ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / CERNA-Barómetro 2019: o pulso da información...

18-06-2020

CERNA-Barómetro 2019: o pulso da información ambiental na prensa

CERNA-Barómetro é unha iniciativa do Proxecto CERNA de ADEGA que pretende avaliar a comunicación dos temas ambientais nos medios durante un ano natural. Trátase de analisar, tanto cuantitativa como cualitativamente, o tratamento de determinados tópicos relacionados co medio ambiente nos medios de comunicación con presenza en Galiza. Deste xeito tentamos radiografar que temas ambientais son máis tratados e cando aparecen para aproximarnos ás inquedanzas ambientais da sociedade através dos medios e tirarmos conclusións para facer máis efectivo o traballo das ONGs ambientalistas. O Cerna-Barómetro conta co apoio da Área de Cultura da Deputación provincial da Coruña.

Residuos, contaminación e crise climática espertaron maior interese mediático en 2019

Atendendo ao número de rexistros anuais por temática, obsérvase que a categoría con máis rexistros é a de “residuos e contaminación”, con 1054, un 16,16% do total, seguida moi de preto por “enerxía e clima”, con 1042 entradas. En 2019, a problemática coa mina de Touro e os vertedoiros de refugallos, así como a celebración da Cimeira do Clima en Madrid colocaron estas dúas categorías entre as máis tratadas nos medios. O tópico "Biodiversidade e conservación" con 862 rexistros (13,21%), especialmente polos conflitos coa da caza, as especies invasoras (Vespa velutina) e a xestión dos espazos naturais (polémica co exceso de visitates ás Illas Atlánticas) está tamén entre os que máis novas producíu. Os lumes (categoría "montes e forestal") rexistran tamén bastantes entradas neste ano (752), particularmemte nos meses de marzo e setembro.

Pola contra, entre as categorías de noticias menos frecuentes nos medios ao longo de 2019 figuran as relacionadas coa conservación da nosa cultura e patrimonio (394, 4,96%).

Unha análise lonxitudinal permite concluír pois que tres categorías (“residuos e contaminación”, “enerxía e clima” e “biodiversidade e conservación”) non só concentran unha importante cantidade de rexistros (por riba do 45% dos rexistros totais anuais, senón que tamén son os máis frecuentes nun maior número de meses: “residuos e contaminación” é a máis frecuente en 5 meses (mazo, abril, xuño, xullo e novembro) e a segunda máis frecuente noutros dous (outubro e decembro). Polo que atinxe a “enerxía e clima” é a categoría con máis noticias en outubro, novembro e decembro, e a segunda en agosto e setembro. Para “biodiversidade e conservación” os seus tópicos impóñense en febreiro, maio e agosto, e son os segundos en frecuencia en abril, xuño e xullo.

Conclusións: como os medios trataron as cuestións ambientais en 2019

Os intereses mediáticos seguen centrados arredor daquelas temáticas que xeran unha ampla controversia e que amezan directamente á nosa calidade de vida: a contaminacion ambiental e a mudanza climática fundamentalmente, e en menor medida, as problemáticas da conservación das especies (invasoras e xestión dos espazos protexidos). Porén, este maior interese céntrase máis en cuestións puntuais que de fondo: o conflito social por unha mina, en troques da xestión de determinados procesos industriais e as súas alternativas; ou a celebración da COP 25 e o activismo climático, en lugar dos problemas que a mudanza climática xa está a crear e para os que as solucións seguen sen chegar.

Seguen tendo tamén unha ampla cobertura temáticas estacionais como os lumes forestais, dos que se observa en 2019 unha clara desestacionalizacion (ou re-estacionalización) con importante presenza nos meses finais de inverno e primavera, ademais de finais do verán.  

Destaca tamén a relativa baixa cobertura das noticias relacionadas coa auga e os ríos, o litoral e o patrimonio cultural e arqueolóxico, malia a sermos un país cunha ampla rede fluvial, extensa costa e rico acervo histórico e arqueolóxico.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal