ADEGA

Inicio / Buscador / ADEGA, Ríos con Vida e AGCT descobren 45 km de...

03-12-2013

ADEGA, Ríos con Vida e AGCT descobren 45 km de ríos sen identificar no PXOM de Lugo

Plano de Lugo no que se sinalan os treitos estudados (recadros)

Os colectivos ecoloxistas ADEGA, AEMS-Ríos con Vida e Asociación Galega para a Custodia do Territorio promovemos a finais do pasado mes de maio un estudo sobre a rede fluvial de Lugo, realizado por un equipo técnico multidisciplinar, que vén de ser presentado hoxe ao público xeral. Dito documento técnico permitiu identificar uns 45,8 quilómetros de ríos e regos non representados no novo Plan Xeral de Ordenación municipal (PXOM) de Lugo. A investigación centrouse nunha parte da rede hidrográfica que aparece grafada en distintas cartografías oficiais. Porén, existe unha lonxitude moi superior de cursos fluviais en Lugo igualmente ignorados polo Plan Xeral e que tamén se atopa pendente de identificar.

A meirande parte da rede fluvial obxecto do estudo –coas súas correspondentes marxes- atópase indebidamente clasificada no PXOM, sen a correspondente protección, o que infrinxe a legalidade urbanística. Estas deficiencias implican en moitos casos unha reclasificación inxustificada en relación co Plan Xeral de 1990, onde boa parte de dita rede aparecía clasificada con protección de augas.

Ademais de determinar o trazado de 20 cursos fluviais analizados, o estudo fai fincapé no patrimonio etnográfico asociado aos mesmos (16 muíños, 2 lavadoiros, 2 fontes e unha presa de cantería), a meirande parte do cal tampouco foi incluído no Catálogo do Plan, a diferenza doutras construcións de análogo ou inferior valor cultural.

Colaboración

Representantes de ADEGA e Ríos con Vida

O traballo vén a confirmar as deficiencias xa indicadas na Orde da Consellaría competente en materia de Urbanismo que, en abril do 2011, aprobara parcialmente o PXOM, deixando en suspenso unha serie de ámbitos e determinacións obxecto de reparo na Orde, determinacións entre as que se facía alusión expresa á necesidade de identificar a totalidade da rede fluvial municipal e de clasificar os terreos afectados pola mesma, conforme establece a lexislación urbanística.

Así mesmo, en abril do presente ano, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil requiriu ao Concello a achega de estudos sobre a parte da rede fluvial pendente de aprobación.

Nesta situación, os tres colectivos promotores do estudo pretendemos que este documento poida ser de utilidade para emendar as graves deficiencias que aínda presenta o Plan, así como para completar a información cartográfica manexada polos distintos organismos oficiais, nos que será presentado (Xunta, CHMS e Concello).

Ligazóns

Audios

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal