ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / Nova apertura ilegal da lagoa da Frouxeira

23-11-2013

Nova apertura ilegal da lagoa da Frouxeira

Ante a crítica e absurda situación xerada pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza en 2009 polo sangrado do humidal da Frouxeira, o Parlamento de Galiza, no acordo subscrito no ano 2010, instaba á Xunta a non autorizar de maneira preventiva novas aperturas da lagoa sen aprobar antes un Plano de conservación para o espazo natural.

Canle de desaugue

Nas súas comparecencias, os altos cargos da Dirección Xeral de Conservación da Natureza recoñeceron que o sangrado e baleirado da lagoa realizábase por culpa dun paseo marítimo que discorre sobre o bordo da lagoa. O nefasto deseño deste paseo, a súa pésima construción e o seu nulo mantemento é, por tanto, a causa que motiva á Xunta á apertura e desecamento reiterado deste humidal de importancia internacional, saltándose a normativa ambiental e o acordo parlamentar.

Nestes últimos tres anos, a Xunta de Galiza autorizou e executou numerosas aperturas no humidal, incumprindo o acordo do Parlamento de Galiza. A Dirección Xeral actuou e actúa, ao marxe da normativa legal e ademais non foi aprobado ningún Plan de Conservación, nin tan siquera se comunicou o seu inicio, tal e como establece a Lei 9/2001 de Conservación da Natureza.

No mes de novembro deste ano 2013, a Xunta de Galiza informaba que técnicos do Servizo Provincial de Conservación da Natureza da Coruña, incrementaban o seguimento do humidal, coa intención de efectuar unha nova apertura. Grazas á participación de varios membros de ADEGA púidose comprobar que a devandita "intensificación" e "seguimento" quedaba reducida a un paripé consistente nunha curta visita dun vixiante do Servizo de Conservación da Natureza, que se paseaba coas mans no peto pola praia, facendo caso omiso á presenza de cans perseguindo as aves e cabalos nas dunas, prohibidos no humidal.

O paseo complementábase cunha chafalleira e errática medida do nivel da auga, na que o vixiante, trataba de utilizar cunha man unha cinta métrica de "todo a cen", mentres que coa outra intentaba inmortalizar esta chapuza coa cámara dun teléfono móbil antediluviano, sen darse conta do pitorreo que xeraba a súa actuación circense entre os visitantes do espazo protexido.

Claro está que os vixiantes non teñen a culpa, xa que a responsabilidade desta acción chafalleira recae en quen deseñou e autorizou este protocolo absurdo de seguimento, o Xefe de Servizo Provincial de Conservación da Natureza, o Subdirector de Espazos Naturais e a Directora Xeral de Conservación da Natureza. Seguimento que nada ten que ver cos criterios e recomendacións que deben empregarse nun humidal Ramsar.

O paripé continuou durante a chapuceira obra de desaugadoiro e baleirado da lagoa. Se en xaneiro do 2012, os responsables da Xunta optaron por un dispositivo semellante ao desembarco de Normandía, atacando con 5 buldózers por todas as frontes a barra litoral e provocando a súa ruptura; agora en novembro de 2013, os chapuceiros, dirixidos por un señor con abrigo verde ata os zapatos e casco branco, procedían primeiro a conectar artificialmente a lingua natural da lagoa co mar para posteriormente optar por crear no bordo da barreira unha canle artificial que alterou toda a súa estrutura e que quedou finalmente sen auga.

Vixiante facendo unha medida chapuzeira

E por suposto, como en anos anteriores, a Consellería de Medio Ambiente, ademais de sangrar a lagoa, deixa aparcado durante días o buldózer sobre as dunas protexidas deste espazo natural. Amosando, na súa liña, o seu nulo respecto pola conservacion da natureza e polo cumprimento da normativa ambiental.

Nos próximos días veremos en que remata esta chapuza, pero en ningún caso podemos considerar que esteamos ante unha xestión racional, científica e técnica dun humidal con 6 figuras de protección. A Consellería de Medio Ambiente prosigue, unha vez máis, con actuacións irresponsables, que cada ano consumen presupostos públicos, mentres que os problemas reais, a adecuación ou supresión do paseo marítimo, quedan sen abordar, poñendo en risco grave este humidal.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal