ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Caso Pescanova: xuízo a un modelo corrupto e...

19-12-2019

Caso Pescanova: xuízo a un modelo corrupto e depredador

Na Audiencia Nacional española estase vendo o xuízo contra a cúpula da antiga Pescanova. Os dirixentes imputados non son os unicos responsábeis do buraco milmillonario, a corrupción e o branqueo.

Á marxe dos espúreos manexos empresariais polos que está procesado o ex-presidente da antiga Pescanova Manuel Fernández de Sousa, (falseamento de contas, de información económica e financera, estafa, alzamento de bens, branqueo de capitais, insolvencia puníbel, falsidade en documento mercantil, uso de información relevante e atrancos á actuación do organismo supervisor), este xuízo atinxe tamén ao modelo de acuicultura industrial que sempre defendeu e apadriñou o PP na Xunta.

Cultivar peixes en terra, precisamente nun país que conta cos ecosistemas mariños máis fecundos do mundo, non deixa de ser un absurdo. En troques de coidar dos recursos autóctonos e dos ecosistemas litorais que sosteñen non só a enorme produción pesqueira e marisqueira de Galiza, senón tamén milleiros de empregos, a Xunta procurou por todos os medios deconstruir o sector do mar para entregarllo ás multinacionais acuícolas.

O caso do Cabo Touriñán, espazo cobizado por Pescanova para instalar unha macrogranxa de peixes planos de 350.000 m2, resulta paradigmático: un espazo natural protexido e con valiosos hábitats que se pretendeu converter en chan barato (1€/m2) para cultivar peixes dopados en tanques de cemento. A xogada saíulle mal a Pescanova, que logo das denuncias ecoloxistas e sentenzas xudiciais desfavorábeis, marchou a Mira (Portugal) onde o negocio rematou nun enorme fracaso.
Polo medio, millóns de € en subvencións públicas que polo que se ve remataron en paraísos fiscais...

A responsabilidade de Feijóo: leis á medida e subvencións a eito

A comenencia da Xunta de Feijóo co lobby acuícola foi total. Velaí algúns dos movementos lexislativos feitos ad hoc para eliminar molestos atrancos ambientais a negocios como os de Pescanova:

-En abril de 2010 o PP modificou ad hoc a Lei do Solo 9/2002 para facilitar as instalacións das macropiscifatorías en solo rústico de especial protección, mesmo sobre espazos protexidos.
-Tamén en 2010 o PP eliminou a necesidade de que os planos sectoriais xa en marcha (caso do acuícola ou o eólico) tiveran que adatarse ao Plano do Litoral (POL).
-En decembro 2011 o PP, através da “lei de acompañamento” dos orzamentos de 2012 suprimíu a tramitación ambiental obrigatoria dos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal que afectaran a un só concello, caso da planta de Touriñán.
-Tamén en 2011 o Consello da Xunta declarou a acuicultura como de "interese público de primeira orde" para permitir ás empresas acuícolas ocupar espazos da Rede Natura con hábitats prioritarios (Touriñán, Rinlo...), e deste xeito "pontear" directivas europeas.
-En marzo de 2012, Medio Ambiente e Mar aproban una Orde conxunta pola que se consideran aptas para a acuicultura as zonas litorais situadas nos ámbitos de “mellora ambiental e paisaxística” do POL así como as Reservas da Biosfera,
-En febreiro de 2013 a Xunta do PP aproba o Plano Director de Acuicultura Litoral (PDAL). Toda a costa é susceptíbel de albergar piscifatorías, non hai zonas de exclusión. A planificación resposta unicamente ás necesidades da industria e non ás características e valores do medio receptor.
-E en 2014 o PP aproba o Plano Director da RN2000 a medida dos intereses acuícolas (e eólicos, mineiros, etc.). O Plano Director abusa da discrecionalidade e das excepcións para permitir construir piscifatorías nas zonas de máxima protección ambiental.
-Finalmente en 2017 coa "Lei de Depredación" a Xunta facilitou a tramitación dos proxectos industriais considerados "estratéxicos", caso dos acuícolas, concedéndolles máis prebendas, subvencións e adxudicacións directas de solo.

É por isto que na Audiencia Nacional non só estase a xulgar o saqueo do patrimonio dunha empresa: xúlgase tamén in absentia ás administracións que permitiron e alentaron un modelo de negocio corrupto baseado no saqueo do ambiente e dos recursos públicos. O tribunal non fai máis que dar a razón a ADEGA cando advertía que este modelo de acuicultura non xeraba riqueza nin emprego e só procuraba especular cos recursos públicos para enriquecer a uns poucos.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal