ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Mina de Touro: Unha DIA negativa non fai...

29-01-2020

Mina de Touro: Unha DIA negativa non fai desaparecer as ameazas e impactos da explotación

O anuncio da Xunta de rexeitar ambientalmente a reapertura da mina é unha boa nova. Porén, non fai desaparecer as ameazas dunha explotación con concesión até o 2068 nin os impactos de máis de 30 anos de verteduras.

Ledicia e cautela

Dende ADEGA revisaremos polo miúdo os contidos da anunciada DIA (Declaración de Impacto Ambiental), manténdonos atentas aos movementos da administración e da promotora. Trátase, sen dúbida dunha importante vitoria, mais en absoluto significa a desaparición da ameaza. Velaí as razóns:

Un procedemento aínda non rematado: Por unha banda, a DIA é un trámite dentro dun procedemento que debe resolver o órgano substantivo: a D. X. de Enerxía e Minas. Falta pois que o departamento de Tahoces, considerando os informes preceitivos emitidos polos distintos departamentos, incluída a DIA, bote o peche á iniciativa mineira para podermos falar de que este proxecto está rematado.

Unha concesión mineira a longo prazo: Cómpre lembrar tamén  que a promotora do proxecto de reapertura, Cobre San Rafael S.L. dispón da concesión mineira até o ano 2068, polo que nada impide que presente outro/s proxecto/s en calquera momento dese periodo. O actual prezo do cobre e os futuros deste metal fan que os recursos do xacemento de Touro-O Pino sigan sendo moi gorentosos, polo queb resulta previsíbel que a concesionaria non vaia renunciar a súa expectativa de beneficio.

Unha lexislación cada vez máis permisiva: O proxecto de reapertura agora rexeitado por Medio Ambiente foi tramitado con anterioridade á aprobación da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galiza, máis coñecida como Lei de Deporedación. Esta norma introducía enormes facilidades para que as empresas mineiras desenvolveran os seus proxectos cos mínimos "atrancos" ambientais e sociais.
Nada impide á concesionaria presentar un novo proxecto de explotación que formalmente supere as eivas sinaladas por Medio Ambiente na súa anunciada DIA, e que xa se tramitará coas "vantaxes" da Lei de Depredación.
A Xunta leva anos deconstruindo a Lei da Minaría e erosionando a lexislación ambiental para favorecer este tipo de proxectos e dificultar a participación pública. A anunciada nova Lei de Avaliación Ambiental vai "simplificar e axilizar" o procedemento e "favorecer o desenvolvemento económico", o que pode significar aínda máis facilidades para os explotadores.

Incertidumes por resolver

O anunciado rexeitamento do actual proxecto tampouco contribúe a solucionar a problemática da contaminción mineira nunha ampla contorna arredor da antiga mina. Máis de 30 anos despois do peche en falso da explotación, persiste un enorme pasivo ambiental que se traduce na contaminación de terras e ríos polos lixiviados e metais pesados.
Esta problemática foi recentemente posta de manifesto pola Fiscalía Ambiental do TSXG ao trasladar dúas denuncias penais ao xulgado de Arzúa pola contaminación causada pola vella mina.
Dende ADEGA demandamos coñecer quen e como se vai solucionar a contaminación que segue a xerar a antiga explotación e, como lle indicamos ao Fiscal, cais son as responsabilidades das administracións que deixaron facer durante décadas?
A teor do expresado pola conselleira, o novo proxecto mineiro non só non ía solucionar as eivas do anterior como tentou vender a empresa, senón que mesmo ía levar os riscos e impactos ambientais. Para ADEGA quen ostenta actualmente a concesión mineira (Cobre San Rafael) logo de transmisións varias, non só herda os dereitos de explotación senón tamén os "pasivos" ambientais e, portanto, a responsabilidade de acometer a restauración completa da contorna degradada.

Unha vitoria da cidadanía

O anuncio dunha DIA negativa feito pola conselleira é unha boa nova. Enmárcase probabelmente nunha estratexia claramente electoralista por parte do PP, nun ano no que a convocatortia eleitoral vai condicionar todas as actuacións da Xunta.
Trátase con todo dunha incuestionábel vitoria do movemento cidadá, da que debemos parabenizarnos. As declaracións da conselleira Ángeles Vázquez vencellando a decisión a cuestións de índole exclusivamente técnica e desprezando a influencia das mobilizacións populares, son como no caso do paridoiro de Verín, a "proba do nove" de que a presión cidadá dá os seus froitos.

Dende ADEGA instamos a colectivos e plataformas contrarias á mina a manter a atención e a tensión. Hai aínda moitas frontes abertas e a problemática desta mina está lonxe de se resolver. Caer na desmobilización despois dunha batalla gañada pode facer perder a guerra.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal