ADEGA

Inicio / Novas / Todas / A gran lección do coronavirus: natureza e vida no...

23-03-2020

A gran lección do coronavirus: natureza e vida no centro!

#EuFicoNaCasa #RendaBasica #Ecofeminismo


Estes días de incerteza pola situación de emerxencia sanitaria e de estado de alarma provocada polo covid-19, desde ADEGA queremos reflectir e crear un diálogo colectivo para repensarmos outros xeitos de facer comunidade que permitan poñer a vida no centro. Para estes días de preocupacións, de incerteza e de ansiedade; os coidados, os autocoidados, os afectos, a escoita activa e a asertividade fanse máis importantes que nunca.

Tamén se fai necesario repensar e poñer en valor diferentes prácticas e modelos sociais para afrontar, non só a actual crise sanitaria, senón a crise climática, ecolóxica, política e social que de xeito continuado e exponencial están a acabar cos ecosistemas, coa biodiversidade e con numerosos servizos ecosistémicos do planeta.

Por estas razóns, invitamos a este pensamento colectivo e lanzamos as seguintes reflexións centradas na defensa do comunitario e do público como garantía para construír sociedades xustas e equitativas tanto no eido social como no ambiental.

o coidado da natureza e os ecofeminismos

Segundo a Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), a degradación ambiental é unha das principais causas da transmisión de enfermidades, xa que os patóxenos se transmiten de animais a humanos con máis facilidade e se espallan polo territorio máis rapidamente en hábitats cos servizos ecosistémicos danados. É por iso que a defensa da natureza ten que ser un eixo principal de actuación para salvagardar a saúde social e ambiental do planeta.

Alén disto,  as prácticas económica e políticas globalizadas provocan unha maior vulnerabilidade nos territorios e nos pobos ante emerxencias sanitarias e sociais como a actual crise do coronavirus. Por todo isto, pensamos que os ecofeminismos deben ser os piares básicos nos que construír sociedades máis xustas e igualitarias. Polo tanto, poñer a vida, a comunidade e a natureza no centro e procurar modelos de decrecemento nas nosas sociedades permitirían sermos máis resilientes ante emerxencias sanitarias e climáticas.

Apostar por prácticas como a soberanía alimentaria e enerxética, a economía circular, o cooperativismo, a conservación dos bosques, dos ríos e dos mares, así como defender sistemas públicos consolidados, constitúen prácticas ecofeministas que permitirían ter mundos máis habitables, felices e ecolóxicamente equilibrados, rachando ademais coas desigualdades Norte-Sur do capitalismo global.

O fortalecemento do tecido veciñal e comunitario e do sector primario

Unha das leccións aprendidas nestes primeiros días de estado de alarma é a importancia que ten o fortalecemento das redes e do tecido veciñal e comunitario para facer fronte á crise do coronavirus. As redes de apoio veciñal xurdidas en moitas vilas e cidades demostran a capacidade de reacción solidaria do conxunto da sociedade e poñen en evidencia a falla das prácticas individualistas que xera o sistema capitalista.

No contexto de emerxencia climática, ecolóxica e social que estamos a vivir por mor dos efectos do cambio climático faise mais que necesario fortalecer estas redes de apoio para acadar unha maior xustiza social e climática en toda a sociedade. O apoio ao comercio local e de proximidade, así como a proxectos cooperativistas e integrados dentro da economía social e solidaria, serían dous grandes exemplos que permitirían gañarmos máis empoderamento e fortalecemento dentro destas prácticas comunitarias. Estes paradigmas solidarios permitiríanos ter unha maior capacidade de resposta colectiva ante as crises económicas e ambientais do capital.

Outra práctica a salientar é a compostaxe comunitaria, que permite poñer en contacto á veciñanza e crear así redes de confianza e de apoio mutuo, pechando ademais o ciclo da materia orgánica dun xeito ambientalmente responsable. Tamén potenciar a enorme capacidade que teñen as comunidades de montes  para crear redes e sinerxías en todo o territorio. Mais neste punto cómpre apoio administrativo para transformar e facilitar a saída das lóxicas produtivistas do monte por outras lóxicas que aposten pola conservación dos ecosistemas, da biodiversidade e dos servizos ecosistémicos.

Por último salientar ademais a importancia nestes días do sector primario como fornecedor de alimentos, proporcionando bens básicos para a supervivencia. Unha produción de proximidade, agroecolóxica e sen intermediarios axudaría tamén a artellar social e ambientalmente o territorio desde o rural e o comunitario, gañando como sociedade maior soberanía alimentaria e saúde ambiental.

A defensa do público como ben esencial para a vida

Nestes días tamén comprobamos unha vez máis a importancia que ten o público como ben social. Así quedou demostrada a necesidade de ter un sistema de sanidade público forte e con recursos para garantir o coidado sanitario de toda a poboación. Por iso, calquera tipo de recorte en sanidade pública non debería estar na axenda de ningunha esfera política. Tamén amosouse a importancia dos servizos sociais que atenden a colectivos cuxa vulnerabilidade increméntase nunha situación de estado de alarma, como é o caso das mulleres que sofren violencia de xénero, as persoas sen fogar ou aqueles colectivos máis expostos ás violencias do sistema, como a comunidade LGBTQ+ ou as persoas migrantes racializadas que teñen que soportar un maior control e rexistro policial, sempre co temor á súa detención e deportación.

Unha ferramenta de servizo público e comunitario que desde ADEGA consideramos esencial para poñer freo ás desigualdade sociais é a Renda Básica das Iguais. Este sistema de renda básica consiste no dereito de cada persoa de percibir unha contía económica que lle permita cubrir as necesidade básicas de supervivencia, ademais de crear un fondo social comunitario para atender bens e servizos públicos. Mais esta renda non ten unha lóxica asistencialista, senón que é unha renda universal para dotar de autonomía e dignidade a tódalas as persoas. É polo tanto unha ferramenta de transformación que permite pasar da centralidade do emprego á centralidade da vida no noso día a día, construíndo entre todas un Fondo de Renda Básica para garantir servizos e bens básicos como a sanidade, a educación, a vivenda, o transporte, os coidados ou a conservación da natureza. É así un mecanismo máis a empregar para acadar unha maior xustiza social e ambiental e unha maior riqueza comunitaria, que permitiría actuar con maior solidariedade ante contextos de crise sen medo a unha maior precarización ou exclusión das nosas vidas.

Por todo isto, desde ADEGA consideramos que a defensa do veciñal, do comunitario, do público e da natureza faise máis esencial que nunca nestes días. Ánimo e forza para todas!

Recursos

Para afondar máis sobre a Renda Básica das Iguais recomendamos as seguintes lecturas editadas por Baladre e que contan coa participación da ODS-Coia:


Tamén partillamos esta entrevista moi interesante de Nós TV á activista Mari Fidalgo sobre a necesidade de coidados psicosociais ante o estado de alarma:

https://nostelevision.gal/coidados-psicosociais-nesta-crise-sistemica-con-mari-fidalgo-activista-feminista-e-psicologa/

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal