ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA apremia a Xunta para declare BIC a Cova...

20-02-2019

ADEGA apremia a Xunta para declare BIC a Cova Eirós

O vindeiro 10 de abril vence o prazo legal para resolver a declaración do BIC


A resolución da Consellaría de Cultura do 10 de abril de 2017, pola que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia iniciou o expediente de declaración de Cova Eirós como Ben de Interese Cultural (BIC), establece desde a devandita data un prazo de 24 meses para a súa resolución definitiva. Así pois, o vindeiro 10 de abril remataría o prazo máximo legal para que a Xunta declare de forma definitiva a Cova Eirós como BIC.                              

Sen embargo, a poucas semanas de que venza este prazo, ADEGA non ten noticia, pese a ser requirida insistentemente diante da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, de se a Xunta vai cumprir coa súa obriga e resolver en tempo o expediente. ADEGA tamén descoñece se o departamento de Cultura acolleu finalmente as achegas ao expediente presentadas pola asociación ecoloxista o pasado 2 de xuño de 2017, nas que se reclamaba, entre outras cuestións, o estudo e protección doutras covas do mesmo conxunto arqueolóxico, aumentar a 200 metros a área de protección integral do xacemento e a restauración do teito vexetal orixinal da cova que foi destruído pola empresa Cementos Cosmos en 2014, coa conivencia da Xunta de Galicia.  

Aínda a día de hoxe, a integridade e estabilidade da Cova atópase en risco, ao estar situada en terreos da canteira de Cementos Cosmos e, por tanto, sometida á continua presión da actividade mineiro-extractiva.  É por iso que a declaración de Cova Eirós como BIC debe ser inminente. Permitiría establecer zonas núcleo de protección integral e zonas de amortecemento que favorecesen a preservación do ben e da súa contorna fronte a actividade mineira e outras actividades humanas agresivas co territorio, así como determinar as obrigadas medidas de cautela que evitasen o seu deterioro e que favorecesen a recuperación e protección dos seus valores ambientais, arqueolóxicos,  paleontolóxicos, patrimoniais e artísticos. Cabe lembrar, ademais, que a normativa vixente obriga á administración pública a conferirlle a Cova Eirós de forma automática o rango de BIC por conter no seu interior gravados e pinturas rupestres.  

Malia a todo, ADEGA teme que a Xunta faga primar os intereses da canteira, que pretende extraer de alí a calcita de maior calidade, e deixe caducar o prazo de resolución de BIC. Isto deixaría a Cova Eirós sen a protección cautelar e provisional da que goza actualmente (durante a tramitación do expediente BIC) e condenaría o xacemento a permanecer durante outros dous anos, cando menos, sen a protección como ben de interese cultural (a lei impide que antes de dous anos se incoe un novo procedemento BIC, unha vez teña caducado o primeiro).  

Para ADEGA non cabería ningún tipo de xustificación que sostivese tal desleixo e despreocupación por parte da Consellaría de Cultura e do goberno galego, xa que Cova Eirós é un dos bens patrimoniais máis importantes, non só de Galiza, senón de toda a humanidade. Por tanto, no caso de que a Xunta deixe expirar o prazo para a declaración definitiva, ADEGA adoptará as medidas legais que sexan necesarias para facer efectiva a protección da Cova Eirós como BIC, como xa fixera no seu momento para forzar a incoación do expediente BIC. Tampouco descarta recorrer aos xulgados do penal para dirimir presuntas responsabilidades na deixazón de funcións públicas ou contra o patrimonio cultural.

Novas covas a protexer dentro do BIC

A estas alturas existen suficientes evidencias técnico-científicas para concluír que Cova Eirós é merecente do maior grado de protección cultural que pode outorgar a Xunta. No seu interior e na súa contorna gárdanse as pegadas da humanidade primixenia, con restos de lumes de máis de 180.000 anos e pinturas rupestres datadas en máis de 9.000 anos, sendo a primeira cova de Galiza na que se atoparon manifestacións rupestres. Por ela pasaron os humanos do Neandertal e os primeiros Cromagnon da Península Ibérica, sendo utilizada case sen interrupción ata os anos 50 do século pasado, e gardando incluso restos pictóricos da Idade Media (s. XII).  

Pero, alén dos seus valores xa coñecidos, ADEGA vén de saber da existencia doutras 10 covas que se atopan nos terreos propiedade da canteira Cementos Cosmos e na área delimitada do BIC, das que 7 estarían dentro do perímetro de protección integral. Este dato, fornecido pola empresa matriz da canteira, a multinacional Votorantim, imprime aínda maior valor ao conxunto arqueolóxico da zona a protexer, que se complementa con outras dúas covas, as da Cabaxa e Graxeira, incluídas no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos de Galiza. Neste senso, ADEGA xa solicitou á Consellaría de Cultura que procurase o inventario e catalogación destas novas cavidades, así como a súa protección dentro do BIC.  

Así mesmo, a Cova Eirós tórnase nestes momentos nun elemento de especial interese científico sobre as orixes da humanidade e dos primeiros poboadores de Galiza, xa que veñen de ser publicadas as recentes descubertas sobre o xenoma da poboación galega polo Doutor Anxo Carracedo da Universidade de Santiago, en colaboración coa  Universidade de Oxford (https://www.nature.com/articles/s41467-018-08272-w#disqus_thread).

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal