ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Galiza, na cola do Estado e de Europa na xestión...

31-01-2020

Galiza, na cola do Estado e de Europa na xestión de residuos

Santiago de Compostela, a 31 de xaneiro de 2020.- No día de onte, varios membros de ADEGA e das plataformas “Casalonga Limpa de Residuos” e “Mina de Touro-O Pino Non” acudiamos ás portas das dependencias da Confederación Galega de Empresarios para denunciar as mentiras de Sogama e da Xunta de Galiza ao respecto da eficiencia do modelo maioritario no noso territorio de xestión de residuos sólidos urbanos, baseado na incineración e no vertedoiro. A conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, e representantes de Sogama estaban convidados a participar nunhas xornadas sobre o papel dos xestores de residuos para a Axenda 2030, nas que a titular da Xunta volvía reiterar a falacia de que a planta de Sogama e o seu modelo de xestión do lixo son referentes en Europa. Ao berro de “Menos Incineración, Máis Compostaxe!", os ecoloxistas alí presentes quixemos visibilizar a estratexia de lavado de cara  ou greenwashing que Sogama e a Xunta están a levar a cabo para branquear un sistema de xestión de residuos que demostrou ser fallido, ineficiente e insostible e que situou a Galiza na cola do Estado e de Europa na xestión sostible dos residuos.

Nova lei de residuos que non muda nada

En recentes datas debateuse a Lei de Residuos no Parlamento galego e os principais medios de información publicaron varias publirreportaxes contando as bondades do sistema de residuos; incluso, a conselleira de Medio Ambiente manifestaba que SOGAMA é un referente en Europa e no mundo. Dende ADEGA non sabemos de que é referente, dende logo de modelo de reciclaxe non, xa que os dados do Ministerio de Medio Ambiente confirman as nosas sospeitas: estamos á cola do Estado e de Europa en canto á recuperación de residuos e, nin de lonxe, cumprimos os obxectivos da UE en canto ao 50% de reciclaxe para 2020. As cifras máis optimistas sitúan este dado nun 13% contando os outros dous sistemas de xestión de residuos na Galiza. Esta é outra historia, xa que tampouco existe transparencia de dados. Se ben é certo que no modelo SOGAMA a metade do lixo non vai destinada a vertedoiro, destínase ao que se chama “valorización enerxética”, que non é outra cousa que queimala. O resultado desta incineración son emisións de dioxinas polo ar e cinzas e escouras tóxicas e perigosas como residuo sólido, é dicir, transfórmase un residuo sólido urbano (RSU) que non é tóxico, nun residuo tóxico. Xa chegamos ao 2020 e tal como ADEGA vaticinou no seu momento non acadamos os obxectivos de reciclaxe, e segundo a previsión  para o  horizonte 2020 – 2030 tampouco se van acadar. Por esta razón decidimos informar á sociedade mediante actos como o de onte.

Unha boa xestión dos residuos sólidos urbanos

Unha boa xestión dos residuos sólidos urbanos implicaría, desde o punto de vista de ADEGA:
-Aplicar a xerarquía de xestión de residuos que comeza coa prevención, preparación para reutilización, reciclaxe e por ultimo valorización enerxética e eliminación en vertedoiro.
-A separación en orixe da materia orgánica e a súa compostaxe, aplicando o principio de proximidade. Compostaxe caseira, comunitaria e plantas comarcais, por esta orde.
-Preparación para reutilización. Recuperación de roupa e electrodomésticos, por exemplo.
-Asistencia técnica para os concellos e maior conexión entre as diferentes administracións. A xestión dos residuos non é unha cuestión ideolóxica, senón que precisamos un organismo técnico que resolva a xestión dos residuos en base a unha mellora na prevención, reutilización e reciclaxe. É totalmente imposible aumentar a taxa de reciclaxe nunha planta (aínda que teña a mellor tecnoloxía do mundo) se non existe a recollida selectiva en orixe.
-Penalizar a concellos que non se preparen para a reciclaxe e premiar a aqueles que si o fagan. Por suposto, haberá que dotar as administracións locais con recursos humanos e materiais para acadar obxectivos.

Non vemos coherente que unha empresa cobre só por entrada de residuos nas súas instalacións, sen importar o tratamento. A máis residuos, máis cartos, este método non incentiva a reciclaxe nin a redución de residuos. Como consecuencia disto as instalacións están desbordadas e estanse utilizando canteiras abandonadas como vertedoiros encubertos. Ben o sabe a poboación de Touro, Miramontes ou Casalonga.


ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal