ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA crea unha web con recursos de libre acceso...

14-04-2020

ADEGA crea unha web con recursos de libre acceso para pasar a corentena

Hai tres semanas, ADEGA lanzaba a campaña #EuFicoNaCasaConADEGA coa idea de poñer a disposición da sociedade xeral, e da galega en particular, recursos didácticos e divulgativos sobre medio ambiente e ecoloxía en galego para pasar a corentena. O obxectivo desta iniciativa é o de facilitar a un público xeral o acceso a estes recursos, nalgúns casos xa pre-elaborados, compartir saberes e experiencias sen restricións ou exclusividades, e propoñer solucións ante un futuro que se nos presenta difícil e de profundos cambios estruturais e, por tanto, que afectan ao noso estilo de vida. Trátase, en definitiva, de contribuír colectivamente a compartir experiencias, coñecementos e aprender entre todos e todas outra forma de vivir máis amable,  máis sustentable e máis consciente e necesaria fronte a grade crise que afrontamos: a crise climática.

A acollida desta iniciativa de ADEGA para afrontar este período de confinamento resultou exitosa, sendo a día de hoxe varios os centos de persoas subscritas ás Eco-ideas de ADEGA para pasar a corentena. Mais, pensamos que esta iniciativa aínda pode ser ampla e cualitativamente enriquecida se outros colectivos e organizacións de ámbito galego se animasen a compartir dentro desta campaña os seus recursos e ideas para pasar o confinamento e tamén para aplicar na nosa vida diaria unha vez transcorrida a crise sanitaria. Neste sentido, xa están a colaborar con ADEGA unha ducia de colectivos entre os que están as ANPAS galegas, sindicatos do ensino (STEG, CIG-Ensino), sindicatos agrarios  SLG, FRUGA), organizacións culturais (A Mesa, Culturmar, Rede Galega polo Patrimonio) ou de carácter ambiental (CEMMA, Fundación Eira, GNHábitat, Mycogalicia, Cousa de Raíces).

Desde ADEGA facemos un chamamento ás demais entidades sociais, ecoloxistas e culturais do país, que están a realizar un labor altruísta e fundamental para o desenvolvemento racional do país a que se sumen tamén a esta campaña.

https://euficonacasa.adega.gal: web de recursos para o confinamento

Así mesmo, ADEGA publica hoxe unha nova páxina web que funcionará de repositorio online de todos os recursos educativos ou materiais de divulgación que cheguen a través desta campaña #EuFicoNaCasaConADEGA. Esta web será de acceso libre e estará vinculada ao sitio web de ADEGA https://adega.gal

A través da web
https://euficonacasa.adega.gal calquera persoa con acceso á rede poderá acceder a unha chea de Eco-ideas ou propostas de actividade relacionadas coa ecoloxía e co coidado ambiental, ou material divulgativo de diferentes proxectos e experiencias sustentables que pretenden preservar e dar a coñecer, tanto o patrimonio natural, como o patrimonio cultural de Galiza. Alén das Eco-ideas de ADEGA, este URL contén tamén aquel material divulgativo ou recursos externos procedentes das entidades colaboradoras.

Este repositorio web acolle materiais en diversos formatos: vídeos-obradoiro, fichas de actividades, fichas de identificación de flora e fauna, lecturas recomendadas, páxinas web sobre proxectos de interese,  manuais, etc. Os materiais clasifícanse tamén segundo o tipo de destinatarios, identificando aqueles recursos que están recomendados para todos os públicos ou para niveis educativos de primaria ou secundaria.

ADEGA tamén está a enviar por correo electrónico un boletín coas novidades na oferta de Eco-ideas ou recursos educativos a todas as persoas que se subscriben ao mesmo a través deste formulario: https://euficonacasa.adega.gal/subscribete/

Así mesmo, calquera persoa ou entidade que queira contribuír coa súa achega ou recurso a esta campaña tamén o pode facer enviándonos a proposta a través da web de Eco-ideas de ADEGA: https://euficonacasa.adega.gal/envia-a-tua-ecoidea/

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal