ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Aumenta a contaminación das grandes industrias...

30-11-2016

Aumenta a contaminación das grandes industrias galegas segundo o Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes (PRTR)

Un artigo de Ramón Varela Díaz, doutor en Bioloxía, experto en contaminación atmosférica e ex-presidente de ADEGA


Este pasado día 15 de novembro publicáronse os datos do Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes (PRTR-España) das emisións correspondentes ao ano 2015 de substancias contaminantes por parte das principais industrias e outras fontes puntuais e difusas.
A información que ofrece o Rexistro PRTR-España aínda que incompleta en moitas industrias, non por iso deixa de ser moi valiosa xa que permíte identificar aos complexos contaminantes e cuantificar as súas emisións para observar a sua evolución no tempo e comparalas tamén coas do resto do Estado.
Para Galiza, constátase un aumento das emisións, situándose en 2015 no segundo posto entre as comunidades do Estado, ascendendo dende o cuarto lugar acadado en 2012.

As emisións en Galiza: comparación Galiza/Estado

ATMOSFERA:  Dos datos publicados subliñamos que Galiza é responsábel do 15,08% do total das emisións a atmosfera do Estado Español, con 14.284.312 toneladas/ano ocupando con este valor o segundo posto no conxunto das comunidades.
Mais Galiza tamén é (ver cadro lateral): 

  • A primeira comunidade do Estado en emitir a atmosfera: flúor, mercurio e perfluorocarburos.
  • A segunda en emitir dióxido de carbono, gases de efecto invernadoiro, dióxido de xofre, cloro e substancias acidificantes/eutrofizantes/precursoras de ozono.
  • A terceira comunidade por emitir a atmosfera partículas (PM10), monóxido de carbono, compostos orgánicos volátiles non metano (COVNM), metano, arsénico e cromo.
  • A cuarta comunidade en emitir óxidos de nitróxeno e metais pesados en conxunto.
  • Ao mesmo tempo que somos grandes emisores das substancias citadas, estamos algo mellor coas emisións de dioxinas e furanos (5º posto), zinc (8º posto), oxido nitroso (8º posto) e amoniaco (7º posto).

AUGA: Os vertidos contaminantes á auga de Galiza significan o 10,46% do total do Estado con 84.814 toneladas/ano, ocupando con este valor o cuarto posto no conxunto das comunidades e ademais somos:
  • A primeira comunidade do Estado en verter compostos organoestannicos e carbono orgánico total (COT). 
  • Estamos entre as catro primeiras comunidades pola cantidade de vertido a auga de cobre, chumbo,  zinc, cloruros, fósforo total, nitróxeno total e todos os contaminantes que se verten á auga menos DQO.  
Resulta sorprendente que no Rexistro Estatal de Emisións Contaminantes, Galiza teña so o 4,45% do total dos complexos con información pública e que ao mesmo tempo sexamos responsábeis das emisións a atmosfera do 80,5% dos perfluorocarburos; do 36,6% do flúor; do 30,5% de mercurio; do 22,0% do cloro; do 19,2% do dióxido de xofre; do 18,7% das particulas (PM10); do 15,1% do dióxido de carbono; do 12,6% dos óxidos de nitróxeno... por non citar os vertidos á auga de compostos organoestannicos (54,4%); zinc (16,4%); chumbo (15,3%); cloruros (10,1%); cobre (8,6%); compostos orgánicos haloxenados ( 5,9%)...  

Estas emisións son extremadamente elevadas tendo en conta o número e tamaño da nosa industria, o número de habitantes, a nosa extensión xeográfica, o noso produto interior bruto e nível de vida... Pero ademais están a aumentar con relación ao ano 2012 e mesmo a datas anteriores como o ano 2007, previo á crise.
Mentres o dióxido de carbono no 2015 representa o 15,1% do total do Estado, fai tan só tres anos representaba o 12%. En tres anos pasamos do cuarto lugar no Estado ao segundo. Escollidos 32 contaminantes considerados como os mais importantes, no ano 2015 21 tiñan valores superiores aos do ano 2010 e aínda máis 14 superaban os valores que tiñan no ano 2007 (ver táboa).

As responsábeis...

As grandes industrias instaladas na Galiza, a maioría multinacionais do sector da electricidade (centrais térmicas de As Pontes, Meirama), aluminio (Alúmina-Aluminio de Alcoa), sector do automóbil (Citroën PSA), petróleo (refinería de Repsol), madeira (Ence, Finsa en diversas fábricas, Intasa), ferroaleacións (Ferroatlántica en tres localidades), son as principais responsábeis de que ocupemos  hoxe – igual que anos atrás- un lugar destacado no Rexistro de Emisións Contaminantes no Estado.

Resulta curioso que aínda sendo alta ou moi alta a contaminación, os focos contaminantes son moi poucos, apenas pasan dunha decena, a excepción da contaminación por amoníiaco. Dos 14,2 millóns de toneladas de Dióxido de Carbono emitidos, 10,5 millóns corresponden ás centrais térmicas de As Pontes e Meirama e 1,16 millóns a refineria de Repsol na Coruña, o restante 2,5 millóns de toneladas  repartanse entre 11 grandes industrias (Alúmina, Aluminio, Alcoa Inespal, tres fábricas de Ferroatlántica, Bioetanol, Magnesitas, Finsa, Forestal del Atlántico e Air Liquide). As emisións de Flúor, das que estamos á cabeza por emisión no Estado, están relacionadas só con cinco empresas: central térmica de Meirama, central térmica de As Pontes, Ferroatlántica de Sabón, Aluminio Español e Alcoa Inespal. As emisións de mercurio á atmosfera e á auga débense a 11 complexos: centrais térmicas, Ence, Elnosa ,PSA, Alumina, Unemsa, Intasa e varios complexos de Finsa.

As consecuencias no ambiente e na saúde. O papel dos poderes públicos

A Organización Mundial da Saúde (OMS) recoñece que a contaminación do ar representa un importante risco para a saúde. Debemos portanto preocuparnos polas altas emisións e buscar solucións xa que estes gases e partículas están implicados directa ou indirectamente en problemas de saúde e aumento de morbilidade e mortalidade. A propia OMS recoñecía xa en marzo de 2014  (nota nº 313)  que “cantos máis baixos sexan os niveis de contaminación do ar mellor será a saúde cardiovascular e respiratoria da poboación, tanto a largo como a curto prazo.  Mesmo a contaminación con partículas conleva efectos sanitarios incluso en moi baixas concentracións; de feito, non se puido identificar ningún umbral por debaixo do cal no se observaran danos para a saúde”.

A OMS non pon en dúbida que existen graves riscos sanitarios non só por exposición a partículas, senón tamén ao ozono (O3), óxidos de nitróxeno e dióxido de xofre. O ozono é un importante factor de mortalidade e morbilidade por asma, mentres que o dióxido de nitróxeno e dióxido de xofre poden ter influencia no asma, nos síntomas bronquiais, alveolite e insuficiencia respiratoria.  
Mediante a diminución dos niveis de contaminación repercútese na carga de morbilidade derivada de accidentes cerebrovasculares, cancros de pulmón e neumopatías crónicas e agudas, entre elas, asma. A nosa saúde pode mellorar si diminúen as emisións de gases e partículas implicados en problemas sanitarios (asma, bronquite, alerxias, problemas cardiovasculares, ictus cerebral, cancro ...) e diminuiría a mortalidade.

Nos ecosistemas, a contaminación ademais de ocasionar perdas de produtividade e diminución de colleitas na agricultura, repercute negativamente no arborado e na produción forestal, asi como na vida animal. Non esquecer tampouco os graves problemas globais e locais que todos/as coñecemos como o quecemento global e aumento do efecto invernadoiro, destrución da capa de ozono, choiva ácida... 

Os poderes públicos non poden quedarse á marxe dun problema tan grave si de verdade perseguen mellorar a saúde dos habitantes e protexer o territorio. En Galiza terían que ter actuado fai tempo para que unha decena de focos contaminantes reduciran as emisións, mais as  industrias non están interesadas en reducir a produción. Porén, poderían producir o mesmo contaminando moitisimo menos se os poderes públicos puxeran prazos e normas que protexeran a saúde denantes que os beneficios industriais.
O Goberno galego debería promover un Plano de diminución progresiva da contaminación (dióxido de carbono, chumbo, mercurio, cadmio, óxidos de nitróxeno, etc.) nas grandes industrias para protexer realmente os ecosistemas e a nosa saúde, alén de poñer urxentemente en práctica as Directrices da OMS para partículas (PM10 e PM2,5) xa que os niveis da lexislación actual son moi permisivos e duplican o recomendado.

No entanto, Galiza segue a soportar unha contaminación  que os galegos e galegas non merecemos...

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal