ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Lugo de Cara ao Miño esixe ao Concello a retirada...

13-09-2016

Lugo de Cara ao Miño esixe ao Concello a retirada voluntaria e urxente do dique ilegal do río

Membros da plataforma na rolda de prensa de hoxe

A plataforma Lugo de Cara ao Miño, da que fai parte ADEGA, esíxelle ao Concello de Lugo que, dunha vez por todas, se molle na resolución dos problemas causados polo proxecto hidroeléctrico da fábrica da luz, e que se ofreza, como promotor da obra, infractor e principal valedor dos intereses dos veciños e veciñas de Lugo, a executar de forma voluntaria e urxente a retirada da ataguía ilegal que permanece no río desde hai 10 meses. Esta fórmula permitiría, non só evitar o risco de desmoronamento da infraestrutura nos vindeiros meses, senón reducir o impacto ambiental no espazo natural protexido, favorecer a conservación do noso patrimonio fluvial e mitigar a sanción administrativa que o Ministerio de Medio Ambiente prevé cargar sobre as arcas municipais.  

O pasado 7 de setembro, a plataforma requiriu esta acción urxente do Concello a través dun escrito dirixido á alcaldesa e ao edil de Desenvolvemento Sostible no que se especificaban ata 15 motivos polos que o goberno local debe tomar a iniciativa e resolver o problema do dique ilegal. As razóns que xustifican a necesidade da execución voluntaria resúmense en 5:

A presenza no Miño dunha especie en extinción, o nenúfar de río, motivou a paralización das obras das novas ataguías

-Razóns de seguridade e de saúde pública. Tanto a Confederación Hidrográfica como o Concello de Lugo admiten que existe un risco de desmoronamento da ataguía ilegal no vindeiro inverno, pero declinan responsabilidades sobre os danos que, por este motivo, se produzan. O hipotético desprazamento río abaixo das pedras e da terra que hoxe conforman a ataguía, e que foi concibida como provisional, podería poñer en perigo, non só os bens materiais públicos e privados que existen no leito e nas marxes do río Miño, senón tamén a seguridade das persoas que se atopen nas inmediacións do cauce. Mesmo cabe a posibilidade de que, por mor da terra depositada, se cre un problema de saúde pública que tería que ser subsanado polo Concello.  

-Razóns ambientais.
A ataguía ilegal non pasou por ningunha avaliación de impacto ambiental, polo que se descoñece cal é o impacto que xa está a exercer sobre o espazo natural protexido como Rede Natura, e sobre as especies e hábitats que se está a demostrar que conviven na zona e que, pola contra, non foron contempladas na Declaración de Impacto Ambiental do proxecto. Actualmente, existen tres informes do Servizo de Conservación da Natureza de Lugo que prohíben realizar as demais ataguías previstas no proxecto pola presenza de especies vulnerables e en perigo de extinción nas zonas de intervención. Paralelamente, a potencial autorización do dique ilegal só sería posible se pasa previamente por un procedemento de avaliación ambiental, algo que podería demorarse un ano máis e que non evitaría o risco de desmoronamento da ataguía existente.  


-Razóns patrimoniais. O Caneiro da Luz, patrimonio etnográfico propiedade do Concello, xa se está a resentir pola presenza da ataguía ilegal no seu lado esquerdo. Parte da súa estrutura xa está derruída e moitas pedras do caneiro xa caeron río abaixo. No caso de desmoronamento da infraestrutura, podería perigar a estabilidade tamén do caneiro da praia, do propio edificio da fábrica da luz, e, incluso, a Ponte Romana se podería ver afectada.

O dique agravou o deterioro do caneiro e propiciou que parte del se desprendese río abaixo

-Razóns económicas. O Concello de Lugo estaría condenado a pagar máis de 180.000 euros en concepto de multa, se o Ministerio de Medio Ambiente acaba resolvendo o expediente sancionador pola construción da ataguía ilegal fóra do lugar previsto. É máis que problabe que a resolución ministerial teña lugar antes do 30 de novembro deste ano, data na que caducaría o expediente, polo que a multa parecer ser inevitable. Na práctica, a sanción acabaría recaendo inxustamente nos petos dos veciños e veciñas de Lugo pola mala praxe política ou pola inacción do Concello. Sen embargo, a solicitude de execución voluntaria de reparación do dano por parte do Concello permitiría que a administración competente na resolución do expediente sancionador poidese aplicar un atenuante na sanción administrativa. Por outra banda, se a infraestrutura se acaba desmoronando río abaixo, os custos do Concello poderían ser sensiblemente superiores, xa que tería que facer fronte ás indemnizacións que procedesen, uns gastos que, de novo, volverían recaer nos petos de todas e todos.  

-Razóns de responsabilidade política.
Non podemos permitir que, a sabendas de que se está a poñer en perigo a seguridade das persoas, da saúde pública, de bens materiais públicos e privados e do espazo natural protexido, ningunha administración pública faga nada por evitalo. Consideramos que neste caso todas as administracións implicadas están a abandonar as súas responsabilidades e funcións públicas: a Xunta avalou unha declaración de impacto ambiental do proxecto deficiente coa que hoxe se contradí, xerando conflitos continuados co promotor; o Ministerio de Medio Ambiente tivo case tres meses para resolver o expediente sancionador en época de estiaxe e aínda non o fixo; a Confederación Hidrográfica Miño-Sil está a derivar todo tipo de responsabilidades cara a Xunta e o Ministerio e non apremia a reparación do dano; e o Concello de Lugo, ou permanece en silencio ou se coloca claramente do lado dos intereses privados da empresa executora. Consideramos que xa é hora de que a administración máis próxima aos cidadáns afectados, o Concello de Lugo, asuma as súas responsabilidades, por un lado, como promotor do proxecto hidroeléctrico e, por tanto, como principal responsable das obras e circunstancias que vaian aparelladas ao seu desenvolvemento; e por outro lado, como principal valedor dos intereses e dereitos dos lucenses e dos bens públicos da cidade.  

Por todas estas razóns e porque queda moi pouco tempo para poder actuar (a pasada época de estiaxe rematou o 19 de outubro de 2015),  urximos ao Concello de Lugo que solicite permiso diante da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, do Ministerio de Medio Ambiente e da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia para poder executar con todas as garantías legais e ambientais a reparación do dano causado, é dicir, a retirada do dique ilegal.

Concentración, o mércores 21 de setembro, diante do Concello

Cartaz de convocatoria á concentración do 21 de setembro, último día do verán

Desde a plataforma Lugo de Cara ao Miño consideramos que é agora cando o Concello ten a oportunidade de demostrar canto lle importan os intereses dos veciños e veciñas de Lugo, os seus espazos naturais e o seu patrimonio. Non pode esixir responsabilidade a outras administracións cando a propia administración local non está a facer todo o posible para resolver un problema que podería derivar en consecuencias irreparables para a cidade.  

Dado o risco ao que nos enfrontamos e a necesidade de resolver uxentemente esta situación dentro da época de estiaxe, a plataforma Lugo de Cara ao Miño convoca para o vindeiro 21 de setembro, día no que remata o verán, unha concentración diante do Concello de Lugo ás 20.30 horas.

No acto, lerase un manifesto e realizarase unha performance que simbolice a necesidade urxente de que o Concello repare o dano causado, evite riscos innecesarios e devolva o río Miño ao seu estado primitivo.     

Integrantes de “Lugo de Cara ao Miño”:
Os colectivos ecoloxistas, sociais e culturais ADEGA, AGCT, Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, Ateneo Engranaxe, Carneiro Alado, CIG, Coop. Bico de Grao, Cultura do País, Madia Leva, Masa Crítica, SLG, SOS Río Miño e as formacións políticas ACE-EU, Anova, BNG, Compromiso por Galicia, Espazo Ecosocialista, Equo, Lugonovo e Podemos.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal