ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Caso Mato: crónica doutro idilio entre a patronal...

12-02-2020

Caso Mato: crónica doutro idilio entre a patronal enerxética e a Xunta

A fichaxe da ex-conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato como directiva da enerxética Greenalia exemplifica os fortes vencellos entre as enerxéticas e determinada clase política. Non son portas xiratorias, son verdadeiros arcos do trunfo!

Ex-presidentes en eléctricas (Calvo Sotelo e González en Fenosa, Aznar en Endesa) e ducias de ex-ministros/as ocupan postos directivos en empresas coas que tiveron vencellos na súa etapa como responsábeis públicos. Mesmo en non poucos casos accederon á administración dende unha corporación á que voltaron logo de abandonar o cargo, logo de favorecela dende a súa privilexiada posición. É o fenómeno das "portas xiratorias", moi frecuente mais non exclusivo da clase política española.

En Galiza temos tamén exemplos autóctonos: Carlos del Álamo, conselleiro de Medio Ambiente con Fraga entrou en ENCE logo de que o PP perdera a Xunta. No consello de administración da pasteira partilla cadeira cos seus correlixionarios Isabel Tocino, ministra de Medio Ambiente con Aznar e Pascual Fernández, secretario de estado de Augas e Costas tamén con Aznar, entre outros. As decisións tomadas por estes responsábeis públicos no exercicio dos seus cargos foron determinantes para o mantemento de ENCE en Lourizán.

Un proxecto para o que a Xunta de Feixóo modificou a Lei "á carta"

En xaneiro de 2016 unha empresa enerxética (Renova Generación S.L.) foi adxudicataria de 50MW en biomasa na subasta anual das renovábeis. En outubro dese ano Renova Generación S.L. presentou na Xunta un proxecto para construir en Curtis unha planta de xeración eléctrica con biomasa de 50MW. Mais acontecía que nesa altura o límite de potencia destas plantas eran 10MW, establecido no Decreto 149/2008 aprobado polo bipartito. O proxecto sobardaba pois o máximo legalmente permitido, malia ao cal Industria e Medio Ambiente comezaron a tramitalo.
Apenas 2 meses despois o PP derrogou esta norma através da "Lei de acompañamento" dos orzamentos de 2017, liberalizando a potencia das plantas de biomasa. E a principios de 2017 apareceu un proxecto similar coas mesmas características (50MW) e ubicación (Curtis-Teixeiro) da man de "Greenalia S.L.", nova denominación de Renova Generación S.L.
Foi un dos exemplos máis claros de como unha administración lexislou a favor dos intereses empresariais (outra volta o "lobby" pasteiro-enerxético). Se unha instalación non é legal, pois múdase a norma e listo! Finalmente en agosto dese mesmo ano (2017) o departamento da daquela conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato (2015 a 2018) autorizou a planta: da ilegalidade á autorización en menos de 8 meses!

Durante a etapa de Mato como conselleira de Medio Ambiente e até 2019, a Xunta autorizou tamén 5 parques eólicos ás distintas filiais de Greenalia, e concedeu 795,000€ en subvencións e 1.000.000€ en préstamos ás empresas do grupo. Algúns dos parques autorizados, como o parque eólico Campelo, a carón da lagoa de Alcaián en Coristanco e Santa Comba, amosan graves afeccións ambientais a hábitats prioritarios e mesmo a especies endémicas en perigo de extinción, únicas no mundo. Porén seguen adiante, deixando claras as prioridades da Xunta á hora de escoller entre os intereses empresariais e a protección do ambiente. A teor dos outros precedentes citados, estas decisións veñen de ter agora a súa merecida recompensa.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal