ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Nova aplicación móbil para o seguimento do...

20-05-2019

Nova aplicación móbil para o seguimento do programa de compostaxe de Compostela

A aplicación, recentemente estreada, axiliza a recollida e o procesamento de datos

Na segunda fase do programa piloto de compostaxe doméstica de Santiago de Compostela, o Concello, coa colaboración de ADEGA, creou unha aplicación co fin de axilizar a recolla de datos e a súa xestión, permitindo a xeolocalización dos composteiros, a evolución do proceso, relacionar imaxes con datos e compilar os resultados dunha enquisa final: como afecta a nova xestión do lixo orgánico no fogar e os problemas e solucións que puideran ter acontecido durante a duración do programa.

A aplicación matriz é de software gratuíto “CyberTracker”, e foi orixinalmente creada para o rastreo de fauna e flora en grandes áreas protexidas do Planeta a fin de determinar, clasificar, fotografar e xeolocalizar as especies a través dunha interfaz táctil, moi intuitiva. “CyberTracker” foi modificada e adaptada expresamente por Sorex, Ecoloxía e Medio Ambiente S.L. para a rutina de seguimento dos composteiros, financiada pola Concellería de Medio Ambiente do Concello de Santiago de Compostela.

A nova app permitiranos rexistrar dun modo máis eficaz e eficiente os datos que procedan do programa de compostaxe caseira que se está a desenvolver na área periurbana compostelá, onde están inscritas 131 vivendas. A nova ferramenta poñerase en práctica a finais de deste mes de maio nas parroquias de Villestro, Laraño, Figueiras, San Caetano e Sabugueira, onde xa hai 27 composteiros xa repartidos.

Dez anos educando na compostaxe doméstica

Dende o ano 2009 ADEGA promove o uso  de composteiros individuais nas vivendas con horta e/ou xardín de numerosos concellos galegos através do Programa de Compostaxe Caseira para a xestión ecolóxica dos residuos orgánicos domiciliarios. Despois da instalación inicial do composteiro na horta, terraza ou xardín da veciñanza realízase, nun ciclo de varios meses, un seguimento individualizado con tres visitas a cada fogar,  onde persoal de ADEGA asesora sobre boas prácticas para o tratamento da materia orgánica procedente da vivenda e da horta e onde se comproba e controla a fase do proceso e calidade da compostaxe resultante.  Ata o de agora, a toda a toma de datos e resultados e posterior volcado na base de datos do ordenador, facíase de forma manual. 

ADEGA lembra a importancia de sumar accións que incitan a mudar hábitos que melloran a nosa relación co medio ambiente. Transformar os restos orgánicos  procedentes da cociña, xunto co material vexetal da horta e xardín en abono  supón unha mellora na eficiencia económica e enerxética  para os petos das persoas participantes, para o Concello e para a sociedade en xeral. Compostar tamén é Reciclar.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal