Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA constata in situ a desfeita causada polas...
20-06-2019
Integrantes de ADEGA, xunto con membros de colectivos como a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), Asociación Galega de Custodia do Territorio, EQUO e Asociación Socio-Cultural O Iribio, desenvolveron onte mércores, á tarde, unha acción reivindicativa simbólica no alto da Serra do Oribio, entre os concellos de Triacastela e Samos, en defensa dos valores da Rede Natura.
Esta acción tiña como obxectivo inmediato dar resposta aos traballos ilegais que, desde hai varios días, se estiveron desenvolvendo no alto da Serra do Oribio, tal e como ADEGA denunciou perante o SEPRONA de Lugo o pasado 7 de xuño e tamén diante das Consellarías de Medio Ambiente e Industria e dos concellos de Samos e Triacastela, exixindo a súa paralización inmediata.
Onte, xa sobre o terreo, as activistas de ADEGA e dos outros colectivos presentes na acción puideron comprobar como, aínda que os traballos están aparentemente interrompidos, 3 escavadoras e 2 camións permanecen no alto do cordal da serra.
Púidose constatar o alcance da desfeita xa consumada polos traballos executados, ao menos, durante os últimos 20 días nun espazo, recordémolo, catalogado como Lugar de Interese Comunitario e Zona de Especial Conservación dos Valores Naturais (ZECVN), parte da Rede Natura 2000 e do ZEC Ancares – Courel e que, así mesmo, fai parte do proxecto de Reserva da Biosfera Ribeira Sacra – Serra do Oribio e é área potencial no Plan de Recuperación do Oso Pardo (proxecto Life Oso-Pardo, cofinanciado con fondos europeos).
Os traballos da maquinaria pesada desfixeron xa un treito importante do Camiño Real de Vilafranca do Bierzo a Monforte, ben patrimonial inventariado, e acometeron salvaxes desbroces que afectan a especies vexetais singulares, ao tempo que ameazan gravemente outros elementos de gran valor patrimonial e etnográfico: a Medorra do Fial, situada a menos de 400 metros de onde estaban as máquinas, as Ventas da Braña e do Retorno ou o Portádego do Oribio, antigo lugar de dereito de paso, así como algún exemplar de antigo neveiro.
Tanto ADEGA como os outros colectivos sociais presentes onte na acción no alto do Oribio coinciden en sinalar o descrito como un auténtico atentado ecolóxico e patrimonial contra os valores da Rede Natura e exixen tanto da Xunta como dos concellos de Samos e Triacastela a urxente, e definitiva, paralización do proxecto eólico, que entenden absolutamente incompatíbel coas características paisaxísticas, ambientais e patrimoniais da serra.
O inicio dos traballos con maquinaria pesada no alto do cordal do Oribio, así como a constatación da súa ilegalidade, teñen despertado gran preocupación veciñal nos concellos de Triacastela e Samos, como así puideron comprobar ADEGA e as outras entidades presentes onte na zona.
Veciñas e veciños da zona convocan para este sábado 22 de xuño dúas concentracións diante das Casas Consistoriais de Samos e Triacastela coa finalidade de exixir destes dous concellos, en cuxos terreos se quere construír o proxectado parque eólico da empresa Fergo Galicia Vento, que non se conceda autorización ou licenza municipal para ningunha obra ou traballo en espazo da Rede Natura.
A primeira das mobilizacións será ás 12 da mañá diante da Casa do Concello de Samos; media hora máis tarde (12.30) diante do Concello de Triacastela.
Posteriormente, a mobilización subirá ao corazón da Serra do Iribio, por Abradelo, para rematar cunha andaina lúdica a pé, a lectura dun manifesto en defensa do monte e un xantar popular.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal