ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Vía Ártabra en Cambre: cartos públicos para o...

23-07-2019

Vía Ártabra en Cambre: cartos públicos para o negocio de concesionarias e construtoras a costa do medio

O trazado da Vía Ártabra en Cambre é exemplo dun modelo de infraestruturas deseñado para maximizar o gasto público e engordar o negocio das construtoras e concesionarias, a costa de graves impactos sobre o territorio.

ADEGA apoia as reivindicacións conxuntas da veciñanza e do concello de Cambre que reclaman que o treito da Vía Ártabra ao seu paso por este concello non afecte ao humidal e ao corredor ecolóxico da Gándara, alén de estar libre de peaxe.

O trazado desta infraestrutura através do concello de Cambre para o enlace da Vía Ártabra coa A-6 aprobouse pola Xunta en 2008 sen atender ás reclamacións de veciñanza e concello para escoller o trazado máis curto e de menor impacto ambiental e territorial. O treito aprobado resultou un 22% máis longo e afecta a unha área húmida protexida: o humidal da Gándara. En contra do establecido no proxecto sectorial, a obra en troques de estruturar o territorio, compartiméntao, deixando sen solucionar o problema da mobilidade na comarca.
A maiores, no proxecto construtivo presentado en 2016 para este treito, modifica a traza aprobada en 2009, e en lugar dunha vía de alta capacidade para enlazar coa AP-9 proponse unha autovía, furtando o obrigatorio trámite de Avaliación de Impacto Ambiental. A obra asfalta unha importante zona húmida, A Gándara, inventariada no Sistema de Infraestruturas Verdes de Galiza, área da Coruña, un proxecto financiado ao 80% con fondos europeos. É un espazo húmido con hábitats de interese europeo e prioritarios que funciona como corredor ecolóxico e que foi incluído na "zona tampón" da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo.
Ao modificar o trazado, fica clara a vontade da Xunta de priorizar a conexión coa AP-9 sobre a A-6, aparecendo ademais unha peaxe que habería que negociar con AUDASA.

Para ADEGA estas manobras, contrarias a unha planificación sustentábel das infraestruturas e a un uso racional dos recursos públicos, só benefician ao negocio de concesionarias e construtoras.
Tras esta obra, subxace tamén o interese por dar saída aos novos complexos urbanísticos de luxo situados ao N preto da costa, que necesitan unha conexión rápida coa cidade da Coruña sen pasar polo funil da Ponte da Pasaxe (A-6). Para os propietarios destas luxosas urbanizacións, pagar a AP-9 non suporía problema algún...

Semella pois que, como nos mellores tempos da burbulla inmobiliaria, atopámonos diante dourtro exemplo de planificación territorial ao servizo dos intereses privados. A racionalidade no deseño, a minimización dos impactos e o aforro de custos non son as motivacións da Xunta: darlle saída ao novo "Oleiros D'Or" sería a prioridade.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal