ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA insta a frear o enésimo ataque ás Gándaras...

27-02-2020

ADEGA insta a frear o enésimo ataque ás Gándaras de Budiño

Hai un par de semanas compañeiras/os de colectivos como Verdegaia e a Asociación Herpetolóxica daban a voz de alarma ante unha nova desfeita medioambiental nun espazo xa degradado até a saciedade como son as Gándaras de Budiño. Desta vez trátase dunha corta de bosque aluvial de amieiros, hábitat prioritario catalogado de máxima protección pola UE, situado nunha parcela na que o Concello de Porriño aprobou iniciar os traballos para construír o novo centro de formación da fundación ACEESCA (Asociación de Apoio a Persoas con Diversidade Intelectual).

Se ben é certo que a devandita parcela, debido a posteriores recualificacións, xa non se atopa dentro da área protexida, si que se atopa moi próxima á lagoa de Budiño e linda coa área considerada Hábitat de Interese Prioritario, polo que resulta indubidábel que estas obras van ocasionar un impacto negativo sobre un espazo que, ademais, está incluído no Plano de Recuperación do sapoconcho común (Emys orbicularis), en perigo de extinción.

Busca de alternativas

Ninguén dubida da evidente necesidade de construír un centro como o proxectado que cubre unha demanda social, pero cómpre admitir que a súa situación non é en absoluto a axeitada. As Gándaras de Budiño, un espazo incluído na Rede Natura, é unha zona húmida única no país, que xa viu tremendamente reducida a súa superficie e que sufriu constantes ataques que degradaron o seu hábitat, polo que debe ter a máxima protección por parte das autoridades e institucións.

É por iso que as obras deben paralizarse inmediatamente e iniciar un novo proceso no que se estuden novas localizacións, que de seguro hai, máis axeitadas e que non causen ningún tipo de impacto medioambiental.

Moción para a paralización de obras

Hoxe, xoves 27, presentarase no Pleno do Porriño unha moción na que se solicita a paralización das actuacións na parcela das Gándaras cedida a ACEESCA. En comisión anteriores, o concelleiro de urbanismo, manifestou a súa  negativa a rectificar, polo que se fai un chamamento á veciñanza e todos os colectivos para amosar o seu rexeitamento e así exercer presión.

A concentración será ás 17:30 na Praza do Concello. 

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal