eficiencia Enerxética: SOGAMA, exemplo máximo de ineficiencia

A responsabilidade é só da cidadanía?

Apagar a luz, usar dispositivos de baixo consumo, tapar as potas na cociña... Toda unha serie de consellos benintencionados para aforrar e sermos máis eficientes co uso da enerxía nos nosos fogares. Campañas como "A enerxía intelixente", "Que podes facer para millorar o planeta?" ou "Guía para un consumo intelixente", eléctricas, petroleiras e incineradoras pretenden, máis aló de dar consellos, trasladar á cidadanía a responsabilidade no uso eficiente da enerxía. Deste xeito, cumpren co "labor social" e desvían a atención sobre os seus procesos suxos, ineficientes e contaminantes.

SOGAMA, exemplo de ineficiencia enerxética e cinismo

A incineradora de Cerceda e o modelo SOGAMA baseado na incineración de residuos urbanos é un perfecto exemplo do desbaldimento de recursos e de ineficiencia enerxética. Di recuperar enerxía queimando o lixo pero o certo é que gasta máis enerxía a base de combustíbeis fóseis (gas natural, gasoil) da que produce coa incineradora.

Por este motivo, e aténdonos ao criterio de eficiencia establecido na Directiva 2008/98/CE para considerar a incineración como valorización enerxética, resulta que SOGAMA non chega ao valor mínimo esixido. A eficiencia enerxética de SOGAMA está no rango de 0,25 a 0,41 (0,25 en 2006, 0,32 en 2007 e 0,28 en 2008, último ano no que SOGAMA publicou datos) e en calquera caso por baixo do 0,6 que marca lei para que o proceso sexa considerado valorización. Portanto, a incineración de SOGAMA é a todos os efeitos equiparábel á eliminación/vertido.

Os concellos, financiadores do negocio de GN-Fenosa

Esta baixa eficiencia é o resultado das características da instalación e do deseño do Plano de Residuos da Xunta, feito para favorecer os intereses de GN-Fenosa:

  • Incineradora situada nunha área rural sen demanda para o aproveitamento do calor residual, polo que a recuperación enerxética descansa só no aproveitamento da enerxía eléctrica xerada.
  • Consumo de grandes cantidades de gas natural para o secado previo do lixo e a elaboración de combustible. Entre 2006 e 2008, a instalación consumiu unha media de 488.710 MWh/ano de gas natural.
  • Consumo de grandes cantidades de gasoil no transporte dos residuos a Cerceda, por riba dos 2 millóns de Kg de gasoil ao ano só en levar o lixo das empacadoras a Cerceda. Para o contentor amarelo, por exemplo, o consumo de gasoil superou os 132 Kg por tonelada de envases reciclados: Todo un exemplo de eficiencia!
Portanto, a incineración que practica SOGAMA e todo o sistema do Plano de Residuos da Xunta é un exemplo perfecto de ineficiencia e estafa á cidadanía.
Que pensarán os concellos aos que SOGAMA vén de aplicar unha suba do 34% no canon do lixo ao saber que se lles cobra a prezo de incineración un proceso que equivale nin máis nin menos que a un vertido?

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal