ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Manifestación "Por un Monte Galego con Futuro", o...

24-09-2019

Manifestación "Por un Monte Galego con Futuro", o vindeiro 20 de outubro en Compostela

Unha vintena de entidades, entre elas ADEGA, que conforman o movemento "Por un monte galego con futuro” anunciamos esta mañá, en rolda de prensa, a convocatoria dunha manifestación nacional para o día 20 de outubro, con saída ás 12:00 horas da Alameda compostelá. A plataforma fai o chamamento á mobilización coincidindo coa convocatoria, a nivel mundial, de todo tipo de accións contra o cambio climático.

Un cambio climático contra o que a plataforma considera que hai que loitar, o que “en Galiza pasa por defender, entre outras cuestións, outra xestión do monte acorde coa actual emerxencia climática, o quencemento global e a perda de biodiversidade”.

Neste sentido, as organizacións que a conformamos salientamos que no noso país a situación é especialmente grave porque o 94% do noso territorio é superficie rural e “hoxe está baixo un risco potencial, visto cal é o deseño que para o monte galego ten o PP ou o goberno español do PSOE a través do Ministerio de Transición Enerxética”. Unha visión de “gran eucaliptal” que é precisamente o contrario a favorecer a “biodiversidade nun medio rural vivo”.

Ante isto, a plataforma –que lanzou esta campaña xa no mes de xullo- considera que no actual contexto de mudanza climática o papel dos ecosistemas forestais vai resultar chave para mitigar os efectos do quecemento global, como reservas de carbono mais tamén de ecosistemas que garantan o mantemento desa biodversidade, a regulación do ciclo da auga, a fertilidade do solo, a capacidade de purificación da auga e do ar ou a loita contra a erosión entre outros.

Por iso cuestionamos, tanto o borrador da Estratexia Galega contra o Cambio Climático, como o Plan Forestal que tramita a Xunta de Galiza. Nun caso, porque prioriza fixar máis carbono en máis madeira o máis rápido posíbel, o que potenciará o cultivo do eucalipto e doutras especies de crecemento rápido, e noutro porque promove a ocupación de 35.000 ha máis de eucalipto sobre un exceso, que xa hai, de 300.000 ha con respecto á planificación anterior.

Neste sentido, queremos manifestar o noso rexeitamento a este modelo de “capitalismo voraz” que intensifica, en Galiza, un “espolio de corte colonial” dos noso recursos e materias primas como o que promove, ademais, a chamada Lei de Depredación “sen importarlle o dano social e medioambiental que produce”. Por iso defendemos outro modelo que favoreza que nese 94% do noso territorio se poida crear “riqueza social, emprego e industria” baixo parámetros de sustentabilidade e respecto ao medio ambiente.

Anulación da proposta de revisión do Plan Forestal de Galiza

Con esta mobilización a plataforma "Por un monte galego con futuro" demandamos das administracións galega e estatal que aposten por unha planificación para o monte galego que teña en conta o actual contexto de perda acelerada de biodiversidade porque afonda nos efectos do cambio climático, incrementando ao mesmo tempo o número, extensión e virulencia dos incendios forestais.

Reclamamos tamén a anulación da actual proposta de revisión do Plan Forestal de Galiza e a elaboración dun novo documento que parta de información actualizada sobre a situación do monte galego, contando cunha participación equilibrada de todos os axentes sociais e que siga, como principios reitores, a diversidade de hábitats e especies, a multifuncionalidade de uso, o fomento do arborado autóctono e unha moratoria do eucalipto, o mantemento dos servizos ecosistémicos, a non privatización dos montes veciñais, e a creación de emprego e a sustentabilidade económica e social.

En todo caso consideramos a xornada mundial de mobilización prevista para o día 27 de setembro como antesala da convocada pola plataforma “para denunciar os retos que temos na sociedade galega para facer fronte ao cambio climático” e, ao tempo, para “censurar a fraude de moitos que se apuntan ao cambio climático cando son causantes, precisamente, destas políticas económicas, sociais e forestais que en Galiza o están alimentando de cara ao futuro”.

Entidades que conforman "Por un monte galego con futuro"

Amarelante S. Coop. Galega, Amigos da Terra, A Rente do Chan-PLADEVER, Asociación Ambiental Petón do Lobo, Asociación Amigos e Amigas dos Bosques "O Ouriol do Anllóns", Asociación Cultural Bidueiro, Asociación Galega de Apicultura (AGA), Asociación Galega Cova Crea, Asociación Frouma, Asociación Montes da Galiza – Montegal, Asociación Para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación Pola Defensa da Ría (APDR), Colectivo Agrocuir da Ulloa, Confederación Intersindical Galega (CIG), Comando Ghichas do Valmiñor, Federación Rural Galega (FRUGA), KunterbuntDesign, Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), Salvemos as Fragas de Catasós, Sindicato Labrego Galego (SLG), Verdegaia.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal