ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA insta a estudar con maior profundidade e...

09-05-2020

ADEGA insta a estudar con maior profundidade e criterio científico o traslado de osos cantábricos aos Perineos

ADEGA e outras 15 organizacións ecoloxistas do Cantábrico propoñen unha mesa de discusión para analizar con criterios científicos a proposta de substitución do exemplar falecido por un oso da Cordilleira cantábrica.


A morte nos Perineos do oso Cachou desencadeou toda unha serie de manifestacións por parte dalgúns responsables políticos e colectivos sobre as cales as asociacións de conservación da natureza do ámbito cantábrico abaixo asinantes queremos ofrecer a nosa opinión.

Primeiro, amosar o noso pesar pola morte do oso Cachou en circunstancias aínda non clarexadas. Rexeitamos o intento por parte do Conselh Generau d’Aran de adiantarse aos resultados da necropsia achacando a morte do oso á “pelexa con outro oso”. Solicitamos que a necropsia se realice con todas as garantías xa que só así ofrecerá información veraz sobre as causas da morte do animal.

O oso Cachou formaba parte do proxecto de reintrodución de osos dos Perineos iniciado en 1996. Trátase dun proxecto pioneiro no ámbito europeo de reintrodución dun grande carnívoro. Tal reintrodución debería formar parte do obxectivo de conservación e reconstrución da funcionalidade de ecosistemas naturais en Perineos, e servir de exemplo para outros lugares dos que desapareceron outros grandes depredadores (lobos, linces,...).

O oso Cachou era un macho de 6 anos e estaba considerado un animal importante sobre o que se pousaron expectativas de mellora das condicións xenéticas e demográficas da poboación pirenaica de osos. A substitución dese oso debería ser, por tanto, un labor a considerar.

Pola discusión científica e sosegada

Porén, algúns colectivos do ámbito pirenaico español e francés solicitaron recentemente que se “utilice a oportunidade, de presentase, da recuperación dun oso cantábrico novo en dificultade, para translocalo, unha vez restablecido, desde a Cordilleira cantábrica aos Perineos, para compensar a morte do oso Cachou e fortalecer a variabilidade xenética da poboación de osos no Perineo” (Ver anexo). Descoñecemos que esta opción teña sido valorada de maneira argumentada e formal por algunha entidade, particular ou administrativa, ou polos grupos de traballo existentes.

As entidades abaixo asinantes opinamos que dita solicitude foi pouco meditada, polas seguintes razóns:

-En primeiro lugar, o oso pardo  está considerado en “perigo de extinción” na Cordilleira Cantábrica. De feito, a situación demográfica da subpoboación oriental cantábrica é crítica e parece contar con menos efectivos que toda a poboación pirenaica de osos.

-En segundo lugar, a substitución dese oso debería ser un labor a considerar máis alá de que poida darse unha “oportunidade” de que apareza un “oso cantábrico en dificultades”. A substitución non pode depender de acontecementos azarosos e debería realizarse con animais en bo estado físico e comportamental. Por outro lado, unha estratexia de reforzamento a medio e longo prazo non pode depender de exemplares procedentes de poboacións en perigo de extinción.

-En terceiro lugar, a proposta de introdución de exemplares cantábricos parece aceptar de forma implícita o discurso promovido desde algúns sectores gandeiros e políticos que criticaron o proxecto de reintrodución fundamentándose nunha suposta “ferocidade” dos animais translocados desde Eslovenia. Isto parécenos grave, xa que este discurso está moi afastado da realidade, como así o demostran os traballos científicos. Os osos en Eslovenia son dos osos que menos danos ocasionan en Europa. Se ben é certo, que a taxa de danos na vertente francesa dos Perineos é das máis altas de Europa, na vertente española acontece o contrario. As taxas de danos sobre o gando non dependen da procedencia dos osos e si do manexo do gando e da adopción de medidas preventivas.

Cremos, por tanto, conveniente que a proposta realizada de trasladar osos cantábricos para reforzo das poboacións pirenaicas merece unha discusión máis serea e argumentada. Consideramos que unha mesa de debate e reflexión de colectivos de conservación da natureza do ámbito cantábrico e pirenaico pode ser o marco adecuado para tratar este tema.

Entidades que se adhiren a este documento

  • Plataforma para la Defensa de la Cordillera Cantábrica - PDCC
  • Coordinadora Ecoloxista d’Asturies
  • Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza – ADEGA
  • Asociación para el Estudio y la Protección de la Naturaleza “URZ”
  • Coordinadora Ornitolóxica d’Asturies - COA
  • Ecologistas en Acción de Castilla y León
  • Ecoloxistes n’Aición d’Asturies
  • Sociedade Galega de Historia Natural – SGHN
  • Grupu d’Ornitoloxía Mavea
  • Asociación Asturiana d’Amigos de la Naturaleza - ANA
  • Asociación para el Estudio de la Montaña CRYOSANABRIA
  • Biodevas Asociación Medioambiental
  • Colectivo Ecologista de Avilés
  • Filón Verde
  • Instituto para la Calidad y la Educación Ambiental – INSCEAM
  • Geotrupes

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal