ADEGA

Inicio / Novas / Todas / O bambú podería invadir os nosos montes co...

05-11-2013

O bambú podería invadir os nosos montes co decreto de cultivos enerxéticos do PP

Plantacións de até 100 ha continuas para queimar en centrais de biomasa

Plantación de bambú

Cañete retirou o bambú do catálogo español de especies invasoras e Feijóo prepara un decreto de cultivos enerxéticos que permitirá o cultivo masivo desta especie invasora nos nosos montes con destino aos fornos das eléctricas

A industria apunta e o governo dispara

As perspectivas de negocio da gran industria pasteiro-enerxética están dende hai anos centradas na biomasa, e máis concretamente nos cultivos enerxéticos destinados á produción de electricidade en centrais térmicas. Porén, o marco normativo tanto estatal como galego non resultaba propicio para o desenvolvemento a grande escala do aproveitamento da biomasa forestal primaria, isto é, dos cultivos enerxéticos.

Por unha banda, a nível estatal moitas especies exóticas de crecemento rápido, necesarias para formecer de grandes cantidades de biomasa ás plantas termoeléctricas, estaban consideradas invasoras no catálogo español de especies exóticas (Real Decreto 1628/2011), prohibíndose o seu cultivo masivo. Por outra, a regulamentación galega da biomasa (Decreto 149/2008) limitaba o número (8), potencia (10MW por planta) e natureza da biomasa aproveitábel (preferentemente forestal residual).

Coa chegada do PP a Madrid, unha das primeiras accións de Cañete foi "depurar" o catálogo de invasoras, "amnistiando" a varias especies con alto potencial invasor para permitir o seu aproveitamento cinexético ou comercial. Tal foi o caso so bambú, unha planta exótica con grande potencial de infestación.

En Galiza, a Xunta leva meses cociñando un decreto de cultivos enerxéticos que permitirá o desembarco masivo desta e doutras especies invasoras de crecemento rápido nos nosos montes. Serán plantacións monoespecíficas de até 100 ha continuas e ciclos de corta de 4-6 anos, ou anual no caso do bambú, con destino ás térmicas: A consigna é Plantar-Queimar-Plantar o máis rapidamente posíbel.

Unha grave ameaza (outra máis) para a nosa biodiversidade

O impacto destas novas invasións e do modelo produtivo que levan aparellado afectará directamente á nosa biodiversidade e afondará da dependencia de propietarios e comunidades de montes da patronal pasteiro-enerxética.
Neste senso, son xa varias as comunidades (Moraña, Cuntis, Valga, Forcarei, Caldas...) que teñen recibido a visita de representantes do negocio do bambú, que ofrecen todos os servizos (plantas, mantemento e recolla da produción) e prometen beneficios superiores aos do eucalipto.

Os cultivos enerxeticos precisan de grandes cantidades de abonos, auga e pesticidas para manter un alto e constante ratio de produción. Son moi agresivos co medio degradando o solo e reducindo a súa fertilidade e poderían significar a perda definitiva da biodiversidade dos montes e a desaparición de moitas masas forestais autóctonas.

Resulta irónico que a Xunta que ano tras ano non é quen de controlar os lumes forestais, pretenda agora queimar todo o que se cultive nos montes...

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal