ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Urximos ao TSXG que pare as obras do parque...

20-09-2019

Urximos ao TSXG que pare as obras do parque eólico do Iribio do Courel para evitar danos irrreparrables

A plataforma  Salvemos O Iribio, que aglutina a máis dunha vintena de entidades e plataformas ecoloxistas, culturais, sindicais, veciñais e políticas que se opoñen á instalación dun parque eólico na serra máis emblemática do Courel (Serra do Iribio), presentará ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) e a través da organización ecoloxista ADEGA, un recurso contencioso-administrativo contra a denegación da suspensión da Resolución do pasado 5 de febreiro da Dirección Xeral de Enerxía e Minas pola que se recoñece como “non substancial” a modificación do parque eólico do Iribio, emprazado nos concellos de Samos e Triacastela e promovido pola empresa Fergo Galicia Vento S.L. Ao mesmo tempo, Salvemos O Iribio presenta informes técnicos de carácter ambiental e patrimonial que fundamentan a existencia de circunstancias de especial urxencia que motivan a adopción de medidas cautelarísimas ou a paralización inmediata e provisional das obras en execución do parque eólico.

Actualmente as obras do parque eólico, iniciadas sen ningún tipo de autorización o pasado mes de maio, e que foron paralizadas cautelarmente tras as denuncias dos ecoloxistas, proseguen o seu curso, tendo exercido xa graves impactos sobre o territorio afectado de difícil reparación nun espazo natural protexido como ZEC e ZEPVN Ancares-Courel e Rede Natura, zona de campeo do Oso Pardo, especie en perigo de extinción, e área recoñecida como Ben de Interese Cultural (BIC) Camiño de Santiago.

Ademais da alteración de grandes superficies de hábitats naturais protexidos, o parque eólico Serra do Iribio podería supoñer, non só un impresionante impacto paisaxístico, senón tamén a desaparición irreversible de poboacións locais de certas especies de aves (aguia real, tartaraña cincenta, gatafornela, lagarteiro das torres e a gralla de pico vermello) e de quirópteros (especies de morcegos) por colisión coas pás do parque; ademais de alterar irreparablemente as condicións de refuxio e campeo do Oso Pardo, especie que se está intentando recuperar nas montañas de Ancares e Courel.

A nivel patrimonial, as obras xa destruíron parcialmente o Camiño Real que antigamente unía Galiza coa Meseta, así como a mámoa do Fial, xa practicamente desaparecida. Paralelamente, estase poñendo en risco a preservación dun innumerable legado material e inmaterial que acolle esta serra (mámoas, foxos de lobos, postos de ventas, o portádego, antigos neveiros, alvarizas, etc.).

Por tanto, de proseguir o curso das obras sen terse realizado previamente unha avaliación adecuada do seu potencial impacto, estas poderían acabar con gran parte dos valores naturais e culturais polos cales a área afectada está recoñecida como Rede Natura e como BIC Camiño de Santiago.

Aplicación da normativa "á carta"

Tan só dous días despois de que ADEGA e a SGO presentaran, en nome de Salvemos O Iribio, recurso de alzada contra o recoñecemento da modificación do proxecto eólico do Iribio como “non substancial”, o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, ordenou que se denegase a petición da suspensión deste acto administrativo, o que implicaría de forma tácita o seu rexeitamento a paralizar as obras que mantén en execución Fergo Galicia Vento no espazo natural protexido Serra do Iribio. Sorprende a premura coa que o conselleiro ditou a denegación da suspensión das obras, cando no recurso de alzada se alegaban danos irreparables de carácter ambiental e patrimonial e o incumprimento de diversas normativas vixentes, como a prohibición da instalación de novos parques eólicos en Rede Natura.  

O recoñecemento da modificación do parque eólico como “non substancial” ditado o pasado mes de febreiro polo director xeral de Enerxía e Minas, Bernardo Tahoces, serviu para eximir automaticamente a Fergo Galicia Vento de ter que someter a modificación do proxecto eólico a unha nova avaliación de impacto ambiental e a un novo período de exposición pública para alegacións, a sabendas de que estes trámites non sería superados en aplicación da normativa vixente. De aí, a relevancia do acto administrativo recorrido. A través deste acto, a Consellaría de Industria e, nomeadamente, a Dirección Xeral de Industria e Minas, estaría facilitando á empresa a execución das obras no espazo natural protexido e impedindo a presentación de alegacións á modificación do proxecto por parte da sociedade civil e das persoas afectadas máis directas. De feito, Salvemos O Iribio tivo coñecemento da resolución que se vén de recorrer no TSXG a través da asociación ecoloxista ADEGA, a cal tivo acceso ao expediente de modificación, 8 meses despois de telo solicitado, e 6 meses despois de terse ditado por parte da Dirección Xeral de Enerxía e Minas o recoñecemento de modificación non substancial do parque eólico do Iribio.

Unha nova avaliación de impacto do proxecto modificado

Máis de 14 anos despois de ter sido aprobada a Declaración de Impacto Ambiental do proxecto e 11 anos despois de ter sido autorizado pola Xunta o proxecto eólico Serra do Iribio, a empresa promotora, Fergo Galicia Vento, presentou ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas unha solicitude de modificación do parque eólico que implicaba unha diminución de 12 a 8 aeroxeneradores, pero o aumento das dimensións dos muíños en 15 metros de altura e nun 64% máis de rotor das pás, aumentando tamén nesa porcentaxe a probabilidade de colisión coas aves. A empresa non incorporou modificacións para os viais de acceso ao parque, aínda que, posteriormente, na práctica si se producirían modificacións relevantes no trazado orixinal.

Alén diso, o director xeral de Enerxía e Minas concedeu o recoñecemento da modificación como non substancial en base ao establecido no artigo 37.1 da Lei 8/2009, de 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia; sen embargo, non aplicou outras disposicións da mesma lei que prohiben a instalación de novos parques eólicos en zonas de especial protección dos valores naturais, nin outras normativas plenamente vixentes que tamén restrinxen este tipo de infraestruturas en zonas de Rede Natura, como é o Decreto 37/2014 polo que se aproba o Plan Director da Rede Natura, ou que esixen unha nova avaliación ambiental do proxecto modificado como é a Lei 21/2013, de 9 de decembro, de Avaliación Ambiental.

En virtude destes motivos e, nomeadamente, da acelerada destrución irreversible dos valores naturais e patrimoniais de interese público que se está a producir na serra courelá do Iribio e da falta dunha avaliación de impacto ambiental do proxecto eólico modificado adaptada á normativa ambiental e patrimonial vixente, a plataforma Salvemos o Iribio demanda a actuación inmediata da Xustiza para que decrete a paralización urxente das obras do parque eólico de Fergo Galicia Vento.

Entidades que conforman Salvemos O Iribio

Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación Sociocultural O Iribio, Fundación Oso Pardo (FOP), Fundación Uxío Novoneyra, Petón do Lobo, Lugo Animal Save, Anonymous for the Voiceless, Colectivo Capitán Gosende, Asociación Cultural Roxín Rosal, Xuntos Sarria, Agrupación Cultural Ergueitas, Comité de Defensa das Rías Altas, Plataforma Galega para a Defensa Animal e da Natureza, Rede Galega do Patrimonio, Rede Galega da Educación e Desenvolvemento Rural, Salvemos a Comarca de Ordes, Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), Stop Eólicos Paradela, Movermento Feminista da Coruña, Sindicato Labrego Galego, Asociación De Desenvolvemento Rural Serra do Caurel.
Movermento pola defensa das pensións Lugo, Representantes de Equo Galicia, Anova, BNG, En Marea
Os Grupos Parlamentarios de En Marea, BNG e Grupo Mixto.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal