Inicio / Novas / Educación ambiental / Únete á VIII Limpeza simultánea de praias de ADEGA
07-10-2019
ADEGA volve organizar unha nova xeira de limpeza simultánea de praias na costa galega para os vindeiros días 18 e 19 de outubro. O obxectivo desta actividade, que xa acada a súa oitava edición, é concienciar e sensibilizar a cidadanía sobre a problemática do lixo mariño, que afecta a todos os mares e océanos do planeta, e tamén aos galegos. Ademais de reflectir a falta dunha xestión adecuada dos residuos e dun modelo de consumo máis sostible, a problemática do lixo mariño pon en grave perigo a supervivencia dos seres vivos que habitan os océanos. A nivel mundial, cada ano 10 millóns de toneladas de lixo acaban no mar.
A limpeza simultánea de praias que organiza ADEGA está dirixida a todo tipo de públicos, centros de ensino, asociacións e entidades que queiran formar un grupo de voluntarios e voluntarias que acudan á súa praia máis próxima para retirar manualmente os residuos que nela fiquen depositados. No entanto, o venres 18 de outubro, a actividade será desenvolta sobre todo polos centros de ensino, e o sábado 19 polo resto de entidades e persoas participantes.
Para o correcto desenvolvemento da limpeza, ADEGA fará entrega a cada persoa participante do Protocolo de limpeza de praias, no que se explica de xeito sinxelo cales son os pasos a seguir antes, durante e despois da execución dunha limpeza ecolóxica na que non se xeren impactos innecesarios. Ademais da entrega dos protocolos, proporcionarase información sobre outros aspectos esenciais para os coidados dos ecosistemas litorais.
O pasado ano 2018 participaron na Limpeza simultánea de praias organizada por ADEGA unhas 500 persoas, que conseguiron reunir centros de ensino, entidades ecoloxistas, asociacións culturais, escolas de surf e de mergullo, que contaron ademais coa colaboración de varios concellos. Grazas a esta actuación simultáneas retiráronse das praias galegas máis de 4000 quilos de residuos, sendo o plástico o tipo de refugallo máis abundante.
Polo de agora, xa se sumaron á VIII Limpeza simultánea de praias de ADEGA 7 centros de ensino, 8 entidades ecoloxistas e deportivas e 8 concellos da costa galega.
Se queres participar como particular ou formando un grupo de voluntariado a través do teu centro de ensino, concello ou entidade, podes poñerte en contacto con ADEGA en: adega@adega.gal e o teléfono 981570099. Para as entidades, remata o prazo de inscrición o vindeiro luns, 14 de outubro.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal