ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Estratexia Galega de Economía Circular 2019-2030:...

26-09-2019

Estratexia Galega de Economía Circular 2019-2030: moito de estratexia, pouco de circular

A Xunta sacou a exposición pública o pasado agosto (sen dúbida para facilitar a participación pública) a súa Estratexia Galega de Economía Circular. EGEC, 2019-2030. O documento parte dunha análise distorsionada da realidade galega, particularmente en áreas tan importantes como os residuos, e contempla a Economía Circular máis como outro xeito de crecemento económico que como un camiño cara un novo modelo produtivo e social, necesario para a supervivencia.

Erros de diagnose e propostas ineficientes

A EGEC realiza en primeiro lugar unha diagnose da realidade socioeconómica galega por eixos prioritarios de actuación, identifica as liñas programáticas e establece as propostas concretas para avanzar en cada liña.

Porén, en aspectos chaves para camiñarmos cara unha verdadeira Economía Circular, quer a Educación e a Sensibilización social, ou a Xestión dos Refugallos, a EGEC realiza unha análise interesadamente distorsionada da que derivan propostas ineficientes e desenfocadas.

No referente ao eixo prioritario da EDUCACIÓN E A SENSIBILIZACIÓN, por exemplo, chama a atención que unha cuestión tan importante como a loita contra o cambio climático queda fóra desta EGEC. Tal vez por contar xa cun documento propìo igual de desenfocado, mais non é excusa citar a "descarbonización da sociedade galega" como unha liña programática, para logo despois non desenvolvela. Semella que a Xunta, malia a contar coas achegas de diversos grupos de investigación das universidades galegas, particularmente neste apartado fixera un corta-apega que evidencia interesadas omisións.

Polo que atinxe á XESTIÓN DOS RESIDUOS, cuestión fulcral da economía circular, a Estratexia falla tanto na diagnose como nos obxectivos así como nalgunhas propostas de actuación.
Na diagnose faise unha louvanza do siistema SOGAMA, modelo afastado completamente da economía circular ao basearse na incineración de residuos e nunha economía de escala que favorece a xeración de máis residuos en contra dos obxectivos de minimización. Os resultados do modelo SOGAMA, mesmo en comparación cos doutros existentes en Galiza como Nostián e Barbanza, son moi inferiores en recollida separada, reciclaxe e compostaxe. O dito diágnóstico carece da necesaria análise comparativa dos resultados nos tres ámbitos de xestión dos refugallos.
A EGEC non avalía o fracaso de SOGAMA, cunhas cifras de reciclaxe estancadas entre 2010 e 2018 ou mesmo baixando (do 14% ao 12%). Cun 49% de incineración en 2017 (perto de 600.000 t/ano), acadar os obxectivos das directivas comunitarias sobre economía circular é claramente imposíbel se non se reduce a capacidade incineradora de SOGAMA, aspecto que non recolle ningún punto da Estratexia.
Resulta curioso que estando a incineración exclúída do pacote de Directivas sobre economía circular, a EGEC pretenda avalar SOGAMA ao non identificar nin dar pautas para detraer residuos hoxe destinados á incineración. Tampouco considera a aplicación de instrumentos económicos como os impostos ao vertido e incineración de residuos, alternativa que en función do principio de quen contamina paga, debería constituír unha das principais fontes o desenvolvemento da EGEC.

E polo que atinxe ás propostas sobre residuos, a Xunta afirma na EGEC que: “Para romper modelo tradicional de usar e tirar son imprescindíbeis os instrumentos económicos aplicados á xestión dos residuos. Desde a aplicación do principio de que contamina paga e quen esgota recursos paga, ao uso dos gravames a todos os materiais que acaban en destinos que non son os da economía circular, se ben é preciso facelo en coherencia co resto do Estado.”
En comparación con outras autonomías, Galiza segue paralizada e ancorada nunha xestión ineficaz dominada pola incineración e o vertido. A coherencia co resto do Estado determínaa a lexislación básica (estatal e europea) que fixa o marco no que eses instrumentos -que a EGEC tamén esquece- poden ser adoptados. Máis ben semella que a Xunta entende por coherencia o de ir a cola do Estado español en prevención, en reutilización e en reciclaxe, como os datos actuais da propia EGEC poñen de manifesto.

En definitiva, a Estatexia Galega de Economía Circular é un documento que funciona moi ben como estratexia, coa que a Xunta quere seguir xustificando modelos insustentábeis como SOGAMA. Porén, de circular ten ben pouco, como non sexa para manter a Galiza no círculo pernicioso do crecemento sen fin.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal