ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Resultados do Informe Anual 2018 do Proxecto Ríos

10-09-2019

Resultados do Informe Anual 2018 do Proxecto Ríos

En 2018 o voluntariado do Proxecto Ríos determinou que o 36% dos ríos estudados en primavera tiñan moi bo estado de saúde; en outono foron o 37% dos casos. Con estado bo, as porcentaxes se distribúen da seguinte forma: 41% en primavera; 33% en outono. Para os estados moderado e deficiente temos as seguintes porcentaxes: 12% e 11% en primavera respectivamente e 16% e 12% para o outono. Con estado malo apareceu un 2% en outono no río Louro.

Participación

Dende o ano de inicio do Proxecto Ríos, o número de participantes aumentou considerabelmente. Na actualidade contamos con 390 grupos. Da totalidade dos grupos, enviaron as inspeccións de río o 30%, dato más baixo ao de anos anteriores:2017 (42%); 2016 (41%); 2013 (52%); 2014 (53%) e 2015 (46%). En 2018 recibíronse 116 inspeccións de río.
 
En canto á participación por provincias, a provincia de A Coruña é na que máis grupos hai, seguida moi de preto pola de Pontevedra. As porcentaxes entre unha e outra provincia son idénticas, do 36%. Lugo mantivo as súa porcentaxe de participación no período 2010 – 2017 (13% de media) co 14%. Ourense acadou un 11% no total de número de grupos, porcentaxe igual á de 2015 (11%) e 2016 (10%).
A bacía das Rías Baixas é a que aglutina a maior parte dos grupos participantes e na que máis inspeccións se realizan, acollendo o 50% das inspeccións. Respecto a outros anos (2012-2017), a bacía do Arco Ártabro sufríu un acusado descenso na participación. A conca dos ríos que verten ao Cantábrico acadou valores dos anos 2013, 2015 e 2017, cun 5%, mentres que a do Limia – Douro obtivo un 3% de participación.

Estado de Saúde dos Ríos

En función dos datos recollidos polo voluntariado sobre a calidade dos ríos, podemos concluír que en 2018 se observa unha diminución na porcentaxe de ríos en moi bo estado tanto na primavera como no outono. Mantense en 2018 a migración dos treitos en moi bo estado cara a un bo estado de saúde, sobre todo na campaña de primavera. Estes datos véñense apreciando nos últimos anos.

Os treitos con calidade moderada, na que a saúde do río é mediocre, presentan un descenso na campaña de outono chegando ao 16% con respecto ao 2017 (23%), que foi o valor máis alto do período 2012 – 2016. O 12% rexistrado en primavera  está dentro da media acadada no período 2012-2017.
Si se aprecia un cambio nos treitos con calidade deficiente (nos que a degradación do medio fluvial é patente), producíndose un aumento, sobre todo na campaña de primavera, que cun 11% é o valor máis alto no período 2014?2017. O dato da campaña de outono é idéntico aos anos 2017 (12%), 2015 (13%) e 2014 (12%). Estes valores se corresponden, en primavera, cos ríos Baíña (Baiona), dos treitos do Lagares (Vigo), Lonia (Ourense), dous treitos do río Miño (Outeiro de Rei), Xaralleira (Bergondo) e Limia (Xinzo); en outono os ríos con saúde deficiente foron o Gafos (Pontevedra), Lagares (Vigo), Miodelo (Bergondo) e  Limia (Xinzo).
En 2018 so se acadou o mal estado de saúde no río Louro,  durante a campaña de outono, e nun treito enfronte do polígono industrial da Granxa. Ningún treito amosou mala calidade na campaña de primavera.
Volve así o río Louro a presentar mala saúde como en 2015 e en 2016. En 2017 conseguira certa e efémera melloría acadando saúde moderada. Este ano tampouco houbo inspeccións no río Sar, que en anos anteriores amosou mala calidade.

Calidade do Bosque de Ribeira

En 2018 o estudo da calidade do bosque de ribeira amosa resultados moi similares aos do ano 2015, con porcentaxes das marxes que posúen alteracións importantes que se achegan a valores do 42 – 45% de media. Se a isto sumamos as marxes que se atopan degradadas, vese que máis da metade, aproximadamente o 60%, dos treitos de río estudados polo voluntariado tiñan as súas marxes con algunha alteración no bosque de ribeira. Isto deixa nun escaso 40% as marxes dos ríos en bo estado de conservación.
Existe en 2018 unha significativa diminución das marxes de río en bo estado de conservación, a máis baixa dende o ano 2013, cunha media entre as campañas de primavera e outono do 30 – 35% aproximadamente. A tendencia iniciada en anos anteriores cara a degradación continua un ano máis, onde o conxunto de ribeiras estudadas polo voluntariado que se atopan con alteracións importantes ou moi degradadas volve a superar con creces o 50% dos casos.

Calidade do Hábitat

Para a calidade do hábitat emprégase o IHF (Índice de Heteroxeneidade Fluvial). Os valores de calidade do hábitat en 2018 foron similares ao período 2014-2017, onde máis do 50% dos treitos estudados, tanto en primavera como en outono, presentaban hábitats ben constituídos, indicando que poden soportar unha importante comunidade de macroinvertebrados. Porén, apréciase un lixeiro aumento dos treitos que presentan alteracións, sobre todo na campaña de outono, chegando ata o 41%. Os datos de primavera son moi parecidos os dos anos 2015, 2016 e 2017. Atendendo aos hábitats empobrecidos (2%–3%), correspóndense, como ven sendo habitual, con treitos de río canalizados.

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal