ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Xornada de voluntariado na Casa das Insuas

19-11-2013

Xornada de voluntariado na Casa das Insuas

Charcas con Vida e a Asociación Galega de Custodia do Territorio convocan unha xornada de voluntariado ambiental para creación de charcas que se celebrará o día 30 de novembro na Casa das Insuas (Rábade, Lugo).

Durante esta xornada recuperaremos unha antiga canle de rega situada na cabeceira do Prado da Ponte, finca custodiada pola AGCT na que a entidade desenvolve diversas actividades de educación ambiental e conservación da natureza. Crearemos tamén unha nova charca para ofrecerlle á flora e á fauna da zona un novo hábitat, moi escaso e ameazado na zona.

As canles de rega e as charcas de prado foron unhas estruturas de grande utilidade durante o pasado, xa que se usaban para regar as fincas e para acumular auga para usar durante a época estival. Os animais tamén as usaban para desenvolver o seu ciclo vital, alimentarse, reproducirse, etc. É por iso que este proxecto vai ter unha grande influencia sobre a conservación da biodiversidade da zona.

Con este proxecto, tamén pretendemos implicar ao voluntariado nunha actividade de especial interese para a conservación dos invertebrados, anfibios... que viven nos sistemas acuáticos e recuperar os antigos usos tradicionais que se lle daba a auga na agricultura.

O voluntariado contará con seguro de accidentes, comida e ferramentas apropiada. Será necesario levar roupa de traballo e botas de auga. Esta actuación enmárcase no proxecto Charcas con Vida, coordinado por ADEGA que conta coa colaboración da Fundación Biodiversidad do Ministerio de Agricultura Alimentación e Medio Ambiente. As actividades da Casa das Insuas, organizadas pola Asociación Galega de Custodia do Territorio, realízanse coa colaboración da Área de Medio Ambiente da Deputación de Lugo.

contacto: charcas@adega.gal ou no tlf:981 57 00 99 / 649 611 508

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal