ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Premios Osíxeno e Dioxina ás millores e piores...

12-02-2018

Premios Osíxeno e Dioxina ás millores e piores actuacións ambientais de 2017

Na 17ª edición dos premios Osíxeno e Dioxina cos que ADEGA quere subliñar o millor e o pior do pasado ano dende a perspectiva ambiental, este 2017 xiran arredor da xestión dos montes, a lei de depredación, os lumes e os eucaliptos.

Premio Osíxeno de Honra 2017

Este ano o premio Osíxeno de Honra quere recoñecer o traballo e a traxectoria en defensa do ambiente e do patrimonio de Agustín Ferreira, fundador de ANABAM (Asociación Naturalista do Baixo Miño) e da Asociación Cultural Guardesa.

Premios Osíxeno 2017 ás millores actitudes ou actuacións ambientais do ano

-Premio Osíxeno 2017, categoría individual: Para Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio polo seu compromiso e activismo en defensa do patrimonio galego e contra o espolio da industria pasteiro-enerética.

-Premio Osíxeno 2017, categoría colectivo: Para as comunidades de montes de O Covelo, Coruxo, e Froxán (Galiza) e do Casal de São Simão (Portugal) polas súas actuacións a prol doutros modelos máis sustentábeis para e xestión dos montes, contra os lumes e a eucaliptización.

Premios Dioxina 2017 ás accións máis nefastas para o ambiente

-Premio Dioxina 2017, categoría individual: Para o conselleiro de Industria, Francisco Conde, máximo responsábel do departamento que promoveu a proposición de lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais, máis coñecida como Lei de Depredación.

-Premio Dioxina 2017, categoría colectivo: Para os dirixentes políticos da Consellaría do Medio Rural polo seu desleixo na salvagarda da Lexislación de Montes e a súa conivencia co lobby pasteiro-enerxético, que mesmo provocou a eucaliptización de lugares tan emblemáticos como o Pedregal de Irimia.

Acto de entrega

Os premios entregaranse no decurso dun xantar de confraternización que terá lugar o vindeiro sábado 17 de xaneiro a partires das 14:30h no restaurante A Vitrola (Rosalía de Castro 11, Gondomar).

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal