ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA dedícalle 50 poemas de amor á Terra no seu...

21-04-2020

ADEGA dedícalle 50 poemas de amor á Terra no seu Día

ADEGA insta ás administracións públicas e privadas e ás persoas a mudar a súa relación coa Terra por outra baseada na complicidade e no respecto.


Hoxe, mércores 22 de abril, é o Día Internacional da Terra, unha celebración que adquire especial significado neste ano 2020, como así tamén o expresa tamén a Organización das Nacións Unidas (ONU): “A Terra estanos a enviar unha mensaxe de queixa, a Terra sofre, e pide que actuemos”. O organismo internacional advirte que a actual pandemia sanitaria do Covid-19 está moi relacionada coa saúde do noso medio ambiente e, por tanto, se non actuamos fronte a crise climática, a deforestación masiva, a emisións de gases contaminantes, a produción agrogandeira intensiva ou o monocultivo e o uso de agrotóxicos, a humanidade estará cada vez máis exposta ao contacto e á transmisión de enfermidades infecciosas de animais a humanos.

Covid-19: alicerce do cambio da nosa relación coa Terra

A nosa saúde depende directamente da saúde da Terra, pois son os ecosistemas sans os que nos proporcionan unha maior protección fronte á propagación de patóxenos e de doenzas infecciosas causantes das pandemias. Malia que a biodiversidade ecolóxica dificulta a propagación deste tipo de enfermidades e que a actitude máis lóxica de supervivencia da especie humana sería a de preservar e favorecer tal diversidade de especies e hábitats, o ser humano está a deteriorar a un ritmo vertixinoso e sen precedentes a biodiversidade. O último informe do panel internacional para a diversidade biolóxica da Unesco (IPBES) indica que a taxa actual de extinción de especies é de centos de veces maior que a media dos últimos 10 millóns de anos, e que nas vindeiras décadas extinguirase 1 de cada 8 especies que viven arestora no planeta. A perda de biodiversidade global, sumada ao quecemento climático, preséntanos un escenario moi difícil para a supervivencia da especie humana.

Desde ADEGA pensamos que esta crise sanitaria debe ser o alicerce do cambio fronte ao modelo de vida ao que nos empuxa o actual sistema capitalista. O Covid-19 debe de constituír para as administracións públicas e privadas e para as persoas un punto de inflexión cara ao desenvolvemento dunha nova relación coa Terra, baseada desta volta, no respecto, no amor e na complicidade, co obxectivo, non só de preservar a contorna, senón de garantir a nosa supervivencia como especie no Planeta.

Para ADEGA esta nova relación coa Terra leva implícito o abandono dun sistema económico que empuxa ao consumo desmedido de bens e servizos e á procura do beneficio á costa da inxustiza social e ambiental. Este novo modelo de convivencia que as persoas estamos obrigadas a desenvolver pasa por impulsar a soberanía alimentaria e os circuítos curtos do comercio fronte á dependencia alimentaria das grandes corporacións multinacionais; pola democratización dos servizos públicos fronte a súa privatización; polo fomento do transporte público e a bicicleta fronte ao vehículo privado e a motor; pola preservación da biodiversidade e dos bosques fronte a súa deforestación e o control inxustificado de especies; pola redución de residuos e a súa reciclaxe fronte a incineración e o vertedoiro; polo autoconsumo, o aforro e a eficiencia enerxética fronte o despilfarro da enerxía; ou por un maior investimento en saúde, ciencia e educación ambiental. Do contrario, verémonos expostos e expostas cada vez con maior frecuencia a situacións excepcionais como a que estamos vivindo.

Unha explosión de Amor pola Terra

As actuais circunstancias fan evidente máis que nunca que a Terra e o medio ambiente están no centro da Vida, e que se non contamos con Ela o noso futuro será moi incerto. Por iso, desde ADEGA, animamos os galegos e galegas a celebrar esta efeméride expresando a través dos seus foros e redes sociais o amor e a gratitude que senten pola Terra.

Para facelo, ADEGA fará uso da forma de expresión por excelencia do Amor: a Poesía! Ao longo do  día de hoxe, desde ás 10 ás 20 horas, ADEGA publicará nas súas redes sociais un total de 50 Eco-poemas enviados polos seus socios e socias e simpatizantes para simbolizar o seu Amor pola Terra. Os vídeos recompilatorios dos poemas poderanse ver nas contas de facebook (https://www.facebook.com/adega2.gal/), twitter (https://twitter.com/ADEGAgz) e instagram (https://www.instagram.com/adega_ecoloxismo/) de ADEGA, e tamén na súa canle de Youtube (https://www.youtube.com/user/adegainfo).

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal