ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A Comisión Europea comprométese a estudar as...

31-08-2022

A Comisión Europea comprométese a estudar as denuncias presentadas por ADEGA polo incumprimento de varias directivas europeas na actual vaga eólica

ADEGA e a representante do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, reuníronse hoxe en Bruxelas co Xefe da unidade de Conservación da Natureza da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, Nicola Notaro, e o seu equipo legal, para trasladar dúas denuncias e un completo informe xurídico sobre a evolución do desenvolvemento da enerxía eólica en Galiza.

A organización ecoloxista apelou ao organismo europeo a frear a vulneración sistemática do dereito comunitario por parte dos gobernos da Xunta e do Estado español en materia ambiental e de información, acceso e participación pública e abrir o oportuno procedemento de infracción. Notaro comprometeuse a estudar a fondo as denuncias presentadas así como abrir un diálogo co goberno español ao respecto, sobre o que darán conta previsiblemente en outono.

Así mesmo, a organización ecoloxista galega compartiu coa Comisión Europea as razóns que están a motivar a crecente oposición social fronte ao actual modelo de enerxías renovables, e que se puxo de manifesto nas masivas mobilizacións convocadas pola Coordinadora Eólica Así Non nos dous últimos anos en Galiza. A secretaria executiva de ADEGA, Belén Rodríguez, trasladou aos membros da Comisión as reivindicacións que fai a Coordinadora Eólica Así Non a prol dun cambio radical do modelo enerxético que rache coa situación de espolio, depredación ambiental e de abuso social que Galiza sufriu historicamente e revive na actualidade co gallo da actual vaga eólica. “A Comisión Europea non pode eludir que a actual exurrada eólica imposta pola Xunta e o Estado está a incumprir o dereito comunitario”, asegurou Belén Rodríguez.

Pola súa banda, a europarlamentaria Ana Miranda, considera que a vulneración sistemática das directivas europeas en materia de participación cidadá e de medioambiente “é un problema estrutural” e comprometeuse a “facer un seguimento exhaustivo dos procedementos que se deriven desta xuntanza e das denuncias presentadas ante Comisión Europea”.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal