ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O FDXCC recorre varios complexos eólicos que...

04-07-2022

O FDXCC recorre varios complexos eólicos que afectan á pita do monte no Bierzo

O Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica (FDXCC), do que fai parte ADEGA, e a través da Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica, vén de interpoñer recurso de alzada ás aprobacións dos complexos eólicos de Peña del Gato, Valdesamario e La Espina, paralizados durante anos por orde do TSX de Castela e León, que baseou a súa sentenza na afección á pita de monte cantábrica, especie catalogada na categoría en perigo crítico de extinción e da que quedan menos de 300 exemplares. A Xunta de Castela e León autorizou recentemente que poidan porse a funcionar tras unha nova tramitación.

O tres complexos construídos hai máis dunha década foron paralizados xudicialmente por, entre outros motivos, esa afección directa sobre a pita do monte. Con todo, nun xiro inédito, a asociación demandante naquel expediente xudicial e os promotores, da man da Xunta de Castela e León, chegaron a un acordo que permitiu a nova tramitación de autorización administrativa que agora se recorre. A nova tramitación atinxiu de novo aos mesmos e idénticos complexos, xa construídos, negando unha vez máis esa afección para tentar eludir a sentenza ditada.

En total son 45 aeroxeradores que se instalaron sobre un hábitat que é área de distribución da pita de monte, en concreto a franxa máis meridional da súa distribución na peninsula Ibérica. O impacto das estruturas súmase ao das obras auxiliares (pistas de acceso, tendidos eléctricos). Dáse a circunstancia de que nestes últimos dez anos déronse nesta contorna varios casos de afección directa sobre a pita de monte: nas obras de execución doutro complexo eólico do mesmo promotor (complexo eólico San Feliz), destruíuse o niño dunha pita de monte radiomarcada pola Xunta de Castela e León, o que levou á anulación do devandito proxecto; ademais, máis recentemente, o caso dunha femia morta por impacto cun aeroxerador no veciño complexo eólico de Valdelín. Todo isto, acontecido nunha situación na que quedan menos de 300 exemplares desta especie.

Boa parte dos aeroxeradores dos tres complexos eólicos están instalados en zonas consideradas de  Máxima Sensibilidade, segundo a zonificación do MITERD. Por outra banda, o Plan de Recuperación da Pita de Monte Cantábrica considera estes territorios dentro do rango de áreas de potencial ocupación.  

Nos recursos presentados incorporouse, como medida cautelar, a petición de manter a paralización dos complexos eólicos en tanto se resolvan devanditos recursos.

A intención do FDXCC é elevar cantas accións sexan necesarias para que estes complexos sexan desmantelados, tal como a lóxica máis elemental indica ante unha acción que foi declarada ilegal por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Castela e León. Esta acción contra os complexos eólicos mencionados únese a outras accións iniciadas polo FDXCC, entre elas os recursos contencioso-administrativos interpostos contra tres complexos en Galicia promovidos por Greenalia ou o recentemente presentado recurso de alzada contra o complexo eólico do Escudo, no límite de Cantabria con Burgos.

O FDXCC é unha iniciativa para defender a Cordilleira Cantábrica contra as ameazas de industrialización eólica que está apoiada por seis organizacións ambientais: Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Plataforma Bierzo Aire Limpo, Mesa Eólica Merindades de Burgos, Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica, Plataforma para a Defensa dos Vales Pasiegos e Sociedade Galega de Ornitoloxía.

Máis información: http://www.fdjcc.org/gl

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal