ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / 22 de Maio: Por unha nova normalidade para a...

22-05-2020

22 de Maio: Por unha nova normalidade para a biodiversidade galega

Hoxe, 22 de maio, é o Día Mundial da Biodiversidade


Neste 22 de maio de 2020, o Día Mundial da Diversidade Biolóxica celébrase pola ONU baixo o lema “As nosas solucións están na Natureza”. Desde ADEGA cremos preciso lembrar nesta data a esencialidade que a Biodiversidade natural ten nas nosas vidas e alentar o impulso de novas actitudes, hábitos e políticas que persigan realmente unha “nova normalidade” cara a fomentar a presenza no noso territorio dunha ampla variedade de especies, microorganismos, hábitats e ecosistemas.

A actual crise sanitaria está enfrontando a humanidade a un escenario de incerteza nunca antes visto nin experimentado no que se revela dun xeito particularmente diáfano a dependencia da  nosa saúde do estado de saúde da Natureza. Aos nosos ollos, a biodiversidade preséntase non só como refuxio e morada dos seres vivos nos que nos incluímos como especie, tamén constitúe a base da nosa alimentación e subsistencia, pois dela extraemos todos os recursos vexetais e animais que nos fan falla para alimentarnos. Mais, ante os novos acontecementos, a biodiversidade revélase agora máis que nunca como a mellor vacina contra as pandemias, a propagación de enfermidades infecciosas entre humanos, ou casos de zoonose -doenzas transmitidas de animais a humanos. Canta máis diversidade de organismos haxa na natureza e máis interacción entre eles, máis protexidas estaremos as persoas fronte a aparición de novos virus ou vagas infecciosas.

A propia ONU recoñece, fundamentándose nunha extensa bibliografía científica, que unha diversidade biolóxica rica é o pilar da saúde ambiental e da saúde humana e que, por tanto, o futuro da humanidade pasa por unha Natureza sa e biodiversa. Outros organismos e persoas expertas sinalan que a aparición e a expansión do virus SARS-CoV-2 está relacionada coa destrución dos ecosistemas e coa perda de biodiversidade, de especies e de hábitats naturais, instando a mantela estable como instrumento de loita contra presentes e futuras pandemias. Ademais, o declive da biodiversidade xunto coa sobreexplotación e o consumo desaforado de recursos naturais están tamén detrás tamén do cambio climático e dos seus efectos, o meirande reto ao que nos enfrontamos local e globalmente.

U-la nova normalidade para a biodiversidade?

A pesar das evidencias xa mencionadas e da propugna da ONU dunha harmonía entre as persoas e a Natureza como solución a esta crise, semella que de pouco ou de nada está a servir esta chamada de atención para algunhas das nosas administracións públicas.  A “normalidade” coa que acostumamos a tratar o planeta adoecía desa harmonía á que na teoría se pretende aspirar. Atopabamos nesta situación de incerteza unha oportunidade de inflexión cara unha nova normalidade tamén  para a biodiversidade sustentada nun novo paradigma de relación coa natureza, na que a vida e a saúde se puxesen por diante. Mais, bastou entrar na fase da desescalada para abrir de novo a espita contida de intervencións agresivas coa biodiversidade e depredadoras do territorio. Nas últimas semanas observamos con preocupación algúns indicadores.

As necesidades da industria por diante do interese xeral

O pasado 4 de maio o Diario Oficial de Galicia revelaba a incontinencia da Consellaría de Medio Ambiente por reactivar con urxencia a tramitación de 975 expedientes administrativos en materia de avaliación ambiental que estaban paralizados polo estado de alarma e que corresponden a vertedoiros, parques eólicos, subsestacións eléctricas, liñas de alta tensión, factorías que emiten gases de efecto invernadoiro, etc. Sete días despois, a Consellaría de Industria facía o mesmo, arrogándose a potestade de saltarse a suspensión dos prazos administrativos doo estado de alarma para autorizar, prorrogar ou modificar proxectos de instalacións eléctricas, canalizacións de gas,  explotacións mineiras, produción enerxética, aproveitamento de augas mineiras, voaduras, etc. Na súa maioría, son proxectos de grande impacto ambiental, social e económico, que resultan agresivos co medio natural e a biodiversidade que nos protexe. Porén, a Xunta pretende facer norma da excepción e atribuírlles a todos estes proxectos industriais un carácter irreal de esencialidade e de interese xeral para todos os galegos e galegas. En realidade, estas disposicións responden, sobre todo, a intereses de carácter privado e de determinados sectores económicos que, coa conivencia da Xunta, antepoñen a pronta resolución administrativa dos seus expedientes ao interese xeral.

O “control” da biodiversidade por riba da súa conservación

Desde comezos do estado de alarma, a Xunta de Galicia embarcouse na cruzada de defender fronte calquera restrición o exercicio da caza e da pesca fluvial recreativa. No caso da caza, o goberno galego apoiando o discurso do sector cinexético que pulaba pola necesidade de “controlar” a biodiversidade, nomeadamente de especies salvaxes cazables, que  supostamente estaba a “invadir” espazos urbanos durante o confinamento. A Xunta tamén tivo présa en autorizar o exercicio da pesca fluvial, tendo que recuar posteriormente, trala reprobación do goberno central e xerando unha controvertida situación entre pescadores e a garda fluvial que non sabía a que ordenamento aterse. Mais, o goberno galego non tivo tanta présa por reactivar ou apoiar a continuidade daqueles procedementos ou proxectos destinados ao fomento e conservación da biodiversidade ou de garantía do dereito ambiental.

Alén disto, moitos dos 313 concellos de Galiza, nada máis iniciarse a desescalada, comezaron a reconquista do espazo deixado á natureza, apurando as rozas “atrasadas” e, nalgúns casos, a utilización de herbicidas tóxicos para a eliminación de vexetación medrada en estradas e noutros espazos públicos. Así, os cantos dos paxaros dos que estes dias se facia eco a prensa foron substituídos polo ruído de máquinas cortadoras e o glifosato volveu ás marxes das estradas.

Ningún avance dos instrumentos de protección da biodiversidade

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou 2021-230 a Década para a Restauración dos Ecosistemas de cara a mellorar a seguridade alimentaria e o subministro de auga, loitar contra o cambio climático e fomentar a biodiversidade. Os obxectivos concretos serían restaurar en todo o mundo 350 millóns de hectáreas de terras degradadas de aquí a 2030, xerar 9 billóns de dólares en servizos ecosistémicos e eliminar da atmosfera ata 26 xigatoneladas de gases de efecto invernadeiro. A acelerada extinción de especies e dos servizos ecosistémicos que nos proporciona a natureza supón un coste próximo ao 10% do PIB mundial e prevese que nas vindeiras década vaia a máis. Por tanto, o mantemento da biodiversidade, non só constitúe a mellor vacina contra as pandemias mundiais, a súa conservación a través da recuperación dos ecosistemas pode xerar un importante sector económico e beneficios sociais.

Sen embargo, os instrumentos de planificación, protección e recuperación do patrimonio natural e da diversidade biolóxica de Galiza continúan nun absoluto estancamento. Seguimos con apenas o 12% da superficie protexida e sen ampliacións dos espazos de Rede Natura desde 2004. A maior parte dos espazos naturais protexidos carecen de plans de uso e xestión e de conservación, substituídos por un Plan Director da Rede Natura tardío (2014) que introduce excepcións á carta para permitir actividades lesivas en zonas de valor ecolóxico. E só 3 das 200 especies incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas contan cun Plan de conservación e recuperación aprobado.  Por riba, a nova Lei de Patrimonio Natural e da Biodiversidade de Galiza pon novos atrancos á declaración de espazos naturais protexidos e consolida a protección discrecional e a submisión da natureza aos interese económicos.

Necesitamos a biodiversidade para saír da crise sanitaria e ambiental

Volver ás antigas e desfasadas políticas que destrúen e subestiman o valor da biodiversidade para a humanidade dificultará  a saída desta grave crise sanitaria e, por suposto, a mitigación dos efectos do cambio climático. Por iso, desde ADEGA demandamos aos goberno locais e ao galego que abandonen dunha vez por todas as súas insensatas políticas de agravio e destrución da biodiversidade para encetar por fin unha era de xestión pública na que se prime o que realmente importa: a saúde da natureza e das persoas.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal