ADEGA

Inicio / Novas / Todas / O chumbo pesa máis que a pluma

18-05-2020

O chumbo pesa máis que a pluma

Caza e pesca si, pero actividades de observación e estudo da natureza, non?


Retomar as actividades en contacto coa natureza resulta axeitado e mesmo recomendable tras o necesario parón que a sociedade galega ven de asumir responsablemente co fin de evitar maiores efectos na expansión da COVID19 e iniciada a fase de progresiva recuperación de aquelas actividades que non supoñan un grave risco de retroceso no control da pandemia.

Son moitas as persoas que dun xeito respectuoso realizan actividades de observación da natureza ou colaboran dun xeito organizado en campañas de estudo e conservación do medio natural. Estas actividades aportan información fundamental para o coñecemento e a conservación da Biodiversidade sendo desenvolvidas de xeito particular, voluntario e mesmo organizado por distintas ONG e veñen en moitos casos a suplir o desinterese da Dirección Xeral de Patrimonio Natural polo coñecemento e conservación da natureza.

O desleixo da Xunta de Galicia pola conservación do patrimonio natural contrasta coa paternalista actitude no referido á caza e a pesca.

A Xunta de Galicia na súa peculiar interpretación das medidas de reactivación da actividade social na FASE 1 ven de solicitar insistentemente á Autoridade Sanitaria o recoñecemento específico da caza e a pesca, esquecendo parte das actividades que se desenvolven no medio natural, malia as peticións expresas feitas por algunhas organizacións ambientalistas para que se autorizasen tanto as actividades de ciencia cidadá, como as de  observación e conservación da natureza.

Sorprendentemente a Orde SND/414/2020, de 16 de maio do Ministerio de Sanidade fai mención específica no capítulo XV das Condicións para o desenvolvemento da actividade cinexética e a pesca deportiva e recreativa nomeadamente entre as actividades permitidas na FASE 1, cedendo así ás presións que pedían este trato diferencial.

O tratamento de xeito diferenciado e preferente destas dúas actividades ao longo das distintas fases da “desescalada”, así como o intento da súa consideración como actividade esencial, levaron anteriormente á Xunta de Galicia ao esperpento e mesmo a ilegalidade, permitíndoas temporalmente antes de entrar en vigor a súa aprobación. Unha situación que foi agravada pola instrución da Dirección Xeral de Patrimonio Natural que retira as facultades sancionadoras aos aproximadamente 100 vixiantes de recursos naturais que fan labores de control da pesca e dos espazos naturais. Esta irresponsabilidade non só puxo en perigo as persoas que practicaban a pesca, senón a saúde do conxunto da sociedade e á conservación da biodiversidade.

En tanto a Xunta de Galicia e o Ministerio de Sanidade amosan unha consideración diferencial coa caza e a pesca, outras actividades que se desenvolven na natureza quedan no limbo da interpretación, ao criterio dun axente da autoridade e a súa consideración como deporte ou paseo a observación da natureza ou estudo da biodiversidade, dificultando tanto o necesario labor de control da mobilidade como o desenvolvemento destas actividades con garantías por parte dos cidadáns. As organizacións asinantes consideramos que accións como a observación de aves non deberían ter que ser consideradas deporte para poder achegarse e gozar da natureza, do mesmo xeito que non o é parte da actividade cinexética e da pesca recreativa que se pretende autorizar e en todo caso deberían desenvolverse nas mesmas condicións de mobilidade territorial e horaria.

Resulta obvio que observar a natureza a través dun telescopio non supón un maior perigo sanitario que facelo a través da mira telescópica dun rifle e que encher unha cesta de peixes non supón menos perigo que encher de datos un caderno de campo. É momento de reflexionar e considerar que o criterio para a paulatina recuperación da actividade no medio natural non debe ter un horizonte electoral senón sanitario, social e de respecto a biodiversidade.

Dende a Sociedade Galega de Ornitoloxía, ADEGA, SGHN, GEAS e GREFA agardamos que á hora de tomar decisións o peso da pluma poda ser igual que o do chumbo.

Organizacións asinantes

  • SGO (Sociedade Galega de Ornitoloxía)
  • ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza)
  • SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural)
  • GEAS (Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes)
  • GREFA (Grupo de Rehabilitación da Fauna Autóctona e o seu Hábitat)
  • SEO Bird Life Grupo Loca Pontevedra

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal