ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA advirte aos alcaldes de Baralla e...

11-02-2021

ADEGA advirte aos alcaldes de Baralla e Castroverde que a eucaliptización causa a desertización no rural

Diante das manifestacións públicas feitas recentemente polos rexedores municipais de Baralla e Castroverde que protestaron enerxicamente contra as limitacións ao Eucalipto nitens suxeridas pola Xunta para algúns concellos do interior galego, ADEGA anímaos a reflexionar sobre o errado da súa estratexia eucaliptizadora. Está demostrado que esta estratexia nin fixa poboación no rural nin logra un beneficio real para os habitantes dos seus concellos. Deberían, en cambio, pararlle os pés ao eucalipto para garantir a biodiversidade e a persistencia dun mundo rural vivo e multifuncional, premiando a excelencia dos produtos locais e o atractivo dunha paisaxe tan auténtica como a do interior de Lugo, con bosques autóctonos en equilibrio con usos agrogandeiros extensivos, tradicionais en Baralla e Castroverde ata hai ben poucos anos.

A superficie de eucalipto en Galiza xa ultrapasou máis do dobre da superficie prevista para esta especie para 2032, estimándose que xa supera o medio millón de hectáreas. O aumento imparábel do eucalipto relaciónase co abandono agrario e co declive do medio rural galego, caldo de cultivo para o negocio pasteiro, nomeadamente da empresa Energía y Celulosa (ENCE). Esta estratexia de ENCE inclúe consolidar o Eucalyptus nitens, promover a biomasa e estender os cultivos enerxéticos a zonas ata agora menos afectadas pola eucaliptización imperante en concellos da Mariña e do terzo occidental galego. 

Plantacións ilegais de eucalipto en aumento en Baralla e Castroverde

Lamentablemente, nin Baralla nin Castroverde están libres de eucaliptos. Na última década, coa chegada do E. nitens, esta especie exótica e invasora acadou unha extensión significativa en ambos concellos, en gran parte a través de plantacións ilegais. ADEGA denuncia continuamente nestes Concellos plantacións que incumpren a Lei de Montes, que non gardan distancia mínima a vivendas nin a vías de comunicación,  plantacións en solo agrario, en parcelas onde as frondosas autóctonas foron eliminadas para plantar eucaliptos sen ningún tipo de control, que incumpren a Lei de Patrimonio Cultural con graves afeccións a bens catalogados, plantacións que afectan ao dominio público hidráulico sen autorizar, e sen que nin concellos nin Xunta actúen con contundencia. 

ADEGA lembra que o monocultivo de eucalipto desvencella a poboación local do coidado dos seus terreos e non constitúe unha alternativa de futuro para o rural. Os alcaldes dese concellos esquecen tamén o grave impacto ambiental sobre o solo, as augas e a biodiversidade das plantacións destas especies alóctonas (tanto Eucalyptus globulus como E. nitens), ben establecida en decenas de publicacións científicas arbitradas. Aliás, a sentenza 00274/2014 da Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional apunta ao E. nitens como "especie exótica e invasora, perigosa para o mantemento da biodiversidade e a funcionalidade dos ecosistemas", polo que a estratexia máis sostíbel debe ser a de evitar novas plantacións con esta especie e tratar de eliminar ou, cando menos, reducir a existente.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal