Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA reclama a revisión do Plan de Continxencia...
09-03-2020
Ante o recente episodio de contaminación mariña que orixinou a morte dunhas 200 aves na costa galega, ADEGA esixe explicacións e a disposición por parte das administracións competentes de todas as medidas necesarias para que se clarexe o antes posible a orixe e alcance do vertido causante deste desastre ambiental. Neste senso, ADEGA vén de solicitar ao Intecmar (Instituto Tecnolóxico para o control do medio mariño en Galicia), dependente da Xunta, e a Salvamento Marítimo, dependente do Ministerio de Transporte, que dispoñan todas as medidas necesarias. Con tal fin, ADEGA trasladou a estes dous organismos os datos extraídos esta fin de semana das últimas inspeccións de praias realizadas por persoas voluntarias coordinadas por ADEGA e que foron interpretados e publicados polo Grupo Naturalista Hábitat a través do “Boletín 2 de Inspección de Praias”.
Atendendo a estes datos e á análise doutros parámetros relacionados cos ventos, as mareas e os buques que circularon fronte as costas galegas nos últimos días, sería relativamente sinxelo determinar a orixe do posible vertido ou “sentinazo” que provocou a morte de centos de aves abeiradas no noso litoral. Por iso, desde ADEGA non se entende como aínda nin a Xunta nin o Estado se teñen manifestado sobre a orixe e as consecuencias deste episodio de contaminación mariña, nin tampouco teñan disposto os medios e os recursos precisos para recoller datos sobre o terreo e intentar favorecer a recuperación das aves afectadas por este posible “sentinazo”. Paradoxalmente, tivo que ser novamente a cidadanía organizada a que realizase de forma voluntaria e altruísta os labores de rexistro e recollida das aves afectadas para a súa recuperación sen, por certo, ter recibido en ningún momento o apoio dos organismos competentes.
Por outra banda, este novo capítulo de contaminación mariña está a deixar de manifesto que o silencio e a opacidade informativa continúa a ser a política de comunicación que predican, tanto a Xunta como o Estado, ante este tipo de catástrofes naturais. Lamentamos que, tras 17 anos do accidente do Prestige, aínda non se teña desenvolto unha política informativa sobre os casos de contaminación mariña máis clara e transparente coa cidadanía e que apenas se teña avanzado nos mecanismos no control, vixilancia e seguimento dos buques e barcos que pasan fronte as nosas costas. O recente feito tamén revela a ineficacia do protocolo de continxencia existente fronte este tipo de situacións, que non ofrece garantías de control nin de seguimento dos posibles casos de “sentinazo” ou de episodios menores de contaminación por hidrocarburos no litoral galego.
Ante as deficiencias que presenta o actual plan de continxencias por contaminación mariña nas costas galegas, ADEGA reclama que se revise dito planeamento para establecer medidas de control, inspección e vixilancia máis eficaces para aqueles casos nos que a contaminación mariña proceda das descargas ou liberacións ilegais no mar de sentina dos tanques dos barcos e que son a principal fonte de contaminación difusa e continua por hidrocarburos no noso litoral.
Tampouco se descarta por parte de ADEGA someter a análise as mostras das substancias oleosas recollidas nas inspeccións das praias para determinar cal é a súa natureza e a súa posible afectación sobre o medio mariño, se a Xunta non o está a facer.
Ante a escasa acción oficial, a pasada fin de semana ADEGA e o GN Hábitat fixeron un chamamento ao voluntariado para acudir ás praias galegas na procura de aves mariñas abeiradas e de evidencias de presenza de hidrocarburos, co obxectivo de deitar luz sobre o acontecido e de conseguir a recuperación da maior parte da fauna afectada. A este chamamento acudiron máis dun cento de voluntarios e voluntarias que percorreron ducias de praias do litoral da Coruña, Lugo e Pontevedra. Cos datos obtidos, o GN Hábitat elaborou o Boletín 2 de Inspección de Praias, coordinado polos biólogos e doutorandos da Universidade da Coruña, Atocha Ramos e Cosme Damián Cousido, no que se tiraron conclusións sobre o número e tipo de aves abeiradas, as zonas do litoral máis afectadas ou o tipo de substancias que impregnaron ditas aves.
En resumo, nos últimos días rexistráronse un total de 219 aves acuáticas afectadas claramente polo vertido ou posible “sentinazo” producido fronte as costas galegas, aínda que tamén se atoparon outras 76 aves mortas, mais sen información concreta de manchas, polo que a súa morte non se pode vincular claramente co vertido. Das 219 aves vinculadas co vertido, 188 apareceron mortas e presentaban manchas dalgún aceite ou fuel. A maioría (136) atopáronse na costa da Coruña e 52 en Pontevedra. Das aves mortas, o 91% foron araos papagaios (Fratercula arctica), especie considerada vulnerable pola IUCN e que, nesta época, son especialmente sensibles, xa que están a mudar plumaxe e non poden voar. Esta circunstancia, posiblemente, explique o destacado número de baixas que sufriu esta especie debido ao actual episodio de contaminación mariña. Das preto de 300 aves rexistradas, 31 estaban vivas e con manchas dunha substancia oleosa, por determinar.
O litoral da Costa da Morte e do Grove semella ser o máis afectado polo vertido, xa que as praias onde se atoparon máis individuos afectados foron areais dos concellos de Porto do Son, O Grove, Carnota, Ribeira, Muxía, Muros, Nigrán, Malpica e Sanxenxo.
En canto ás substancias vertidas que se detectan nas aves recollidas, obsérvanse 3 tipos: unha substancia sólida branca similar á parafina ou a un produto químico, unha substancia oleosa alaranxada e fuel negro.
Á vista dos resultados, o informe conclúe que o número de aves afectadas tende a aumentar e chama a atención sobre a aparición de aves manchadas ou impregnadas con fuel tamén nas costas de Asturias e Portugal. Alén disto, hai que ter en conta que só o entre o 10 e o 20% das aves afectadas por este tipo de vertidos abeiran en terra, polo que o vertido ou “sentinazo” podería ter afectado a milleiros de aves mariñas, especialmente, ao arao papagaio, cuxas baixas totais se estiman nunhas 2000.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal