ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Radio Cerna comeza a difusión semanal dun Dosier...

03-12-2019

Radio Cerna comeza a difusión semanal dun Dosier dixital con información ambiental recollida en prensa

Coa idea de ampliar e mellorar o PROXECTO CERNA de divulgación e de comunicación ambiental da organización ecoloxista ADEGA, no que se integran ata o momento a revista CERNA e Radio CERNA, e de facilitar á cidadanía galega o acceso á información ambiental, lanzamos un novo instrumento de divulgación de contidos relacionados co medio ambiente galego desde canle dixital de Radio CERNA (http://adega.gal/radiocerna). Trátase dun dosier de actualidade ambiental, de consulta aberta, que recolle semanalmente toda a información rexistrada nos medios de comunicación dixitais e de ámbito galego que ten a ver co medio ambiente e a ecoloxía de Galiza.

O dosier de actualidade ambiental atópase incorporado na páxina principal do sitio web de Radio Cerna, na sección titulada “O ambiente galego nos medios”. Nesta sección de actualidade ambiental iranse integrando diariamente as novas de carácter ou de contido ambiental segundo se vaian publicando nos diferentes medios dixitais. No interior da sección, as novas recollidas dos medios dixitais aparecen catalogadas en 11 temáticas distintas que intentan acoller a ampla variedade de contidos medioambientais que publican os medios galegos, e que son as seguintes: ADEGA e Ecoloxismo, Agroecoloxía e Solo, Auga e Ríos, Biodiversidade e Conservación, Cultura e Patrimonio, Enerxía e Clima, Fauna doméstica e silvestre, Mar e Litoral, Montes e Forestal, Residuos e Contaminación e Urbanismo e Mobilidade.

Esta categorización permite aos usuarios/as desta web acceder a un rexistro histórico das novas ambientais publicadas nos medios dixitais galegos por temática. Así mesmo, tamén poderán dispoñer do rexistro semanal da actualidade ambiental galega en formato .pdf.  Neste rexistro, tamén se mostran as referencias de data, hora e fonte orixinal de publicación, polo que tamén supón un instrumento de interese para os propios medios de comunicación que queiran difundir os seus contidos a través da web de Radio CERNA e para aqueles sectores especializados neste eido que procuren a recompilación diaria de novas ambientais acontecidas en territorio galego.

Desde ADEGA consideramos que este dosier de prensa pode acabar xerando un interesante arquivo ou repositorio especializado de noticias sobre o ecoloxismo e o medio ambiente de Galiza, a través do cal tamén se poden determinar certas tendencias informativas en canto a contidos e temáticas abordadas no ámbito do medio ambiente galego por parte dos medios dixitais. Por iso, a partir deste repositorio, ADEGA tamén ten previsto elaborar a finais de ano un CERNA-Barómetro ou informe de tendencias informativas de carácter ambiental e de ámbito galego.

Esta iniciativa está apoiada pola Área de Cultura da Deputación da Coruña.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal