ADEGA

Inicio / Novas / Todas / A Fiscalía de Medio Ambiente do TSXG traslada ao...

10-01-2020

A Fiscalía de Medio Ambiente do TSXG traslada ao xulgado dúas denuncias contra a mina de Touro-O Pino

Nunha recente entrevista co Fiscal delegado de Medio Ambiente e Incendios Álvaro García Ortiz, este confirmou que as informacións achegadas polos colectivos opostos ao proxecto mineiro de Touro e O Pino, xa deron lugar a dúas denuncias contra EXPLOTACIONES GALLEGAS SL e TRATAMIENTOS ECOLÓGICOS DEL NOROESTE (TEN) SL.

A primeira denuncia presentada pola Fiscalía no xulgado de Arzúa fai referenza ás reiteradas verteduras da balsa de Bama ao río Brandelos, afluente do Ulla, e ao depósito de materiais contaminantes provintes desta antiga corta mineira. A segunda denuncia tipifica como presuntos delictos contra o medio ambiente as verteduras contaminantes da balsa de Angumil ao dominio público.

Alén disto, o Fiscal delegado de Medio Ambiente informounos tamén de que ten abertas outras dúas dilixencias de investigación penal relacionadas coa contaminación provocada pola mina de Touro-O Pino: O ministerio público está a investigar o tratamento das aguas provintes da antiga corta de Arinteiro e a aplicación de tecnosolos nas cabeceiras dos ríos; así como o proxecto de drenaxe temporal da mina para verter as augas dos regatos contaminados balsa da antiga corta de Vieiro.

A este respeito, a Fiscalía considerou ben fundamentadas as numerosas denuncias presentadas polos colectivos opostos á reapertura da mina, e valorou que as novas explotacións proxectadas “non axudarán a resolver o problema da contaminación da zona”. Sobre os pasivos ambientais da antiga mina, para o Fiscal está moi claro que a anterior explotación carecía dun plano de restauración serio, e que quen desenvolva un novo proxecto deberá encargarse de que o espazo sexa convintemente recuperado.

Responsabilidades penais que poden ir a máis coa reapertura da mina

Para ADEGA e a PDRA resulta evidente que a contaminación provocada polos labores mineiros en Touro e O Pino deu lugar a responsabilidades penais que deben ser depuradas pola Xustiza. Estas responsabilidades atinxen non só as empresas que ostentan a titularidade da explotación e operan na zona, senón tamén ás administracións que coñecendo a grave contaminación provocada pola antiga mina fixeron a vista gorda durante anos.

Concordamos plenamente coas apreciacións da Fiscalía: o novo proxecto non vai axudar a resolver a contaminación, ben ao contrario: as numerosas eivas e carencias postas de manifesto ao longo dunha interminábel tramitación administrativa supoñen un risco certo non só para a comarca senón tamén para a bacía do Ulla e a ría de Arousa.

Dende ADEGA e a PDRA esiximos da Xunta que non demore máis a decisión de desbotar definitivamente o proxecto, obrigando aos titulares da concesión a restaurar por completo os terreos degradados e solucionar a contaminación das augas. O contrario, isto é, autorizar unha nova explotación como solución para os pasivos da anterior, suporía unha perigosa “fuxida cara adiante” que aumentará o territorio e a poboación afectada, e sen dúbida dará lugar a novas responsabilidades penais.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal