ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Nace CERNA TV para a difusión audiovisual de...

27-01-2020

Nace CERNA TV para a difusión audiovisual de contidos ambientais

A asociación ecoloxista ADEGA vén de estrear CERNA TV, unha canle audiovisual para a difusión dixital de vídeos con contidos de carácter ambiental, ecoloxista ou de defensa do patrimonio natural e cultural de Galiza. Actualmente, CERNA TV sería a primeira canle audiovisual galega destinada estritamente á difusión pública de contidos ambientais e ecoloxistas do noso territorio.

Con esta iniciativa, ADEGA pretende ampliar e diversificar os seus medios de difusión pública, colaborar na divulgación de producións audiovisuais alleas de interese ambiental e producir contidos audiovisuais propios para as redes sociais e para un público máis familiarizado con este tipo de soportes. Esta canle viría así a complementar o abano de medios de comunicación dos que xa dispón ADEGA e que contan cunha ampla traxectoria, como son a Revista CERNA e Radio CERNA. Todos estes medios están accesibles no sitio web de ADEGA, http://adega.gal.

Esta iniciativa, enmarcada no Proxecto CERNA 2019, contou coa colaboración da Área de Cultura da Deputación da Coruña.

Seccións de CERNA TV

CERNA TV conta con diversos apartados ou seccións que se establecen en función do tipo de contidos, ademais dunha pantalla principal na que se reproducen as pezas audiovisuais máis destacadas ou actuais. En todos os apartados se recollerán tanto producións propias como alleas que encadren na tipoloxía de contidos que se define a continuación:

-Conservas co ecoloxismo: Este é un apartado de entrevistas realizadas a persoeiros destacados do mundo ecoloxista e no ámbito da defensa ambiental. Pretende ser un apartado recompilatorio de conversas con personalidades que pertenceron ou pertencen ao sector ambientalista de Galiza. Actualmente, xa conta con entrevistas ao expresidente de ADEGA, Ramón Varela Díaz, e ao presidente de APDR, Antón Masa.

-Eventos: Este espazo está destinado a recoller a gravación audiovisual de eventos relacionados co activismo ecoloxista ou coa divulgación e formación en medio ambiente, como poden ser xornadas, charlas, encontros, etc.

-Video-denuncia: Neste apartado poderanse volcar aqueles vídeos que traten de denunciar unha agresión ambiental no territorio galego ou que representen actos reivindicativos e de denuncia, como unha marcha, mobilización, etc.

-Documental: Este espazo ten previsto acoller vídeos de produción interna e allea que estean feitos en forma de documentario, ben de carácter histórico, ben explicativo ou tutorial, reivindicativo, etc.

Vídeo-Estrea: Conversa con Ramón Varela Díaz sobre contaminación, industrias electrointensivas, o peche das térmicas e o modelo forestal galego

CERNA TV estréase coa primeira entrega da sección “Conversas co Ecoloxismo” que protagoniza o doutor en Ciencias Biolóxicas, experto en contaminación atmosférica e expresidente de ADEGA, Ramón Varela Díaz. O autor do libro “Contaminación atmosférica de Galiza” analiza na primeira entrevista de CERNA TV cal foi a evolución das emisións contaminantes na última década, a crise de Alcoa e outras industrias electrointensivas asentadas en Galiza (min 00:06:53) ou a forma na que as administracións públicas están a abordar a transición industrial cara a un futuro descarbonizado que representa o peche das térmicas galegas (00:14:48). Varela Díaz tamén achega a súa visión do que sería unha transición ecolóxica xusta (00:20:55) e sobre que debería facer a sociedade fronte a emerxencia climática (00:29:33). O último bloque da conversa con Ramón Varela aborda a cuestión forestal, a progresión do monocultivo de eucalipto e piñeiro e os lumes forestais (00:34:52).

CERNA TV emite esta entrevista de forma íntegra ou separada en distintos bloques temáticos: http://adega.gal/videoteca.php?sec=224&cat=conversas

Así mesmo, nas outras seccións de contidos xa están dispoñibles para o seu visionado pezas audiovisuais relativas, por exemplo, ao debate público celebrado en Lugo arredor  do traslado de autobuses do centro da cidade ou a campaña de petición de sinaturas para salvar as Covas de Vale ou a Serra do Iribio.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal