Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O confinamento humano traerá efectos moi...
23-04-2020
Coa industrialización e a instauración do chamado Estado de Benestar, os logros acadados no ámbito do dereito laboral, que nos permiten dispoñer de días de descanso, así como o acceso case xeneralizado da poboación aos medios de transporte, favoreceron que as persoas veñamos empregando cada vez máis o noso tempo de lecer para pasalo no medio natural ou para desprazarnos a outros lugares lonxe das nosas vivendas. Así pois, ás viaxes habituais de fin de semana, súmanse os milleiros de desprazamentos que se realizan en datas sinaladas. Este movemento de persoas e de vehículos a motor constitúe un importante impacto para a biodiversidade, ao que se sum n a outras ameazas como a creación de infraestruturas, a agroindustria, o tráfico de mercadorías, a contaminación industrial ou as especies invasoras.
Desde ADEGA consideramos que o impacto na biodiversidade pola presión humana será cualitativamente menor neste período de confinamento, que limita de forma drástica os desprazamentos humanos. Ademais, cadra no tempo da primavera, que é a época de cría de moitas especies da nosa fauna e de paso migratorio das aves que voan cara ás súas zonas reprodutoras. Certamente, a nosa limitación de movementos está a supoñer un alivio para as especies e hábitats que nos rodean: menos tráfico, menos ruído, menos excursionistas, menos mascotas polas praias, menos cazadores, e menos actividades de deporte activo ou como as andainas, os trails ou ultratrails que nestes primeiros días da primavera sacarían das súas casas a milleiros de persoas.
1. Menos atropelos. Ao circular menos vehículos polas estradas, existe menos probabilidade de colisión e de atropelos de mamíferos, aves ou anfibios. Nestas datas, nomeadamente en noites de choiva, moitos anfibios (sapos, píntegas...) desprázanse cara aos seus lugares de cría, e adoitan morrer atropelados. Outro tanto se pode dicir de aves e mamíferos.
2. Diminución do ruído. Un beneficio derivado da diminución do uso masivo do automóbil é o aumento da calidade de vida da fauna e da nosa propia pola diminución do ruído. Moitas persoas nestes días son máis plenamente conscientes da presenza e do canto dos paxaros.
3. Preservación dos niños. Así mesmo, a diminución de labores forestais e de rozas no monte ou en espazos de recreto evitará a destrución de moitos niños que están nas toxeiras, silveiras…
4. Menor estrés pola caza. Ao non estar plenamente permitida a caza, a fauna cinexética está a sufrir menor presión e, por tanto, menor estrés. As especies non cazables tamén notarán a ausencia da presenza dos cazadores no monte, sen as molestias que as batidas supoñern para moitas desas especies na súa época de reprodución.
5. Mellora das poboacións de peixes fluviais. Outro tanto poderiamos dicir da pesca, esta veda obrigada suporá un respiro para a fauna piscícola e un menor impacto para os espazos naturais nos que se desenvolve.
6. Preservación da flora costeira ameazada.A ausencia de milleiros de persoas (bañistas, camiñantes, etc…) durante a Semana Santa e as fins de semana de abril e maio nos areais galegos, de seguro que contribuirá á conservación da flora e dos hábitats especialmente ameazados nos ecosistemas dunares pola presenza humana ou dos animais de compañía.
7.Galiza, un refuxio de camiño ao Norte. Ao cadrar o confinamento humano en pleno paso migratorio de aves acuáticas cara ao Norte, de camiño as súas zonas de cría, poderán recalar nas costas galegas para repoñer forzas da súa longa viaxe sen que sexan molestadas por persoas e cans que utilizan estas zonas como lugares de ocio ou lecer.
Unha das especies de aves máis ameazadas de Galiza é a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), pois está en perigo de extinción. A época de reprodución desta ave cadra no tempo co período no que a meteoroloxía comeza a ser máis benévola e as persoas nos dispoñemos a acudir ás praias. Dende finais de marzo ate o mes xullo, a píllara intenta sacar adiante os seus ovos e polos. E cadra tamén, que o lugar no que sitúan os seus niños coincide practicamente coas áreas de costa onde colocamos as nosas toallas de praia.
Por tanto, entre as súas principais ameazas, está a ocupación masiva dos areais por parte das persoas, a presenza de cans que destrúen os niños e ovos destas aves, e a retirada mecánica das algas das praias que realizan moitos concellos costeiros para telas "limpas" para os e as bañistas. Polo que, todo fai indicar que coa ausencia de persoas e cans das praias durante estes meses, o éxito reprodutivo da píllara será maior. Así os polos so asumirían baixas por causas e predación natural ( raposo, corvo, denonciña…) e non humana. En todo caso, como medida no marco do Plan galego de recuperación da píllara das dunas, sería interesante que a Xunta estudase os efectos deste confinamento humano na reprodución desta pequena e fráxil ave.
A Natureza proporciónanos o medio no que vivimos e os recursos imprescindíbeis para a vida, como a auga ou o aire que respiramos, pero tamén as especies e hábitats que necesitamos para protexernos de axentes e patóxenos que orixinan pandemias como a que estamos a padecer. Por iso, como seres humanos, deberíamos ser conscientes daquelas actividades que desenvolvemos e que contribúen a degradar o medio natural ou que implican un forte impacto para a biodiversidade que logo acabará repercutindo inevitablemente nas nosas vidas. Na man de todas e todos está o reto de favorecer unha relación de respecto e complicidade co medio que nos rodea.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal