ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Recuperación do oso pardo: a Xunta, entre a...

28-08-2014

Recuperación do oso pardo: a Xunta, entre a inconcreción e o esquecemento

O documento de revisión do Plano de recuperación do oso pardo que a Xunta apresentou en 2013, segue sen se aprobar e ficou xa superado polos acontecementos

O oso quere voltar: que fai a Xunta?

Zonificación do Plano do Oso (Xunta)

As recentes probas documentais da presenza do oso pardo cantábrico (Ursus arctos) en varias zonas de Ancares e Courel, son a evidencia de que o oso pardo (oficialmente unha especie extinta na Galiza) está en expansión na cordilleira cantábrica e quere voltar ao noso país.

Porén, dende ADEGA preguntámonos que ten feito a administración para darlle a benvida a este valiosísimo recurso natural e garantir que a súa conservación non vai atopar atrancos, neutralizando os factores que causaron no pasado a extinción da especie no noso territorio. A resposta da Xunta foi someter a revisión en 2013 un Plano de recuperación do oso pardo que databa de 1992. Este documento de revisión aínda non aprobado, foi alegado por ADEGA no seu intre apontando a súa indefinición, inexactitude e falla de compromiso real: tratábase de un compendio de afirmacións abertas e ambiguas, fuxindo de calquera compromiso efectivo e sen concretar prazos e orzamentos.

Un Plano de recuperación obsoleto e inconcreto

No 2013 apontabamos tamén que a zonificación proposta non tiña en conta os avistamentos e ataques acontecidos en épocas recentes, mesmo os reportados pola propia gardería da Xunta. Neste senso considerabamos que as parroquias comprendidas na zona Sur de Courel e deixadas fóra da zonificación pola Xunta, como Folgoso, Vilanor, Seceda e Pacios da Serra, (pertencentes á Rede Natura 2000) deberían ser incluídas tamén dentro da "área de distribución potencial". A recente filmación dun exemplar de oso visitando unha alvariza en Seceda, unha zona que a Xunta deixou fóra dea área de distribución potencial da especie, proba a inexactitude e falla de rigor da administración na xestión do oso. A planificación da Xunta ficou xa superada polos acontecementos, xa que no Courel grande parte da área de distribución potencial proposta pola administración debería considerarse hoxe como área de presenza máis ou menos continuada, visitada regularmente por 2 ou 3 machos á procura de novos territorios.

Máis preocupante aínda é a falla de concreción e a ausencia de prazos e orzamentos encol da información, educación ambiental e participación social, chaves para evitar a conflitividade social e o choque cos aproveitamentos tradicionais nas áreas oseiras. No pasado, estes conflitos xunto coa transformación do seu hábitat, foron as causas principais da extinción do oso. Sen medidas concretas, temporalizadas, de cumprimento obrigatorio e sen os orzamentos precisos para desactivar os posíbeis conflitos, pouco futuro vai ter o oso entre nós. Isto enlaza cos recurtes dos orzamentos para conservación, e concretamente para o pagamento dos danos da fauna salvaxe: se en 2009 adicáronse 234.000€ a este conceito, este ano orzamentáronse 106.035€, un 54,6% menos.

Outra oportunidade para o Courel... perdida?

Dende ADEGA detectamos tamén unha certa “relaxación” e mesmo un retroceso no seguemento da especie en Galiza por parte da Xunta: os numerosos dados achegados polas cámaras de foto-trampeo, os informes de ataques a alvarizas (mesmo os reportados pola gardería), xunto coas continuas demandas de medidas e investimentos por parte de concellos e colectivos do Courel, semellan ter servido de ben pouco para que a Xunta tome en serio ao oso. Se acontece o mesmo que co lobo, o oso ten os días contados en Galiza. Esta xoia do noso patrimonio natural, que podería servir de revulsivo económico, fixador de poboación e motor de desenvolvemento para o Courel merece moito máis por parte da Xunta.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal