ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA Vigo súmase ao manifesto a prol da defensa...

14-01-2020

ADEGA Vigo súmase ao manifesto a prol da defensa natural do areal da Calzoa

En maio do 2018 o concello de Vigo decidiu catalogar o areal da Calzoa, así como contigua praia da Foz, como praia canina da cidade sen ter en conta o risco á biodiversidade deste espazo de gran valor ecolóxico.

Esta decisión motivou á elaboración dun manifesto que se vén de presentar nos últimos días e que foi asinado por máis de 40 colectivos, entre eles ADEGA.

A Calzoa, enclave natural único na cidade

A Calzoa é un areal situado na desembocadura do río Lagares, o maior curso fluvial do municipio de Vigo, formando parte do ecosistema da marisma da Xunqueira do Lagares, estando incluída na área de influencia da zona ZEPA Rías Baixas de Galicia, pertencente á Rede Natura 2000. É un espazo elixido por moitas aves mariñas e acuáticas en migración e exemplares invernantes, facendo uso dela como zona de alimentación, para despois repousar nas preamares ou pasar a noite no interior da Xunqueira do Lagares, a zona húmida de maior importancia do concello.

É por este motivo que o manifesto sinala que “non ten sentido a protección da Xunqueira sen a protección da Calzoa”.  Moitas destas aves, en especial as limícolas, precisan esta zona para alimentarse e poder continuar o seu camiño migratorio dende as zonas de cría (no ártico) ata as de invernada (en ocasións tan ao sur como Sudáfrica). o  que confire un gran valor ambiental a este areal vigués.

A biodiversidade da praia da Calzoa

Neste areal foron observadas especies como a gaivota de Ross ou gaivota rosada (Rhodostethia rosea) incluída no catálogo de aves raras de España (foi rexistrada unicamente en dúas ocasións no estado Español con anterioridade) ou un exemplar de gaivota groenlandesa (Larus glaucoides).  

Amais destaca a presenza doutras especies incluídas no Anexo I da Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo relativa á conservación das aves silvestres, como o pilro curlibico da subespecie schinzii (Calidris alpina schinzii), a garzota común (Egretta garzetta), o carrán cristado (Thalasseus sandvicensis), o carrán común (Sterna hirundo) ou a gaivota cabecinegra (Larus melanocephalus) entre outras.

Asemade, debemos destacar a presenza de lontra (Lutra lutra), especie estritamente protexida no Convenio de Berna e incluída no Anexo II da Directiva Hábitats ou o mangón (Arenicola marina), un anélido poliquetos que conta cunha das súas poucas poboacións viguesas nesta praia.

Por último, sinalar que na praia da Calzoa aparece o Hábitat Natural de Interese Comunitaria “Dunas móbiles do litoral con Ammophila arenaria” (dunas brancas) catalogado co código 2120 na Directiva 92/43/CEE que o clasifica como un hábitat de interese comunitario.

Unha lexislación que cómpre respectar

A citada Directiva europea 2009/147/CE, relativa á Conservación das Aves Silvestres, coma a Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, establecen a necesidade de dotar de protección ás áreas de reprodución, alimentación, muda, invernada e zonas de descanso de aves migratorias, con especial fincapé nas zonas húmidas. Lexislación que na praia da Calzoa non se está a ter en conta.

Consideramos que desde o concello de Vigo non se está a respectar a lexislación vixente. Pensamos que desde a alcaldía débese avaliar un novo asentamento para a praia canina de Vigo noutros areais que presenten menos impacto sobre os ecosistemas. No caso do areal de calzoa, a decisión de habilitar como praia canina está a por en grave perigo á fauna silvestre presente tal como xa se constatou polo declive de especies de aves  dos  últimos censos e observacións realizados.

Conclusións

As entidades e persoas asinantes deste manifesto, queremos pór en valor a praia da Calzoa como enclave único no noso territorio e reclamar a súa protección e preservación neste momento no que nos atopamos fronte a unha preocupante perda da biodiversidade e unha progresiva deterioración do litoral.

Comprendemos que son necesarios espazos de esparexemento para mascotas, pero outras opcións con menos impacto son posibles, e así foron propostas, aínda que non foron tidas en conta polos organismos competentes.

Por todo o exposto, reclamamos de forma perentoria tomar medidas por parte das administracións para a preservación e protección dun enclave como este e apelamos á conciencia social para defender un espazo natural que é patrimonio común.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal