ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Unha nova charca custodiada na Casa das Ínsuas

03-12-2013

Unha nova charca custodiada na Casa das Ínsuas

O pasado sábado 30 de decembro, enmarcada nas xornadas de voluntariado do proxecto Charcas con Vida coordinado por ADEGA, creouse unha nova charca no Prado da Ponte, custodiado pola Asociación Galega de Custodia do Territorio en Rábade (Lugo) ao carón da Casa das Ínsuas.

Durante esta xornada recuperouse unha antiga canle de rega situada na cabeceira do Prado da Ponte na que a AGCT desenvolve diversas actividades de educación ambiental e conservación da natureza. Esta canle abastecerá ás hortas e tamén aportará auga á nova charca. Tanto as canles como as charcas foron estruturas habituais no pasado nas fincas galegas. Os animais utilizaban estes hábitats para alimentarse, agocharse ou reproducirse. Coa perda destes lugares polo abandono do rural e das costumes labregas, tamén houbo unha  diminución de especies típicas de charcas como poden ser os anfibios. É por iso que o proxecto influirá positivamente na conservación da biodiversidade da zona.

Na xornada participaron máis de 20 persoas que se achegaron á Casa das Ínsuas para traballar voluntariamente. Primeiramente houbo unha charla introdutoria sobre os valores e ameazas aos que se enfrontan estes ecosistemas. A seguir repartiuse a ferramenta e as tarefas a realizar e por grupos fóiselle dando forma á charca, e tamén á canle de rega. Colocouse unha lámina impermeable para recoller auga e colocáronse varias pedras para suxeitala e para que sirvan de refuxio á fauna do lugar.


Esta actuación enmárcase no proxecto Charcas con Vida, coordinado por ADEGA que conta coa colaboración da Fundación Biodiversidad do Ministerio de Agricultura Alimentación e Medio Ambiente. As actividades da Casa das Ínsuas organízanse coa Asociación Galega de Custodia do Territorio.

Dende ADEGA e a Asociación Galega de Custodia do Territorio queremos agradecer a todas e a todos os que se achegaron o sábado aportando o seu gran de area na creación da charca da Casa das Ínsuas. Moitas grazas a tod@s!!!

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal