ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA apoia o manifesto en defensa dos mercados...

27-03-2020

ADEGA apoia o manifesto en defensa dos mercados de proximidade durante a corentena

Máis de corenta organizacións galegas de diversos ámbitos, entre as que se atopa ADEGA, veñen de facer público un manifesto no que piden a reapertura dos mercados alimentarios de proximidade como garantes da seguridade alimentaria de Galiza no contexto actual de estado de alarma e emerxencia sanitaria pola pandemia do Covid-19.

O pasado 20 de marzo, os sindicatos SLG e FRUGA publicaban un comunicado no que alertaban á sociedade galega de que o goberno central estaba a prohibir a celebración dos mercados de alimentos locais de venda directa por cuestións, presumiblemente , de seguridade durante o período de confinamento. A través da Orde do 23 de marzo, a Xunta, retractándose da súa posición orixinal, tamén prohibiu a celebración destes mercados de cercanía ata o 31 de marzo. Ante esta situación, ADEGA considera necesario apoiar, xunto con outras máis de 40 entidades de distintos ámbitos, o seguinte manifesto que reproducimos de maneira íntegra.

MANIFESTO

EN DEFENSA DOS MERCADOS DE ALIMENTOS DE PROXIMIDADECOMO GARANTES DA SEGURIDADE ALIMENTARIA NO ESTADO DE ALARMA

Nós, os labregos e labregas que damos vida aos mercados de proximidade na Galiza, diante da prohibición de poder exercer a nosa función como fornecedores de alimentos para a sociedade por mor das restricións impostas para enfrontar a pandemia do Covid-19, queremos manifestar:

  • A nosa consternación ao ver como se nos discrimina, unha vez máis, en favor das grandes superficies comerciais, á hora de garantir o acceso en tempo de crise a un ben esencial como a alimentación.
  • A nosa perplexidade, cando constatamos a diferenza de criterios entre administracións, con comunidades autónomas que autorizan expresamente os mercados de proximidade e outras, como a galega, que os prohiben; con concellos que regulan esta venda directa en tempo de crise e outros que a clausuran sen máis.
  • O noso convencemento de que os nosos alimentos e os nosos mercados, aplicando as normas establecidas polas autoridades sanitarias para evitar a transmisión do Covid-19 e o agravamento da pandemia, son máis seguros nas actuais circunstancias por celebrarse ao aire libre ou en espazos amplos como prazas de abastos, por non haber intermediarios entre a produción e o consumo final, por non xerar aglomeracións humanas, e por termos, porque así nolo esixe a normativa, unha mellor e máis completa formación en cuestións hixiénico-sanitarias que a maioría do persoal que traballa en grandes superficies comerciais. Ademais os mercados alimentarios de proximidade teñen unha maior capacidade de garantir o subministro de alimentos frescos ao non depender de estruturas centralizadas e vulnerables. Pensamos que obstaculizar a produción alimentaria local e a súa comercialización nunha crise como a que estamos a vivir é un crime e un suicidio.
  • A nosa indefensión porque, sendo sector primario, se nos priva de exercer a nosa principal actividade económica sen ningún tipo de compensación ou alternativa que mitigue o grave deterioro financeiro que sufriremos nas vindeiras semanas. Nese sentido, botamos de menos medidas que se poderían impulsar dende as administracións, como a compra pública de alimentos para que os servizos sociais os inclúan na distribución de cestas de alimentos ás familias que os precisen, ou mesmo incorporar os nosos medios e experiencia no reparto domiciliario de cestas de produtos.
  • A nosa impotencia porque a maior parte dos alimentos que producimos son frescos e sans e, polo tanto, neles non empregamos conservantes químicos ou refrixeración para atrasar o seu deterioro, como si fará a agricultura industrial para poder vendelos cando se levanten as restricións.
Por todo iso, pedímoslle á Consellaría de Medio Rural, en colaboración cos concellos, que faga todos os esforzos necesarios para que, a partir do 31 de marzo, volva autorizar os mercados de alimentos de proximidade, preocupándose de que dispoñan dos medios materiais e humanos necesarios para organizar e aplicar correctamente todos os protocolos de seguridade a que obriga a orde do 23 de marzo de 2020 sobre a venda directa de produtos agrogandeiros nos mercados.

Apoian este manifesto

  1. A Eira do Colexio de Educadores e Educadores Sociais de Galicia (CEESG)
  2. Amarelante SCG
  3. Amig@s da Terra
  4. Asociación de Produtoras de Horta de Ribadeo A Sucadoira
  5. Asociación Galega de Apicultura (AGA)
  6. Asociación Mercado da Terra (Lugo)
  7. Asociación Millo Miúdo (Oleiros)
  8. Asociación O Xaramelo (Meis)
  9. Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)
  10. Asociación Raíces do Lusco
  11. Asociación 4ponlas (Pontevedra)
  12. CDR Portas Abertas
  13. Centro Social A Gentalha do Pichel (Compostela
  14. Centro Social Madia Leva (Lugo)
  15. Centro Social O Fuscalho
  16. Centro social O Quilombo (Pontevedra)
  17. Confederación Intersindical Galega (CIG)
  18. Enxeñería sen Fronteiras
  19. Espazo Agroecolóxico A Estruga (Cabreiros, Xermade)
  20. Federación Rural Galega (Fruga)
  21. Greenpeace
  22. Grupo de Consumo Agrelar (Allariz)
  23. Grupo de Consumo Semente (Ourense)
  24. Grupo de Consumo Xurumelxs (Ourense)
  25. Grupo de Bioeconomía da USC
  26. Grupo de investigación en agronomía AGRONOMÍA (USC)
  27. Grupo de Investigación en Construción Sustentable para o Medio Rural e Natural COSMERUN (USC)
  28. Grupo de Investigación en Economía Agroalimentaria e Medioambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social ECOAGRASOC (USC)
  29. Grupo de Investigación Galabra en Estudos Culturais GALABRA (USC)
  30. Grupo de Estudios de Historia Empresarial e Sectorial. Pesca, Industria e Comercio GESPIC (USC)
  31. Grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural. Séculos XIX e XX HISTAGRA (USC
  32. Grupo de Investigación da Agricultura Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia da Universidade de Vigo
  33. Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental SEPA-Interea
  34. Laboratorio do Territorio LABORATE (USC)
  35. Lareira do Alén, Clube Gastronómico
  36. Marcha Mundial das Mulleres Galiza
  37. Movemento Ecoloxista da Limia (MEL)
  38. Nais polo Clima
  39. Non é o mesmo (Compostela)
  40. Nós Galeguistas
  41. Proxecto Resclima
  42. Rede de Consumo O Careón (Melide)
  43. Rede para o Decrecemento Eo-Navia Galiza o Bierzo
  44. Rede Revolta de Agroecoloxía e Historia
  45. Sindicato Labrego Galego (SLG)
  46. SPG A Gavela

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal