ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Xa podes consultar e descarregar a edición nº 70...

28-11-2013

Xa podes consultar e descarregar a edición nº 70 de Cerna dende a web!

Contidos

Cerna 70

Estanse a dar cambios lexislativos no sector eléctrico, sustentados na recorrida crise, que poñen en serio risco a continuidade de proxectos noutro día amparados na necesidade da busca de fontes alternativas de xeración eléctrica. E aqueles que se están a promover baixo o paraugas das renovábeis, como as centrais de bombeo reversíbel, producen máis prexuízos que beneficios para o país, como indica ADEGA nun dos textos desta publicación.

Mesmo SOGAMA, que xestiona os residuos sólidos urbanos de máis do 80% dos municipios galegos, está a xustificar a suba do 34% das taxas do lixo na perda de beneficios provocada pola renovada normativa, obviando outros argumentos cada vez máis fundados sobre a insustentabilidade tácita da incineración. A falta de vontade política para establecer alternativas sostíbeis á queima de residuos é a principal causa de que o lixo de Galiza estea abocado a rematar nun vertedoiro ou queimado, segundo un detallado artigo que publicamos neste número.

Tamén semella ser falta de vontade política que non se promovan actuacións para atallar os problemas causados pola contaminación electromagnética, a contaminación por radon nas vivendas ou os impactos causados polas especies exóticas invasoras. O territorio galego é no Estado dos que presenta maior risco de afectación por gas radon.

No número 70 de CERNA, atoparemos algunhas das recomendación ou medidas que calquera de nós pode adoptar en vivendas e edificios que padecen este tipo de problema. Tamén a sociedade civil é a que se está encargando de dar resposta ás preguntas sobre a afectación das radiacións electromagnéticas dos aparellos e antenas de telefonía. As especies exóticas invasoras son a segunda causa de perda de biodiversidade no mundo e están a proliferar cada vez máis sen control, non só no medio terrestre, senón tamén no medio mariño. Son tres exemplos que poñen de manifesto a falta de vontade do actual goberno da Xunta, mais tamén as posibilidades para a actuación individual e colectiva autónoma da cidadanía.

CERNA 70 acolle ademais artigos sobre como se formaron as rías galegas ou como se constrúen “charcas con vida”, alén das súas habituais seccións de montes sostíbeis e flora e fauna.

Consulta e descarga

Sabes que agora, a Revista CERNA xa conta cunha edición dixital neste mesmo sitio web, ao que podes acceder na cabeceira do web principal de ADEGA, ou a través do apartado "Multimedia-Revista".

A Cerna dixital permíteche consultar a edición completa ou os artigos un por un. Anímate a mergullarte nesta páxina para descubrir toda as súas funcionalidades (buscador temático, consulta de números anteriores, como escribir para Cerna, como subscribirse, como anunciarse, etc.).

Podes acceder directamente ao seu sitio web a través de www.adega.gal/revistacerna.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal