ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Transición Ecolóxica: liña de acción prioritaria...

01-03-2020

Transición Ecolóxica: liña de acción prioritaria de ADEGA en 2020

ADEGA pechou a súa 44ª Asemblea Xeral, celebrada en Carballo, instando á Xunta a elaborar un Plan de Conservación e Restauración da Lagoa de Baldaio e a obrigar a ALCOA a ofrecer unha solución real para a balsa de lodos vermellos.


Esta fin de semana ADEGA celebrou en Carballo a súa 44ª Asemblea Xeral na que avaliou a súa actividade na defensa da terra e do medio ambiente galego durante o ano 2019, estableceu as liñas estratéxicas de acción para 2020 e aprobou varias propostas de resolución, o informe económico e organizativo. As socias e socios de ADEGA reuníronse no Edificio Fórum de Carballo, no que tamén se fomento o debate sobre o que debe ser unha transición ecolóxica xusta, social e ambientalmente, e adaptada ás circunstancias propias de Galiza.

Balanzo de actividades de ADEGA en 2019

Durante 2019, ADEGA destacou o seu papel activo na loita contra a mina de Touro-O Pino ou contra o parque eólico Serra do Iribio, no Courel, entre outros. Ambos proxectos están actualmente paralizados grazas á mobilización e denuncia social. Tamén resaltou a súa actividade de denuncia pola vía contenciosa-administrativa ou pola vía penal, que durante 2019 se viu significada na celebración de varios xuízos, por exemplo, contra o ex-alcalde de Barreiros por presunta prevaricación urbanística, ou contra dous ex-altos cargos da Xunta por presunto delito de falsificación documental para permitir o dragado da ría Ferrol.

En materia de montes e forestal, ADEGA puxo de relevo as sinerxías establecidas a través da rede Cousa de Raíces, que en 2019 promoveu dúas deseucaliptizacións simultáneas, e con outras forzas sociais significativas do país, como CIG, FRUGA, a ORGACCMM e outra vintena de colectivos que convocaron a marcha do pasado 20 de outubro “Por un monte galego con futuro”.

En 2019 ADEGA foi crítica coas novas propostas lexislativas de Alberto Núñez Feixoó, como a respecto de pesca, biodiversidade ou residuos, e tamén denunciou vertedoiros “en B” camuflados como restauración de canteiras ou como valorización de residuos.  Na loita contra a mudanza climática valora de forma positiva a súa participación activa no Movemento Galego polo Clima, que o pasado 27 de setembro conseguiu que milleiros de persoas ocupasen as rúas galegas na reclama de medidas reais, urxentes e efectivas para frear o quecemento global.

Transición ecolóxica: liña prioritaria e transversal en 2020

ADEGA propón para 2020 asumir a emerxencia climática e a transición ecolóxica como liñas prioritarias e transversais ao resto das áreas de traballo da organización ecoloxista, xa que este ano pode ser chave para marcar o rumbo da transición enerxético-industrial, de modelos máis sostíbeis de mobilidade ou de aproveitamento dos recursos primarios no noso territorio.

As socias e socios de ADEGA conclúen que a transición ecolóxica en Galiza só será real, se é xusta social e ambientalmente, logo de avaliar por grupos de traballo, que cambios debe implicar esta tansición nos eidos industrial-enerxético, na xestión de residuos ou no medio rural. Entre outras conclusións, para ADEGA a transición ecolóxica de Galiza debe pasar por que a Industria e a Administración ofrezan alternativas aos postos de traballo afectados polo peche das térmicas; pola procura dun novo modelo industrial galego, a menor escala, máis distribuído polo territorio e de ciclo produtivo pechado; pola autosuficiencia enerxética e a democratización na produción de enerxía; polo aproveitamento equilibrado dos recursos; pola redución e recuperación de residuos e a compostaxe a distintos niveis; pola compensación da débeda ecolóxica das industrias enerxéticas e electrointensivas ou pola fixación de poboación no rural.

Alén desta liña de traballo, ADEGA tamén se centrará para 2020 en cuestións como a mobilidade sostible, a protección da biodiversidade e a xestión da fauna salvaxe, oo ecofeminismo ou a organización interna e externa da entidade.

Propostas de resolución aprobadas

Na súa 44ª Asemblea Xeral, ADEGA resolveu aprobar diversas propostas de resolución que urxen á Xunta elaborar un Plan de Conservación e Recuperación da Lagoa de Baldaio e obrigar a ALCOA a ofrecer unha solución para a balsa na que acumula preto de 100 millóns de toneladas de lodos vermellos, supoñendo un elevado risco para a seguridade das persoas e o medio natural e mariño.

Así mesmo, a base social de ADEGA insta ao Grupo Coren a retirar a demanda por contra Manuel García, do Movemento Ecoloxista da Limia, por presunto “atentado contra a súa honra”.  Precisamente, o pasado sábado, ADEGA outorgou a Manuel o premio Osíxeno Individual 2019 polo seu labor activista contra a gandaría industrial intensiva e a contaminación da Limia.

Por último, ADEGA pide a todas as formacións políticas candidatas ás Eleccións Autonómicas do vindeiro 5 de abril que sitúen a cuestión da emerxencia climática e da transición ecolóxica como cuestión de elevada prioridade nos seus programas e axendas políticas.

Entrega de Premios Osíxeno e Dioxina 2019

A xornada culminou coa cea de confraternización e o acto de entrega dos Premios Osíxeno e Dioxina 2019 ao que, ademais das persoas galardoadas cos Premios Osíxeno 2019, asistiron representantes doutros colectivos e entidades como a plataforma Mina Touro-O Pino, a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, Asociación Lumieira, Senda Nova, CCOO, BNG e Concello de Carballo. Tamén estiveron no acto de peche da Asemblea o voceiro do Grupo Común da Esquerda e representantes de Marea Atlántica, UPG, Galiza Nova, SLG e CIG.

Visita a Baldaio

As actividades da Asemblea remataron onte, domingo, cunha andaina guiada por ADEGA pola costa de Razo-Baldaio, incluíndo unha visita ao equipamento Espazo da Natureza de Oza (Carballo) xestionado pola Asociación ambiental Senda Nova, premio osíxeno colectivo 2019.

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal