ADEGA

Inicio / Novas / Todas / O Instituto Xeolóxico e Mineiro (IGME) sementa...

18-06-2018

O Instituto Xeolóxico e Mineiro (IGME) sementa dúbidas sobre a viabilidade do proxecto mineiro de Touro

Entre os informes sectoriais que figuran no expediente do proxecto mineiro de Touro, está o remitido polo IGME (Instituto Geológico y Minero de España). O ente estatal avaliou tanto a memoria do proxecto como o plano de restauración e o estudo de impacto ambiental.

Aliás das consideracións xeolóxico-técnicas sobre o xacemento (características xeolóxicas, hidroloxía, recursos e reservas de mineral, etc.) na súa maior parte xa coñecidos despois de décadas de exploración e aproveitamento, o IGME aponta interesantes consideracións tamén a respeito da viabilidade económica do proxecto.

Un cálculo dos custos "confuso"

A primeira incertidume que subliña o IGME a respeito dos cálculos económicos é o "optimismo" da empresa ao supoñer un tipo de troco medio para o $/€ de 1,07, cando nos últimos 10 anos o troco dólar/euro variou entre 1,03 e 1,60 $/€. Alén disto, os efectos deste tipo de troco tan baixo só se teñen en conta para os beneficios do cobre vendido (máis euros por menos dólares), e non para os custos de produción, no que o efecto podería ser o contrario (máis euros gastados).
Aponta portanto o IGME a un cálculo "confuso" dos custos realizado pola empresa, que ascenderían a uns 700.000€/ano, cifra que o Instituto Xeolóxico e Mineiro Español non ve fundamentada.

Incertidumes sobre a viabilidade económica do proxecto

Alén do valor "anormalmente baixo" do troco $/€ xa apontado, na análise de sensibilidade a empresa contempla no pior cenario económico para o proxecto un troco de 1,23 $/€, xustamente o tipo vixente no momento en que o IGME emitíu o seu informe (xaneiro de 2018). Este feito colocaría a rendibilidade do proxecto no límite do agardado polos accionistas, e iso sen ter arrancado a explotación!!
Outra eiva sinalada polo IGME no seu informe, refírese aos custos da enerxía que presenta a empresa. Asume que o prezo do Kw permanecerá estábel, o que para o IGME é algo "pouco realista, dada a tendencia alcista dos prezos da enerxía primaria, o cru e a electricidade".
Como colofón o IGME conclúe que o informe de viabilidade achegado pola empresa non estuda a interrelación entre os parámetros chave: o tipo de troco $/€ e os custos da enerxía, e recomenda á empresa "realizar unha análise máis achegada á realidade".

Dende ADEGA recomendamos a accionistas e posíbeis investidores que terían que achegar 58 millóns de € para sufragar o proxecto, que atendan ás recomendacións do IGME e non se deixen embaucar polos cálculos "pouco realistas" da empresa.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal