ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Sen compostaxe non hai reciclaxe: O Concello de...

02-03-2020

Sen compostaxe non hai reciclaxe: O Concello de Santiago esquece a compostaxe nos orzamentos de 2020

A compostaxe de residuos mediante composteiros individuais comezou en 2002 con 150 composteiros, 900 composteiros a día de hoxe. Dende aquela ate o 2020 todos os sucesivos gobernos municipais incrementaron a dotación de composteiros individuais e na última lexislatura incorporáronse 3 composteiros comunitarios e un programa de compostaxe escolar, con moi boa acollida, ademais dun estudo para implantar a compostaxe comunitaria a nivel de todo o municipio unha vez comprobado o bo funcionamento dos tres primeiros e a boa participación da veciñanza.

Moi ao contrario, os composteiros comunitarios instalados e os composteiros individuais hoxe en día estanse deixando esmorecer, presentando un estado de abandono da xestión e mantemento por parte do Concello de Santiago. Este curso 2019-2020 xa non se lle deu continuidade as actividades de redución de residuos e compostaxe nos centros escolares que se viñan facendo nos anos anteriores.

Porén, nos orzamentos municipais que previsiblemente serán aprobados este luns 2 de marzo, non existe ningunha partida orzamentaria destinada á manter á compostaxe no fogar nin comunitaria destinada a expandir este servizo.  Tampouco hai ningunha partida orzamentaria prevista nin sequera para o estudo preliminar dunha planta de compostaxe industrial (mecanizada) para a cidade, sendo esta a única opción para cumprir os obxectivos europeos de reciclaxe de residuos.

A cifra actual de reciclaxe no Concello de Compostela, adherido ao sistema SOGAMA, está situada no 17%, (Fonte: Datos proporcionados polo Concello de Santiago na súa páxina web para o ano 2018) o que dista moito do obxectivo da Unión Europea a cumprir no ano 2020 (50%). O seu incumprimento deste obxectivo pode conlevar sancións económicas, polo que son necesarios cambios urxentes na xestión dos residuos e de xeito particular na xestión dos biorresiduos (residuos susceptibles de ser compostados).  

A compostaxe da parte orgánica do lixo urbano supón un 40-50% do peso total do que produce un fogar, e reducir esta cantidade supón importantes aforros  na factura a SOGAMA, cartos que repercutirían na criazón de postos de emprego local nas unidades de compostaxe comunitaria e na planta industrial. Contribuiría tamén a unha forte diminución da pegada ecolóxica e das emisións de CO2 en transporte de residuos, obténsode se paso un fertilizante de calidade para os espazos verdes da cidade, completando o ciclo. Deste xeito atenderiamos as medidas de proximidade na xestión de residuos e tamén cumpriríanse  os preceitos do plan de economía circular ademais de cumprir os obxectivos da axenda do Pacto dos Alcaldes polo Clima, ao que Compostela está subscrita.  

Máis información: Maria R. Lafuente, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), tlf: 628378804

Figura lateral: Cifras de reciclaxe no Estado. En Galiza a cifra de reciclaxe, debido ao sistema SOGAMA, é unicamente do 14%. 3ª pola cola de todo o estado español. E España está á cola de Europa nas cifras de reciclaxe.
Fonte: Memoria anual de generación y gestión de residuos de competencia municipal 2017. Ministerio para la Transición Ecológica.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal