ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Éxito da cidadanía fronte ás pretensións de...

31-01-2020

Éxito da cidadanía fronte ás pretensións de empresa e Xunta de reabrir a mina de Touro

Texto do COMUNICADO CONXUNTO de colectivos e plataformas:

En primeiro lugar queremos salientar a unidade de todos os sectores afectados, gandeir@s e labreg@s, cooperativas agrarias, veciñ@s, confrarías de pescadores, agrupacións de produtores de mexillón, parquistas, mariscadoras, sindicatos, colectivos ecoloxistas e culturais e plataformas.            

Unidade e mobilización
que demostrou que é posible parar un proxecto destas características, a pesar da súa capacidade económica e da influencia política no goberno da Xunta de Galiza, que foi o gran valedor desta iniciativa e que amosou ao longo do procedemento unha interese que ía máis aló do estritamente administrativo, incluso defendendo o proxecto en reunións cos sectores afectados como se eles foran a empresa promotora.            
As eivas do proxecto mineiro presentado por Cobre San Rafael quedaron xa ben patentes desde o principio. Calquera cunha mínima capacidade lectora e de comprensión, e sobre todo interés, podía percibir que aquelas promesas de traballo e progreso para os concellos e a comarca traían envolta unha soga coa que esganarnos de levarse a cabo a explotación de cobre a ceo aberto.            

A valoración que facemos da decisión administrativa da DIA negativa é, ademais da evidente insustentabilidade do proxecto, a forte oposición social amosada ao longo de todo este tempo -cáseque dous anos e medio- que cristalizou nunha Praza do Obradoiro chea ata o tope de manifestantes que reclamaban parar os lixiviados contaminantes, a restauración da antiga mina e o rexeitamento do novo proxecto.  A proposta de Cobre San Rafael era inviable e insostible, pero foi o clamor popular o que provocou o desenlace.            

Declaran  negativa a DIA porque non é sustentábel o  proxecto
, pero a realidade é que toda a contorna da antiga mina leva máis de 30 anos nunha situación de ABSOLUTA INSUSTENTABILIDADE, contaminando os afluentes do río Ulla e zonas ZEC, coa pasividade da Xunta de Galiza, a pesar de recoñecer en documentos públicos que levan 30 anos sen autorización de vertido!!!              
Por tanto, para nós é unha decisión acertada, aínda que motivada, ao noso entender, polas recentes actuacións da fiscalía de medio ambiente e polos posibles custes electorais á beira dunhas autonómicas.            

Temos a firme decisión de seguer adiante
fiscalizando e esixindo a RESTAURACIÓN DA ANTIGA MINA E A SÚA CONTORNA.  O noso papel seguirá activo e vixiante para seguir moi de preto os pasos de todas as empresas do entramado mineiro de Touro e O Pino, nas que aínda hai moitas responsabilidades que depurar e moito dano medioambiental que restaurar e somos conscentes de que poden voltar a presentar o proxecto ao carón da nova lexislación que promove o actual governo da Xunta, que elimina garantías no procedimento ambiental e acurta prazos, dificultando a participación cidadán.            

Por todo isto valoramos que a nosa UNIDADE é fundamental para a saúde das nosas augas en Touro, O Pino, na contorna do río Ulla, na ría de Arousa e para garantir o progreso de miles de familias que viven do mar e do campo.
           

En Carril, a 31 de xaneiro de 2020

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal