ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Pontevedra certifica a morte da SOGAMA do sur ao...

16-05-2014

Pontevedra certifica a morte da SOGAMA do sur ao promover unha planta comarcal de compostaxe

Concello e Deputación asinan un acordo para construir unha instalación de tratamento de RSUs baseada na compostaxe

Pontevedra, concello punteiro tamén no tratamento ecolóxico dos residuos

Este venres asinouse o acordo entre o Concello de Pontevedra e o ente provincial polo que ambas administracións promoverán a construción dunha planta comarcal de compostaxe similar á de Lousame (Mancomunidade do Barbanza). O proxecto conta co apoio de asociacións ecoloxistas, de mariscadoras, comunidades de montes, as 3 federacións veciñais de Pontevedra, aliás das institucións municipal e provincial.
Dende ADEGA queremos trasladar os nosos parabéns ás entidades promotoras polo seu compromiso responsábel co ambiente e coa cidadanía.

Ábrese deste xeito, e non só para a comarca de Pontevedra, unha nova vía para que aqueles concellos que están en SOGAMA substitúan a incineración pola compostaxe, reducindo a factura do tratamento dos residuos.

O proxecto comarcal complementa ademais os exitosos proxectos de compostaxe caseira desenvolvidos polo concello de Pontevedra e que ante a demanda cidadá seguen ampliándose a máis parroquias. ADEGA, dentro da súa campaña de residuos, colabora nestas iniciativas e noutras ducias máis por todo o país, incluidos algúns proxectos de "porta a porta", novidosos en Galiza, e que proximamente comezarán en Allariz, San Sadurniño, Monforte...

Aproveitar os recursos dos nosos residuos mediante a reciclaxe e a compostaxe non é eleitoralismo

Comparativa entre os distintos sistemas

ADEGA lamenta a postura do PSdG municipal de Pontevedra que criticou o proxecto do Concello e da Deputación cualificándoo de "eleitoralista" e amosando un profundo descoñecemento sobre un sistema (a compostaxe) que permite á planta de Lousame acadar as taxas máis altas de reciclaxe e recuperación material do Estado.

Recomendámoslles preguntar ao alcalde de Piñor, pioneiro na compostaxe da fracción orgánica dos residuos municipais, cal é a utilidade do abono producido mediante este sistema. Ou atender ás alertas que dende finais dos anos 90 os científicos galegos veñen facendo sobre a perda de fertilidade dos solos galegos e a necesidade de achegar materia orgánica.

Sexa como for, a compostaxe é un fin en si mesma: Devolve nutrientes á terra, combate o cambio climático, xera postos de traballo e aforra cartos aos concellos: Todo o contrario do modelo SOGAMA, paradigma do desbaldimento e a "corrupción ambiental".

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal