ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Ducias de aves mariñas petroleadas abeiran nas...

05-03-2020

Ducias de aves mariñas petroleadas abeiran nas costas galegas por un posíbel "sentinazo"

Nestes días están a aparecer gran número de aves mariñas abeiradas nas praias. Están enchoupadas dunha substancia oleosa, moi probabelmente procedente dun "sentinazo". Pedimos a colaboración da cidadanía para localizar e tratar estas aves.

Practicamente en toda a costa galega dende A Guarda até A Mariña estanse a rexistrar numerosos abeiramentos (nestes intres xa máis de 100) de aves mariñas (arao común, arao romeiro, arao papagaio, maascatos, gaivotas...) que amosan no seu corpo unha substancia oleosa. O elevado número de exemplares e a extensión da costa afectada fai pensar nunha importante vertedura de residuos e aceites ao mar, probabelmente provinte dun "sentinazo". Estas prácticas de limpeza e baleirado dos tanques no mar son ilegais e supoñen unha contaminación difusa que epor xunto representa a maior cantidade de hidrocarburos vertidos nos mares.

En 2012, coincidindo co 10 cabodano da catástrofe do Prestige, a Xunta presentou o plano CAMGAL, de continxencias contra a contaminación mariña accidental. Alén de incluir numerosas eivas, o plano CAMGAL non avalíaba a perigosidade, nin a localización, nin a frecuencia dos chamados "sentinazos" ou descargas ilegais pola limpeza dos tanques dos barcos. Tampouco prevía medidas de control, seguemento e inspección dos posíbeis buques sospeitosos que pasan fronte ás nosas costas, malia a que os "sentinazos" son a principal fonte de contaminación difusa e continua do litoral por hidrocarburos.
Para ADEGA, daquela imprevisión por parte das administracións veñen agora estes problemas: a nosa costa fica practicamente inerme fronte ás verteduras accidentais ou intencionadas. A falla de información e a opacidade da Xuinta está a provocar que sexa grazas á colaboración da cidadanía realizando labores de alerta, inspección e recollida de aves, que se pode visibilizar e abordar este grave incidente.

Colaboración cidadá e consellos prácticos

Dende ADEGA animamos á cidadanía a acudir ao litoral e dar conta da presenza de animais petroleados. Neste senso, achegamos uns pequenos consellos para o manexo destes exemplares para garantir o seu benestar, aumentar as posibilidades de supervivencia e evitar accidentes e molestias:
-As aves abeiradas vivas atópanse febles, polo que son doadas de recoller. Porén, compre usar luvas, e unha vez a ave na man, poñerémoslle unha goma elástica ao redor do peteiro para que non nos pique.
-Cuns trapos vellos envolveremos a ave, colocándolle as ás ao longo do corpo. Deste xeito fican inmoblizadas, para que non sigan aletexando e non se estresen e tamén para que non perdan calor.
-No seu caso podemos limpar cun trapo húmido as narinas, as súas fosas nasais, por se teñen vertido e que poidan respirar mellor. 
-Despois, meter a cada individuo nunha caixa de cartón. Se non é posible e temos que meter varios na mesma caixa, non pasaría nada, pois non se poden picar entre eles ao ter o peteiro arrodeado coa goma e o corpo envolto no trapo.
-De seguido avisaremos através do 112 ao centro de recuperación de fauna salvaxe que corresponda, agardando a chegada do persoal para facerlle entrega da/s ave/s. Se tardan ou tendes que marchar do lugar, levade con vós as caixas e indicade o voso enderezo. As axentes pasarán a recoller as aves ao voso domicilio. Tomade nota e rexistrade toda canta información poida ser útil: hora, lugar, número, especie e estado de exemplares (incluido os mortos), e se podedes tomade fotos dos individuos e da praia.

INFORMACIÓNS ÚTEIS:

Emerxencias: 112
Centros de recuperación de aves:

A Coruña: CRFS de Santa Cruz-Oleiros. 981 626241
Lugo: CRFS de O Veral-Lugo. 982 207705
Ourense: CRFS do Alto do Rodicio. 988 302051
Pontevedra: CRFS de Cotorredondo-Pontevedra. 986 680238; CRFS de O Campiño. 986 876012

ADEGA: María Canedo, 651482305
Grupo Naturalista Hábitat: Atocha Ramos: 699817143, ipc@gnhabitat.org
CEMMA: Alfredo López: 686989008

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal